As minorías decidirían o futuro de Montenegro

Este domingo, Montenegro celebrará unhas eleccións lexislativas anticipadas e transcendentais, coa vista posta no próximo referendo sobre a independencia. Mentres en Belgrado a detención de Milosevic acelera a pugna entre Kostunica e Djindjic, en Podgorica, as minorías toman conciencia do seu inmenso poder para decidir sobre o futuro do que resta aínda de Iugoslavia.

En Montenegro existen as seguintes minorías principais: os serbios, un 9 por cento; os montenegrinos que se declaran “serbios de orixe”, un 20 por cento; e os musulmáns, un 16 por cento da poboación. Ata hai pouco estes últimos, inimigos tradicionais da Serbia, representaban a principal base de apoio “externo” para viabilizar a estratexia independentista do Presidente Djukanovic. Sen embargo, ese estado de opinión poidera estar mudando.

Rifat Veskovic, dirixente da formación musulmana máis influínte de Montenegro, o Partido para unha Acción Democrática, decalaraba hai pouco que “non temos ningunha alternativa a respecto da independencia de Montenegro, pero esa secesión fragmentaría aínda máis a comunidade bosniaca, de por si moi reducida”. O eixe do novo cambio de situación ten que ver coa detención de Milosevic e as garantías que están a recibir de Belgrado respecto da conservación da rexión de Sandzack, situada a cabalo entre Serbia e Montenegro, onde son a única comunidade. A secesión de Montenegro dividiría as súas familias.

As declaracións nese sentido multiplicanse nas últimas semanas. O Presidente da Coalición do Movemento Nacional de Sandzack, Dzemail Suljecic, asegura que “o mantemento da unidade iugoslava é de interese para todos os cidadáns, incluídos os musulmáns”. O muftí Muamer Efendi Zukorilic, presidente da comunidade islámica de Sandzack, asegura que “ningún patriota musulmán sensato pode aceptar o desmembramento dunha comunidade de por si moi limitada en número”.

Convencer á comunidade musulmana é unha cuestión vital para Djukanovic. A recente restitución dunha mesquita do sultán Hamid II que viña sendo utilizada como comisaría é indicativa dese cambio de percepción, que ven acompañado de numerosos contactos coas comunidades locais para garantir o respaldo a un proxecto que sen o seu apoio pode nacer derrotado.