As rexións do Arco Atlántico: Hampshire

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Hampshire, con 1.523.000 habitantes e 3.679 Km2, é un dos máis grandes shire (condados) non metropolitanos de Inglaterra. Chamada ás veces "Hant", forma derivada do vello inglés anglo-saxón, é a gran porta á rexión Surleste de Inglaterra, ou o que é o mesmo, á poboadísima e rica área dependente, case a partes iguais, da proximidade do Gran Londres e das conexións marítimas coa Europa continental. Esta presencia de enormes urbes-porto, Southampton e Portsmouth, proporcionanlle ó condado unhas liñas estratéxicas moi claras dentro do país e, mesmo, de Europa.

Hampshire é un dos nós ferroviarios e rodoviarios máis exitosos das RETE (Redes Transeuropeas de Transporte); máis aínda dende a construcción do Eurotúnel que pon, en principio a Calais, en Francia, a 35 minutos en automóbil de Folkstone, pero que tamén une Londres e París en 3h., e Londres e Bruxelas en 2h. e 40 minutos no tren Eurostar. Manter ese status e mailo acceso estratéxico ós seus portos é a prioridade esencial para o Plano Económico 1998-2003 do seu Consello, tanto como xerar postos de traballo para o futuro, garantindo unha das taxas máis baixas de desemprego da Gran Bretaña e un dos emprazamentos empresariais máis importantes de Europa. Efectivamente, centos de millóns de libras son investidas por Ford, Merk e Philips en Southampton, mentres que Portsmouth é a sede británica de IBM, a europea de Pall Corporation, e o fogar doutras compañías de primeira liña: Alenia Marconi Systems, British Aerospace ou Panasonic GMS.

A apertura ós investimentos exteriores e a busca de socios comunitarios están moi apoiadas pola Administración, tradición británica da que participa toda a Illa. Hampshire identifica ademais os sectores económicos que máis lle interesan dado o seu alto valor engadido por unidade de producción: altas tecnoloxías e telecomunicacións; coidado da saúde; electrónica; enxeñería avanzada; sector aeroespacial, e industrias mariñas.

Dentro desa política de colaboración, Hampshire posúe un acordo con Baixa Normandía que promove unha ampla lista de actividades conxuntas no eido social, educacional e empresarial. O Convenio de Cooperación co Foru Aldundia de Bizkaia, pola súa banda, céntrase na promoción económica e os seus aspectos sociais e culturais, así como no ensino e o transporte. Hampshire é a única rexión do Norte de Europa que conta cun servicio regular de ferries e mercadorías a España; o Portsmouth-Bilbao (Pride of Bilbao) é o maior ferry que opera dende os portos británicos. Namentres Portsmouth é o porto británico que conta con máis destinos continentais, Southampton salienta como un dos portos de carga máis importantes no nivel europeo, e máis pola presencia do DERA (Defence Evaluation and Research Agency), o centro de investigación mariña máis grande do continente, agás o de Moscova. Ademais deste, Hampshire conta con outros importantes centros de investigación en eidos de grande prospección estratéxica: enxeñería, aeroespacial, tecnoloxías avanzadas, ciencias medioambientais, saúde e farmacoloxía.

A cooperación a través dos programas de partenariado empresarial comunitarios (Europartenariat 94, Interprise 97) reportanlle a Hampshire interesantes trabazóns con Holanda, Hungría, Romanía, Moldova e, moi especialmente, coa rexión de Moscova. Ó alto perfil que ten Hampshire en Europa debido ó seu éxito como localización empresarial e portuaria, engádeselle o acadado no nivel estrictamente comunitario gracias ós bos resultados dos programas de Fondos, que a colocan na primeira liña entre as rexións do Arco Atlántico.