As rexións do Arco Atlántico: Dumfries & Gallogay

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Fronteiriza con Inglaterra, e a un tiro de pedra das costas irlandesas, Dumfries&Gallogay é, viaxando cara o norte, a primeira rexión escocesa do periplo atlántico. Como admiten as autoridades escocesas, a información económica sobre os niveis rexional e local é moi limitada. A maioría das fontes das que se nutre esta información procede de descricións xeneralistas das estructuras gobernamentais ou semigobernamentais británicas, nas que o detalle sobre as rexións escocesas ten un escasísimo tratamento. O executivo escocés ven de recibir novos fondos para desenvolver unha mellor base de datos local, máis, entrementres, no caso da información estrictamente económica, teremos que conformarnos coa ofrecida polo Scottish Hosehold Survey e o Annual Business Inquiry británico.

En tódalas áreas escocesas o sector servicios, sobre todo o turismo, é o que predomina, e tamén en tódalas áreas estase a producir unha importante perda de empregos. Malia iso D&G é a rexión máis empregadora de Escocia, e unha das que rexistra unha menor taxa de desemprego (3,7% en decembro de 2001). Se comparamos co resto do territorio escocés, hai aquí unha maior porcentaxe de activos na agricultura, na pesca e, especialmente, na silvicultura, que é un dos alicerces da economía rexional. Este peso do primario agrícola explícase polo clima particularmente temperado e benigno do que disfruta a rexión, nun claro contraste co resto das terras escocesas.

A alta taxa de emprego no primario é unha das razóns que explican que as rendas sexan un 13% menores ca no resto de Escocia ou, tamén, que a crise das vacas tolas afectase máis a D&G que a outras rexións escocesas, ó concentrárense e malograr ás rexións inglesas fronteirizas.

Dos máis de 200 millóns de libras dos que dispón o orzamento do Consello Rexional, é a construcción de infraestructuras a que leva os maiores volumes, iso si, por detrás das accións a prol do turismo. A peculiar xeografía da área cómpre de xigantescas infraestructuras, particularmente de pontes de gran tonelaxe, para garanti-lo desenvolvemento da economía rexional, na que as pemes teñen, proporcionalmente, un papel rector.

Pódese dicir que os 6.425 km2 que abrangue o Consello constitúen unha sorte do enteiro escocés: esteiros e badías na costa de Solway Firth; vales e montañas nos Southern Uplands, e unha gran extensión xeralizada de fraguentas áreas de forestación comercial que avanzan sobre as reliquias da vella industria mineira do norte.

A poboación, 148.000 habitantes, concéntrase maiormente nas chairas da costa e nos vales dos ríos, zonas estratexicamente ligadas ás tres principais autoestradas que dividen a rexión. Xeográfica e administrativamente hai, nembargantes, 4 áreas: Land of the Border Reivers desenvólvese ó redor do centro comercial rexional, a infelizmente célebre cidade de Lockerbie; Nithsdale&The Solway Coast, na que está Dumfries, a capital; os Rhins&Machars of Galloway e Galloway Heartland sobrancean, pola contra, polo seu rico contorno natural, unha esgrevia e belísima costa no primeiro caso, e un dos maiores parques forestais, o Galloway Forest Park, no segundo.

Se antes diciamos que os datos económicos rexionais escasean en Escocia, non ocorre o mesmo no eido cultural, ó que o país enteiro adica un gran volume informativo. Tódalas áreas de D&G evidencian unha riquísima herdanza arqueolóxica, histórica e literaria e seica é esta última a que lle deu maior gloria e orgullo á rexión nas letras do gran Thomas Carlyle, ou a través dun longo anecdotario literario que ten unha das súas xoias no Peter Pan de J.M Barrie, concibido na capital, Dumfries.