A polémica saltaba aos medios o 12 de xuño anterior. Ata ese momento, a UE veu cobrando aos fabricantes de automóbiles chineses un imposto do 10 % sobre as importacións. Mais a UE, nun contexto de incremento das vendas chinesas de vehículos eléctricos, anunciaba na xornada previa unha previsión de suba dos aranceis de ata o 25% para os fabricantes chineses. A Comisión Europea apresurábase tamén a subliñar que a recadación fiscal aumentaría en máis de 2.000 millóns de euros. Pero a suba arancelaria non sería aplicada de maneira uniforme a todos os fabricantes: un aumento do 17,4 % para BYD, do 20 % para Geely e do 38,1 % para SAIC, os tres maiores produtores chineses. Non obstante, outras empresas tamén se verían afectadas por esta mudanza arancelaria. Así, empresas como Tesla que teñen gran parte da produción deslocalizada ao xigante chinés, poderían recibir taxas de dereitos diferentes con cálculo individual baixo a condicionante de presentar unha solicitude xustificada da actividade por parte do fabricante.
Mais, de onde xurde esta polémica dos aranceis e por que a UE optou por esa viraxe proteccionista? A explicación cómpre buscala a uns cantos quilómetros de distancia. A poucos meses das eleccións norteamericanas, e co duplo obxectivo da vitoria electoral e da protección da industria estadounidense, o presidente Biden anunciaba o 13 de maio a través da Casa Branca unha imposición de aranceis do 100% aos vehículos eléctricos chineses, que se faría extensiva tamén a outros bens coma baterías, paneis solares e minerais. Este tipo de bens viñan pagando ata ese momento no EE.UU. unha imposición que se situaba arredor do 25%. O goberno norteamericano xustificaba este incremento como solución fronte á volta á competitividade de China no sector grazas ás subvenciones de Pekín á automoción. Mentres tanto, a resposta chinesa, de menor intensidade, optaba pola suba dos aranceis para a carne de gando porcino importada desde a UE, o que por certo afectaría particularmente ás exportacións de España.
E no caso galego? Cal é a dependencia comercial de China? Galicia conta cun saldo comercial negativo respecto do país asiático. Esta diferenza veuse agrandada a partir de finais da última década, tanto pola dependencia tecnolóxica e industrial, como pola crise da Covid, que supuxo unha toma de conciencia da dependencia europea e mundial na fabricación de bens -desde as simples máscaras cirúrxicas a produtos tecnolóxicos- e no transporte dos mesmos -coa crise do peche portuario pola criticada política de Covid cero seguida por Xi Jinping-. Así, mentres as exportacións galegas a China apenas supoñen hoxe en día o 1,30% do total, o 12,59% das importacións galegas proveñen deste país (fronte ao escaso 0,78% que supoñían no ano 2.000).
Gráfico: Total Exportacións-Importacións de Galicia a China (miles €)

Fonte: Elaboración propia a partir de datos do IGE
Os datos por provincias teñen tamén interese. Como é de agardar, son as provincias atlánticas as que concentran a meirande parte das exportacións e importacións. Pero destaca o peso relativo das exportacións da provincia de Lugo (6,11% do total), relacionado coa súa especialización produtiva no sector primario. E é que Galicia exporta a China fundamentalmente peixe, crustáceos e moluscos e leite, así como derivados do leite, ovos e produtos derivados destes. Tamén exporta, en menor medida, produtos químicos. Polo lado das importacións, son as provincias de Pontevedra (18,35% do total) e Ourense (12,49%) as máis dependentes da China, fronte a Lugo (10,51%) e Coruña (7,26%). Aquí, o perfil das importacións muda. Os produtos presentan maior valor engadido, tratándose principalmente de aparellos e equipamento eléctrico e do sector téxtil. A maquinaria e as aplicacións mecánicas ocuparían o terceiro lugar. Precisamente estas áreas de importación coinciden con parte da especialización produtiva da autonomía. Así é que as alteracións e o devir das relacións comerciais entre a UE e a China non debería resultar indiferentes a numerosos axentes económicos galegos.
[Publicado en Nós Diario o 03/07/2024]

