As rexións do Arco Atlántico: Devon

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

A caracterización actual de Devon coma condado administrativo data de hai só tres anos. Ata daquela o sistema de goberno local estaba baseado nunha estructura bicéfala. O Consello do Condado (County Council) ocupábase da maioría dos servicios (educación, servicios sociais, transporte, planeamento estratéxico, medio ambiente, tratamento de refugallos) e, por baixo del, os 10 Consellos de Distrito (District Councils) eran os responsables da reasignación deses servicios. Dende 1998, os antigos Consellos de Distrito de Playmouth e Torbay forman un Consello unitario que reúne as funcións das dúas estructuras; o resto do condado segue a ser administrado do mesmo xeito.

Como parte da gran rexión Sudoeste, o Goberno británico conta coa súa Oficina Rexional (en Bristol e Playmouth), existindo tamén, dende 1999, unha Axencia de Desenvolvemento Rexional, responsable da rexeneración económica da rexión no seu conxunto. Aquí medra a poboación, o volume de negocios e emprego con porcentaxes que exceden ás nacionais nos últimos 15 anos, sen cambiar de todo a caracterización rural e agraria da rexión.

No condado, de 6.715 Km2 e 952.000 habitantes, a importancia da cidade de Playmouth é fundamental. Playmouth é a gran capital da rexión e a cidade máis grande da costa sur con máis de 250.000 habitantes, actuando ademais como centro das demandas rexionais e gran base naval. Deste xeito, se esceptuamos a Playmouth, o condado vive da agricultura, a pesca, a extracción de caolín e o turismo de balneario, mais hoxendía, a industria agroalimentaria, naval, altas tecnoloxías e parafarmaceútica concéntranse nesta cidade, que xunto á capital Exeter (importante centro comercial cun sector de servicios financeiros moi potente), levan o liderado da economía do condado.

Xunto ás presións que os vellos sectores chave (agropecuario, pesca e defensa) arrastran dende hai anos, engádeselle agora para a maioría das industrias locais, e moi especialmente para o turismo, o problema da continua fortaleza da libra esterlina, que frea os investimentos estranxeiros e as vendas ó exterior. Malia iso, si se pode observar unha recuperación no investimento trala crise dos primeiros anos noventa, que acha o seu fundamento nas excelentes relacións con dous países da zona euro, Alemaña e Italia.

En anos recentes crece o número de empresas, aínda que non o seu tamaño, xa que a maioría (ata un 84%) empregan menos de 10 persoas, e só un 3% máis de 50.

Agás no sector exterior, as vendas e beneficios incrementaronse durante todo o ano 2000 e as perspectivas semellan boas, especialmente para o sector financeiro privado, que opera a toda capacidade.

Os prognósticos do Informe Económico Cuatrienal de abril de 2000 para Devon e Cornualla (que veñen estudiados como unha área única de economía e emprego) reflicten un crecemento acelerado no mercado rexional e nacional. A pesares diso, o condado continúa a ter un problema estructural no desemprego. Mentres a taxa total baixa (2,5% en setembro de 2001 fronte ó 3,1% nacional), as pequenas empresas e fábricas están agora perdendo traballos e o recrutamento para certas ocupacións é dificultoso.

O Informe reflicte tamén o impacto das novas tecnoloxías na formación dos traballadores. Nesa liña, un dos proxectos máis ambiciosos que desenvolve o Consello do Condado é o CENTURI 21, consorcio formado por compañías de novas tecnoloxías (Marconi, British Telecom,Oracle…) e sete socios europeos (cidades pertencentes a Italia, Hungría, Suecia, Finlandia e Irlanda) co obxectivo de promover un uso máis extendido dos servicios electrónicos. Baixo a cobertura do V Programa Marco I+D da UE, a duración do proxecto é xaneiro 2000-xuño 2002.