Artigo publicado orixinalmente no IGADI Annual Report 2023-2024 "Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade"
IGADI Annual Report 2023-2024: Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade

Aspectos clave da economía mundial en 2024

As tres preguntas máis recorrentes que nos formulan a aqueles que traballamos no ámbito económico e da xestión empresarial adoitan centrarse, non necesariamente por orde, nos seguintes aspectos: 1) A evolución esperable da economía; 2) As oportunidades de investimento; 3) O comportamento da bolsa e dos seus valores. É dicir, que procuran nos expertos na análise económica unha capacidade de vaticinio que habitualmente non é rigoroso ofrecer. A economía, como ciencia social, debería desconfiar de gurús preditores de, supostamente, achegan inmutables verdades económicas futuras. Polo contrario, as ciencias sociais, e polo tanto a economía, deben tratar de analizar a realidade en contextos de múltiples interdependencias entre axentes.
Liñas de investigación Relacións Internacionais Economía
Apartados xeográficos Outros
Palabras chave Economía COVID-19

Con todo, a pesar da complexidade que esta tarefa supón, si é posible tratar de analizar algunhas das variables que interveñen nos procesos e, nalgúns casos, levar a cabo algunhas estimacións con certa marxe de erro. Con esta idea de fondo, o obxecto do presente texto é, máis que facer predicións, analizar algúns dos aspectos clave da economía e política internacional que entrarán en xogo na evolución da economía mundial durante o ano 2024.

Durante 2024 é esperable, de inicio, que o proceso de recuperación económica pospandémica prosiga a súa consolidación. A inxente cantidade de recursos postos en circulación pola Reserva Federal norteamericana e o Banco Central Europeo está a surtir efecto como política monetaria expansiva. As previsións de crecemento dos países occidentais sitúanse, polo xeral, no espectro moderadamente positivo para o próximo ano. Iso si, co proceso inflacionario aínda subxacente.

Por outra parte, en continentes como o asiático, a India, o país máis poboado do mundo, continúa tamén o seu crecemento baseado no sector servizos con taxas que superan o 5% anual. Caso aparte é o do xigante chinés. Cunha economía asentada na produción industrial, as taxas de crecemento do país semellan estancarse. Para este resultado, combínanse unha serie de factores. A volta ao proteccionismo iniciada polas principais economías anglosaxonas –o EE.UU. de Trump e o Reino Unido con Boris Johnson-, unida ao freo da produción derivado da caída do consumo froito da política de cero Covid-19, supuxeron un punto e aparte para que numerosos países comezasen a reconsiderar como obxectivo desexable a súa reindustrialización. Esta cuestión non é trivial para unha economía asentada no sector secundario que se viña beneficiando da expansión internacional das cadeas de valor. Isto, unido aos problemas demográficos aburan ao país –mimetizando en certa medida algúns dos trazos do envellecemento poboacional propio dos países máis desenvolvidos-, fai que as perspectivas de crecemento do país chinés non sexan, a priori, tan positivas nos próximos anos como nas décadas anteriores. Non obstante, a extensión da influencia chinesa no ámbito internacional continúa. Ademais da forte presenza en África, o desenvolvemento das coñecidas como rutas da seda segue o seu curso.

Á vista destes datos, e a pesar da herdanza do século XX en forma de configuración mundial bipolar, o século XXI semella formularse máis en clave multipolar. Por este motivo, recentes movementos como a inclusión de novos países orientais como Emiratos Árabes Unidos (EAU) e Arabia Saudita no grupo dos BRICS non son casualidades sen importancia, e poden considerarse como unha estratexia fronte a predominio das economías occidentais. Pero agora os BRICS ampliados xa representan maior cantidade de PIB mundial que EEUU e os seus aliados europeos. Pero estes movementos clave e alianzas que afectan á economía mundial non poden considerarse illadamente doutros factores clave, como son os conflitos bélicos e a loita polos recursos, nomeadamente enerxéticos. Así, a guerra na Ucraína tivo como consecuencias evidentes a suba dos prezos en Europa no abastecemento da enerxía (e na alimentación). En 2023, aos conflitos xa abertos uníuselle o conflito en territorio Palestino. Israel asedia de novo aos seus veciños. A espiral de violencia xa involucra a outros países a nivel bélico e económico. Irán, Iemen, o Líbano son algúns dos países máis próximos que veñen de realizar movementos que afectan ao comercio mundial, ao tempo que se alentan os seus propios conflitos internos. Non cabe dúbida de que as eleccións rusas e israelís poderían marcar un punto aparte no devir destes conflitos.

Así, mentres Europa olla para a súa proximidade trata de centrar os seus esforzos nunha ampliación moderada que permita redobrar a súa aposta pola innovación e as enerxías renovables, empregando para iso instrumentos como Next Generation EU (cuxa execución se estenderá ata 2026), podería ser que, en ausencia doutros factores, sexa nos movementos xeoconómicos e xeopolíticos doutras latitudes onde se estea a configurar o escenario que marcará a economía mundial nos vindeiros anos. Nese sentido, a política monetaria está chamada a ter un papel relevante. Cun mercado mundial asolagado polos dólares, os últimos acordos de países como Brasil, China ou Rusia para comerciar noutras moedas pretenden ofrecer unha alternativa á hexemonía norteamericana. Pero os EE.UU., líder económico mundial, oporá resistencia fronte aos seus competidores. Toda a resistencia posible. Quizais durante máis tempo do que moitos poidan pensar. E é que nunca unha alternancia de liderado económico global se produciu en ausencia de friccións. Mais volvendo ao caso da política monetaria europea, a suba dos tipos de xuro acadou o máximo histórico do 4,5% en 2023. Neste sentido, 2024 podería ser un ano no que se fose conseguindo certa moderación da inflación e dos prezos, incluso con leves baixadas dese máximos dos tipos.

Do punto de vista fiscal, podería ser tamén un exercicio clave para a ansiada harmonización fiscal europea. Non obstante, a proximidade das eleccións europeas non convida a pensar en grandes medidas a curto prazo. A nivel mundial, e tamén continental, outras tarefas permanecen pendentes. A finalización dos coñecidos como paraísos fiscais sería un obxectivo tan desexable coma utópico no curto prazo. A razón: non existen incentivos nin desicentivos suficientes que permitan frear a evasión e o diñeiro negro.

Parece, polo tanto, que 2024 pode ser un ano no que a crecente complexidade das interrelacións entre os axentes internacionais marque a partida a xogar no gran taboleiro da economía mundial. Sen que isto sexa impedimento para que poidan aparecer novos acontecementos que alteren as regras de xogo. Agardemos que non en negativo…

Podes descarregar o IGADI Annual Report 2023-2024 “Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade” nesta ligazón