20041214 libia shukri ghanem

As resistencias libias fronte a vía capitalista


 Choukri Ghanem, clic para aumentar
O deposto Choukri Ghanem, economista de formación e tachado de “tecnócrata”, era unha peza clave dentro deste programa de reformas. Nos últimos anos, baixo os seus auspicios, foi posto en marcha un ambicioso programa de privatización de empresas públicas. Ademais, procedeuse á supresión de subvencións estatais sobre multitude de produtos de uso corrente, o cal levantou multitude de protestas de parte dos poderes fácticos do réxime. Todo esto fixo que a unanimidade contra Ghanem fose a tónica.
 

Os “caciques do réxime” poñen en entredito o poder de Gadafi, que ten que substituír a un primeiro ministro tachado de “liberal” e de “reformista”.


Libia conta desde hai algunhas xornadas cun novo primeiro ministro, Bahdadi Mahmoudi, quen substitúe no cargo ó liberal e reformista Choukri Ghanem. Este último, á fronte do Executivo desde xuño de 2003, pasa agora a desempeñar o cargo de presidente da Compañía Nacional do Petróleo e da Enerxía, un dos postos máis destacados nun país que depende sobremaneira dos dividendos proporcionados polos hidrocarburos.

Tal decisión provén do Consello Nacional do Pobo Libio (CNPL), unha especie de Parlamento dentro do particular sistema político vixente no país magrebí. Segundo observadores e especialistas, estes cambios responderían á oposición dos comités populares provinciais, integrantes estes do propio CNPL, ó proceso de liberalización económica emprendido en determinados sectores produtivos e que aproxima á República Árabe Popular e Socialista de Libia, cada vez máis, cara unha economía de mercado.

Este remprazo na dirección do goberno foi interpretado por algúns como un “síntoma de debilidade” da parte do “Guía” da Revolución, o coronel Muamar al Gadafi. A ninguén escapa que o veterano e controvertido mandatario emprendeu un proxecto para abrir o seu país ó mundo e que esta estratexia pasa por operar profundos cambios no tecido económico do Estado. Para tal empresa, Gadafi dotouse dun equipo de prestixiosos consultores internacionais, sitúandose na cabeza Michael Porter, considerado como “o Califa” da competitividade da Universidade de Harvard.

O deposto Ghanem, economista de formación e tachado de “tecnócrata”, era unha peza clave dentro deste programa de reformas. Nos últimos anos, baixo os seus auspicios, foi posto en marcha un ambicioso programa de privatización de empresas públicas. Ademais, procedeuse á supresión de subvencións estatais sobre multitude de produtos de uso corrente, o cal levantou multitude de protestas de parte dos poderes fácticos do réxime. Todo esto fixo que a unanimidade contra Ghanem fose a tónica.

Baixo estas circunstancias, nun congreso celebrado entón polo CNPL en xaneiro de 2005, o mesmísimo Saif el Islam Gadafi, fillo maior do coronel e pretendido herdeiro do seu cetro de poder, defendeu publicamente ó entón primeiro ministro contra o sentir da maioría dos delegados alí presentes. Algo máis dun ano despois, nembargantes, o que semellaba inevitable chegou e Ghanem foi finalmente desposuído do seu cargo, a pesares do apoio das “altas esferas do poder”.

Como sinala, non sen certa retranca, un dos opositores exiliado en Londres, “semella que os caciques do réxime puideron máis que a propia familia dirixente”. É claro que, apunta Farg Abou Acha, intelectual libio refuxiado en Alemaña desde 1994, “non é Gadafi precisamente quen nos vai levar da man ó paradiso”, en alusión ó complexo exercicio do poder nun país que tendemos a identificar de forma caseque unívoca co despotismo do coronel.