As rexións do Arco Atlántico: Gales

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Gales, que tiña xa , máis ou menos, a súa extensión actual no ano 1000, non pode ser definida coma unha rexión, menos no senso británico, e tamén comunitario, de mera agrupación xeográfico-económica de condados. Xeografía física, humana e económica son distintas; tamén historia, lingua e cultura. Unida politicamente a Inglaterra dende hai máis de cinco séculos, o galés non achou doado acomodo entre os seus ricos veciños ingleses, que rebautizaron Cymru (irmán, nativo, patriota) coma Wales (estranxeiro, lonxano, diferente), significativos nomes para distintas identidades.

Mediante a devolution de 1999, estableceuse una Asemblea Nacional para Gales, coa fin de darlle un maior control sobre os propios asuntos, o que vén contribuíndo a crear unha economía propiamente galesa ó liberala da planificación directa de Londres, outrora consistente na intensificación da emigración galesa ó resto da Illa, a introducción masiva de industrias turísticas e a apropiación das súas minas de carbón, que proveeron un día ata un tercio do carbón mundial.

A racionalización da industria do carbón implicou que dúas de cada catro minas de carbón británicas foron pechadas en Gales en 1993; malia iso Gales ten e retén o seu poderío enerxético a través das refinerías de petróleo (1/5 da capacidade do ReinoUnido), nuclear, ou da súa central eólica de Llandnam, a maior de Europa. Os maiores portos do esteiro do Severn (Cardiff, Newport e Swansea) distribúen unha gran cantidade de mercadorías, no só no mesmo Gales, senón tamén cara Inglaterra a través da extensa rede ferroviaria e de estradas que os une ós Midlands. Nembargantes, é o porto de Milford Haven, na península de Pembroke, o que experimentou o progreso máis espectacular ao constituírse en centro da rede de estructuras petrolíferas do oeste, e convertirse no sexto porto británico por tonelaxe.

Cunha poboación de case 3 millóns de habitantes (o 5% da poboación británica) e unha densidade sensiblemente menor (141hab/Km2 fronte a 241); preto de 2/3 desa poboación viven no industrializado, e moito máis rico, sur. Este desequilibrio podería mudar; a inversión na tendencia migratoria (con moitos inmigrantes procedentes de Inglaterra na última década), e unha industria que medra por riba do conxunto británico, comeza a cambiar a configuración tradicional.

A diversificación e a enorme transformación da economía galesa, ten moito que ver coa súa conversión en gran polo tecnolóxico, pero tamén co éxito na atracción de investimentos de compañías estranxeiras e doutras áreas do Reino Unido. Xunto ó carbón, o petróleo e o aceiro (42% da producción británica e 29% do PIB local), Gales concentra agora o 10% da producción mundial de fibra óptica e máis do 10% do emprego británico no sector electrónico. Gales é un centro importante para o consumo, a electrónica, as tecnoloxías da información, compoñentes da automoción, química, aeroespacial e alimentación.

Certamente, as industrias principais seguen a estar no sur, lugar de localización da maioría das empresas do aceiro e das industrias máis novas, mais o Norte está atraendo un volume considerable desa nova industria. Isto é así, sobre todo, no norlés, ó redor de Wrexham e Deeside, incrementándose tamén no norleste coa mellora das infraestructuras de comunicación costeiras.

No que atinxe ós investimentos estranxeiros, Gales recibe hoxe o 16% do investimento exterior na Gran Bretaña, procedente sobre todo de Corea do Sur, EE.UU, Europa e Xapón, que concentra aquí o seu investimento nas Illas Británicas. Sony, Bosh, Panasonic, Toyota, e Kimberley Clark son só algunhas das firmas punta presentes entre as máis de 300 compañías internacionais radicadas en Gales.