As rexións do Arco Atlántico: Bretaña

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Bretaña, Breizh en bretón, é unha enorme península de 250 Km. de lonxitude e 100-180 Km. de ancho que semella querer escapar da xeografía da Francia continental cara ó Atlántico, non en van é a antiga Armórica (País diante do Mar).

A reforma rexional de 1982, ó crea-la rexión administrativa desvencellada do seu ámbito histórico excluíndo o departamento de Loire-Atlantique, non contentou nin ó nacionalismo nen ó autonomismo. Cun profundo sentimento de pertenza rexional e unha presencia dos valores da solidariedade que se adoitan atopar nas rexións cunha forte identidade cultural, Bretaña está firmemente enleada coa axuda ó desenvolvemento e a cooperación interrexional na que, non podía ser doutro xeito, País do Loira é o principal aliado. Para ambas rexións, que comparten oficina de representación en Bruxelas, a construcción dunha liña de alta velocidade "TGV- que as una é unha cuestión vital.

No interior, o Consello Rexional apoia a reafirmación da identidade tanto dentro do eido comercial (a través das asociacións "Création Bretagne" e "Produit en Bretagne", en certo modo asimilables á nosa "Galicia Calidade") como a través das axudas que aporta á expresión da tradicionalmente avasallada língua bretona nas emisións de radio e televisión, ou ás edicións e actividades culturais desenvolvidas pola asociación DIWAN.

A dependencia económica do país caracterizouno no pasado como terra de emigración, marxinación e subdesenvolvemento, mais estas características veñen atenuándose moito nas últimas décadas. A poboación, de 2.906.197 habitantes no ano 99, creceu un 4% na pasada década; a progresión das exportacións no ano 2000 resultou nun crecemento do 41,8%, moi superior á media nacional (+14,1%); e está a emerxer un polo bretón dos productos ligados ás novas tecnoloxías (é a primeira rexión europea en producción de teléfonos móviles).

A distribución do emprego rexional rexistra unhas porcentaxes do 18% na industria, un 10% no agro e a pesca, un 65% no terciario, e un 7% na construcción e emprego público. O agroalimentario segue a se-lo primeiro sector industrial bretón; a producción ten os seus alicerces na gandería e a avicultura e o agro modernízase a través das novas formas de organización económica: asociacións de productores, desenvolvemento das industrias agroalimentarias e penetración de capitais exteriores.

Á cabeza do sector industrial sitúase a automoción, que lle da emprego a 23.200 persoas, das cales 10.680 traballan para Citröen, primeiro empregador bretón. O sector das telecomunicacións crece con forza; Bretaña foi a primeira rexión francesa en se dotar dunha rede de servicios de alto poder de venda, e está a introduci-la revolución tecnolóxica en tódolos eidos.

Tradicionalmente apoiada no sector da construcción naval a través dos portos de Brest e Lorient é a rexión máis vencellada á industria do armamento, mergullada en fondas mutacións. Os cambios tamén afectan á pesca. Bretaña é a primeira rexión francesa polo valor dos productos desembarcados, cunha producción anual de 130.000 toneladas de peixe fresco e crustáceos; ademais representa o 97% da producción nacional de algas, orixinando unha emerxente industria dependente: abonos, agroalimentario e cosmética.

O sector turístico coloca á rexión no segundo posto nacional. A extensa rede de estacións balnearias, a illa Saint-Michel, o festival celta de Lorient, e a coidada conservación do rico patrimonio artístico son a imaxe da rexión.