As iniciativas de paz pasan por Moscova

Mentres as bombas seguen a destruír Iugoslavia o representante especial do presidente Ieltsin e ex – primeiro ministro ruso Victor Chernomirdin desprazouse, outra vez, a Belgrado para presentarlle ao goberno de Milosevic unha nova iniciativa de paz elaborada tras os contactos celebrados na capital rusa entre o Secretario Xeral da ONU, Kofi Anan, e os ministros de Exteriores de Rusia, Canadá e Grecia. O representante ruso trasladárase nesta semana a Washington, París e Londres para volver a Belgrado co resultados dos seus contactos.

A iniciativa conta co respaldo de Ieltsin e a aceptación de Schröder quen en calidade de chanceler alemán e presidente de orde da Unión Europea recibiu a Chernomirdin antes da súa viaxe a capital de Serbia. Schröder recoñeceu certos avances e amosouse esperanzado en atopar unha solución política.

Ao mesmo tempo que se desenvolvían estes movementos diplomáticos, Milosevic reuniuse cos seus principais asesores para estudiar as propostas que ían presentar ao enviado ruso. Nunha entrevista concedida a axencia UPI e publicada no diario El Mundo (1-5-98), o presidente iugoslavo declara que estaría disposto a aceptar unha presencia de Nacións Unidas e negociar a súa composición na que non se incluirían soldados de países membros da OTAN aínda que admitiría aos de outros países europeos como Irlanda, Rusia, Bielorrusia e Ucraína.

A proposta de Milosevic consta de seis puntos:

  • 1ª.- Cese de toda actividade militar e retirada das tropas da OTAN concentradas na fronteira de Albania e Macedonia.
  • 2ª.- Reducción da presencia militar iugoslava no Kosovo -dos 100.000 soldados despregados actualmente pasaríase a 11.000- no prazo dunha semana.
  • 3ª.- Regreso de todos os refuxiados.
  • 4ª.- Negociacións dunha autonomía para o Kosovo dentro de Serbia co líder kosovar, Rugova, en presencia de mediadores internacionais.
  • 5ª.- Acceso libre para a ACNUR e a Cruz Vermella internacional
  • 6ª.- Elaboración dun plano económico de recuperación para a República Federal Iugoslava.