As rexións do Arco Atlántico: Galway

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O condado de Galway -Gaillimh-, na provincia de Connaught constitúe o centro xeográfico, demográfico (188.854 habitantes), cultural, administrativo e comercial da rexión Oeste da República de Irlanda, formada tamén polos condados de Roscommon e Mayo. A parte de que no seu liderado saliente o pulo rexional da capital, o condado é, culturalmente, o corazón das rexións Gaeltacht -denominación oficial daquelas onde un número substancial da poboación ten por fala o gaélico-, reserva espiritual resistente á aculturización inglesa, ó tempo que constitúe tamén unha das zonas máis desfavorecidas do país.

Nesta gran rexión Oeste, Galway non é, malia o anterior, un lugar onde a cultura sexa unha actividade residual, nin tampouco un enclave agrario, a pesar de que a agricultura conserva, ante todo, a súa importancia social e cultural. Sinalada pola OCDE coma unha das rexións europeas que rexistran un crecemento máis rápido, e como a localización europea máis propicia ó investimento norteamericano, o condado vese arrastrado pola explosión poboacional dunha capital, Galway City, que é o punto de referencia de todo o Oeste. Terceira cidade do país, por tras de Dublín e Cork, Galway City rexistra a taxa de inmigración interna máis alta de Irlanda. Ós 62.229 habitantes de abril de 2000, cumpriría engadi-los máis de 30.000 que viven no distrito rural que rodea a cidade e, en certo modo, ós habitantes da industrial Oranmore, situada a só 10 Km. de Galway City e que emerxe como cidade satélite desta. O condado medra así a partir da City, que rexistra o 80% do crecemento nos 36 Km. do radio que a rodea. A progresión do crecemento, estimado nun 21% de aquí á vindeira década, ten moito que ver coa inmigración interna, que acode atraída polas posibilidades da cidade para traballar e vivir, e máis concretamente pola fortaleza dos sectores económicos locais (negocios, turismo, comercio), que veñen sendo a rebotica pecuniaria do universitario e cultural, nunha cidade que tradicionalmente, e de xeito ocasional, atrae centos de dublineses desencantados coa gran cidade e europeos amantes do folclore.

Cun centro monumental con trazas urbanísticas españolas froito dunha vella e privilexiada canle comercial co continente, Galway City atrae os turistas pola proximidade da fermosa península de Conamara e mailas illas Aran, que gardan algunhas das mellores escavacións arqueolóxicas de Europa. A Galway veñen tamén numerosos homes de negocios que ven na moi cualificada forza de traballo do condado (un de cada catro adultos rematou os estudios universitarios) un valor engadido para a industria. Con tres institucións educativas de terceiro ciclo (a Universidade Nacional de Irlanda, a de Galway -NUIG-, e o sonado Instituto de Tecnoloxía Galway-Mayo -GMIT-), Galway presume a nivel nacional da calidade da instrucción dos seus traballadores.

Pero non todo é a City. Xunto a Oranmore, Tuam, Ballinasloe, e Loughrea son centros económicos emerxentes dun condado no que o sector profesional, técnico e de saúde (23%) sobrancea cuantitativamente sobre o resto do país, se ben a categoría comercial e vendas (16%) medra fortemente. Agricultura e pesca, moi importantes no interior rural da gran rexión Oeste, ocupan soamente ó 1% dos traballadores en Galway, pero a relevancia da acuicultura -que se beneficia de importantes incentivos estatais- vai en aumento: ostras, vieiras, salmón, mexilón… son productos que tiran proveito dos fondos protexidos da badía de Galway e da cativa importancia da industria e a agricultura coma factores contaminantes.

A 45 minutos de Dublín vía aérea -5 voos diarios- Galway está aínda, coma no pasado, preto do continente. Coma parte de Irlanda e no espacio do Arco Atlántico Norte é a única rexión membro da zona euro. Xunto a esta vantaxe no que atinxe ós riscos no cambio de divisas, as baixas taxas corporativas e a boa dispoñibilidade de solo para uso industrial e comercial, fan de Galway, coma explica a recomendable web da Cámara de Comercio (www. galwaychamber.com/) unha rexión con boas razóns para investir nela e un paradigma dos bos resultados da vía educación+I+D nun entorno xeral, o Oeste irlandés, que presenta dificultades en acompaña-lo éxito económico do resto do país.