20060226 ramon carrizalez

As “tres R” de Chávez

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Ramón Carrizalez Rengifo; clic para aumentar
O resultado do 2-D evidenciou cambios significativos tanto para Chávez como para a oposición. O momento político venezolano semella dirixirse cara unha rectificación e renovación de prioridades, máis focalizadas nas necesidades cidadáns. Quizás o máis importante é que este novo escenario pode permitir a apertura dun espacio para a reconciliación e o acercamento. (Foto: O novo vicepresidente, Ramón Carrizalez, durante a inauguración no 2006 dunha obra vial sendo ministro de Infraestructura. Carrizalez, un militar retirado afecto a Chávez, substitúe a Jorge Rodríguez, quen será encomendado na conformación do PSUV).
 

"Revisar, Rectificar e Reimpulsar". A nova fórmula empregada polo presidente Hugo Chávez, popularmente coñecida en Venezuela como "as tres R", semella dirixida a darlle un novo aire ao proxecto revolucionario socialista, tralo fracaso electoral na aprobación da reforma constitucional o pasado 2 de decembro de 2007.

Coas "tres R" viu tamén o maior cambio no gabinete gobernamental desde que Chávez chegou ao poder en 1999. Un total de 13 dos 27 ministros foron removidos e substituídos por outros cun perfil político máis tecnócrata. Un especial énfase neste cambio ministerial presentouse nas carteiras de Vicepresidencia, Interior e Xustiza, Alimentación e Desenvolvemento Económico.

Os cambios no gabinete e a necesidade de rectificación evidencian unha modificación de enfoque e de prioridades para Chávez, sen que necesariamente afecte á esencia do seu proxecto político. O problema principal para Chávez está nos votos perdidos no referendo do 2-D, un total de tres millóns de votantes tradicionalmente "chavistas" que, ou ben non acudiron a votar ou ben votaron en contra da reforma constitucional, permitindo que a oposición lograra o seu primeiro triunfo electoral.

Esta perspectiva obrigou a Chávez a acelerar un inmediato cambio de orientación que lle permita seguir levando a iniciativa do proceso. Rexeitada a reforma constitucional, os verdadeiros problemas da sociedade venezolana se centran en asuntos da vida cotiá, como a alarmante inseguridade cidadán (13.000 mortos en 2007), o aumento da inflación (22,7% o pasado ano) e a carestía de productos básicos de primeira necesidade.

Velaí os cambios nos ministerios, principalmente cara personalidades tan polémicas e impopulares como o ex ministro de Interior e Xustiza, Pedro Carreño, a quen se responsabiliza da falta de seguridade cidadán; do ministro de Finanzas, Rodrigo Cabezas, polo aumento da inflación; e dos ministros de Alimentación, Felix Osorio Guzmán, e Planificación ao Desenvolvemento Económico, Jorge Giordani, este último considerado o mentor do programa económico socialista.

Non debe esquecerse que desde o 1 de xaneiro, Venezuela conta cun novo signo monetario, o Bolívar Forte, que enlazará cun proceso de reconversión monetaria con perspectivas un tanto incertas.

Caso aparte merece o cambio na Vicepresidencia, anteriormente en mans de Jorge Rodríguez, culpado en petit comité da derrota electoral do 2-D, como responsable da campaña a favor da reforma, e de ineficacia na resolución do escándalo da maleta con .000 dólares decomisada a un funcionario venezolano na Arxentina, como suposta axuda electoral para a actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner.

Un segundo aspecto, tralos cambios ministeriais, ten que ver co verdadeiro obxectivo das "tres R", especialmente de cara a modificar lixeiramente o estilo de gobernar e, principalmente, de cara á conformación do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) como motor da revolución socialista e bolivariana.

Nas derradeiras alocucións, Chávez expón a súa intención de ofrecer unha retórica mais moderada e menos ideolóxica e confrontativa de cara á oposición. O seu obxectivo declarado, tras anunciar os cambios ministeriais, está en ampliar o espectro sociopolítico do "chavismo" cara as clases medias e a burguesía, especialmente atendendo diversas demandas que provocaron irritación, como o asunto da propiedade privada. Así, Chávez semella querer esforzarse nun claro exercicio de marketing político que lle permita recuperar e ampliar a súa base de votantes e simpatizantes.

Así pode explicarse o decreto de amnistía de ducias de participantes no golpe de abril de 2002, concibido como un necesario esforzo por "pasar páxina" dun dos asuntos que mais polarización provoca na dividida sociedade venezolana.

Chávez e a oposición deberán ter en conta diversos escenarios a curto prazo. En outubro de 2008 está previsto a celebración das eleccións de alcaldes e gobernadores, que poden cambiar radicalmente o mapa político venezolano. Posteriormente, no 2010 se realizarán as eleccións lexislativas e, no 2012, as eleccións presidenciais.

A consolidación do PSUV será esencial para que o chavismo poda afrontar as próximas eleccións, polo que o seu congreso fundacional tentará "limar asperezas" cos sectores disidentes do "chavismo", (os partidos PODEMOS e Patria para Todos), contrarios á conformación dun PSUV verticalizado.

Paralelamente, a fragmentada oposición, esperanzada tralo triunfo do 2-D, busca unha plataforma unificada e eficaz que lle permita restar a enorme hexemonía do "chavismo" nas alcaldías e gobernacións, así como construír un proxecto político crible que lle outorgue ganancias electorais a futuro.

O resultado do 2-D evidenciou cambios significativos tanto para Chávez como para a oposición. O momento político venezolano semella dirixirse cara unha rectificación e renovación de prioridades, mais centradas nas necesidades cidadáns. Quizás o mais importante é que este novo escenario pode permitir a apertura dun espazo para a reconciliación e o acercamento.