¿Era posible a supervivencia da Iugoslavia Federal?
Non hai ningunha razón para desbotar esta posibilidade. A Federación Iugoslava estaba formada por seis Repúblicas: Eslovenia, Croacia, Bosnia-Hercegovina, Montenegro, Macedonia e Serbia, esta última con dúas provincias autónomas (Kosovo e Voivodina), cada unha delas tiña a posibilidade de exercer o seu dereito á saír da Federación. ¿Por qué non ía facelo?. Era tan legal a permanencia na estructura federal como abandonala. É a lexitimidade estaba baseada no dereito de libre determinación.
Intentos para mantela unión houbo dende inicios dos setenta cando a crise económica internacional se deixou notar dun xeito moi especial na Iugoslavia Federal e comezaron as disensión no seo da Liga dos Comunistas á que Tito pretendía integradora dunha Federación -como acostumaba a dicir – de seis repúblicas, catro idiomas, tres relixións, dous alfabetos e un partido.
O alivio das tensións buscouse coa reforma constitucional de 1971 que limitaba os poderes do Goberno Federal e creaba unha Presidencia colectiva de 23 membros. A Constitución de 1974 reforza o carácter federal de Iugoslavia: cada república tiña os mesmos dereitos nas institucións federais máis ala do número de habitantes; as dúas provincias autónomas convértense en casi-repúblicas; a presidencia colectiva é rotatoria e dótase a cada república de Banco Central, política de prezos e impostos, acceso directo aos mercados exteriores etc.
As reformas permitiron ás repúblicas máis desenvolvidas -Eslovenia e Croacia – orientar aínda máis a súa economía cara Italia e Alemaña co que as diferencias territoriais aumentaron. As repúblicas ricas superaban no PIB a Grecia ou Portugal mentres que nalgunhas zonas de Serbia "Kosovo, por exemplo – este era equivalente ao de Bolivia ou Haití. Algúns dirixentes serbios dicían cousas moi semellantes ás que di o presidente de Extremadura ao respecto de Cataluña.
A morte de Tito foi outro dos factores que impulsou as tendencias desagregadoras. O seu liderato era o garante do difícil contrapeso por el mesmo ideado, a súa persoa a expresión dese equilibrio: de orixe croata, loitou dende Serbia contra os invasores alemáns e os fascistas ustachas e mantivo afastados aos rusos sempre interesados protectores do pequeno irmán serbio.
Mais a Historia, que algún propagandista andaba a enterrar naqueles anos, deixara moitos mortos e mal sabor de boca. A primeira Iugoslavia rematara sendo Serbia contra o desexo de eslovenos e croatas e fora desequilibrada polos fascistas croatas cando asasinan ao Rei Alexandre e se propoñen, co apoio alemán, o exterminio dos ciganos e serbios. Os chetniks serbios responderon con matanzas indiscriminadas e os mesmos partisanos cometeron as súas.
Cando se afirma que as guerras iugoslavas veñen orixinadas pola disolución da Federación o que, no fondo, se pretende é desculpar o fracaso dun modelo social, argüír que o socialismo autoxestionario iugoslavo era acertado, responsabilizar ao nacionalismo da desaparición dun sistema social considerado xusto, xeralizar o razoamento ao caso da Unión Soviética e atopar un argumento no que apoiarse para seguir mantendo unha posición de esquerdas. O fracaso dos modelos soviético e iugoslavo son complexos dabondo para tratar aquí pero mal lle vai ir a unha esquerda que persiga lexitimidades en experiencias fracasadas. O pensamento de esquerda e o marxismo non precisan desas cartas credenciais para seguir sendo motor de transformacións sociais. Ten, en todo caso, outras necesidades.
A demonización do nacionalismo
¿Chegados a este punto a desintegración da vella Iugoslavia tiña que rematar na guerra?. Pois evidentemente tampouco. A independencia das repúblicas podía terse producido doutro xeito, cun mutuo recoñecemento e procurando formas supraestatais de relacións económicas. ¿Por qué non ía ser posible que as seis repúblicas independentes buscasen xeitos de integración económica?. Non foi así e podemos obvialo. E non foi polos efectos perversos do, parafraseando a Lenin, "chovinismo gran serbio" e do "chovinismo gran croata" ou o que é o mesmo do expansionismo, do imperialismo ou como lle queiran chamar, mais non do nacionalismo. Este é, substancialmente, a defensa dos dereitos da nación non o sometemento doutras nacións, a reivindicación da nación cando está negada. Ao ser libre, ao obter os seus dereitos e a súa libre determinación, o nacionalismo deixa de reivindicar a nación. A negación doutras nacións, o intento de sometelas, limitalas, coartalas, non é o obxectivo do nacionalismo senón do expansionismo ou imperialismo.
As ideoloxías expansionistas son as causantes dos enfrontamentos armados do que vai de século na área dos Balcáns. O lema da unha, grande e libre, que non hai moitos anos se empregaba entre nos, é a consigna da Gran Serbia de comezos do século, da Gran Bulgaria da IIª Guerra Balcánica, da Gran Croacia da IIª Guerra Mundial, da Gran Albania de Mussolini e da Gran Croacia e a Gran Serbia actuais.
Nas terras balcánicas, sometidas durante séculos á fatalidade histórica de ser lindes imperiais que ían e viñan, houbo "e hai – dirixentes políticos que mamaron o expansionismo dos imperios que antes combateron e pretenderon substituír. Na orixe do desastre da vella Iugoslavia non está o nacionalismo nin pretendamos atopar escuros contubernios das potencias occidentais, aínda que si intereses non sempre confesables. A causa da traxedia é interna.
Vasa Cubrilovic un intelectual serbio que desempeñou cargos oficiais importantes tanto na Iugoslavia de entreguerras como durante o período de Tito pronunciou unha conferencia o 7 de Marzo de 1937 en Belgrado, a charla titulábase O traslado dos albaneses e nela dixo cousa como estas:
"O erro fundamental dos nosos dirixentes foi esquecer onde se encontraban, nos axitados e sanguentos Balcáns, e buscar unha solución aos grandes problemas étnicos seguindo métodos occidentais. Turquía implantou nos Balcáns o costume, tomado da lei islámica, polo que a victoria e a conquista militar dun país confiren ao vencedor o dereito a dispor da vida e dos bens do vencido. Dos seus conquistadores turcos, os cristiáns balcánicos aprenderon que a espada non só fai gañar ou perder o poder e a soberanía, senón tamén casa e bens. Mentres que todos os países balcánicos resolveron ou están a piques de resolver a cuestión das minorías nacionais mediante transferencias de poboación, nos conformámonos con lentos métodos de colonización gradual (…). Só é posible instalar masivamente a nosa etnia nestas rexións apoderándose des terras dos albaneses…".