Asuntos públicos e privados


Confesión impropia

A dignidade do Presidente Clinton está baixo mínimos. Despois de declarar ante o Gran Xurado, a súa comparecencia ante as cámaras resulta patética e humillante. Non hai apego ó poder que mereza tanto dun ser humano. Mellor faría en dimitir, dar un portazo ás conciencias dos americanos, marcharse reivindicando como irrenunciable ese espacio de intimidade, correcto ou corrupto, que lle foi maquiavelicamente arrebatado. Non soamente estragou o seu mandato, senón que nos próximos dous anos, se consegue aguantar, vagará como unha pantasma polos corredores da Casa Branca. As subseguintes actuacións do fiscal Starr dan a entender que o asunto non rematou e que poderia verse novamente acurralado. É probable que os americanos cheguen a cansarse e esquecer o asunto, pero o seu Presidente dificilmente será quen de recuperar esa autoridade asociada a condición de líder da única superpotencia nun mundo que se non comprende os matices da vida política americana moito me temo si sabe recoñecer os sensibles lindeiros da elemental autoestima.

Represalia indiscriminada

O Presidente suspende as súas vacacións en Marthaÿs Vineyard, en Massachusetts, para anunciar o bombardeo contra posicións terroristas ubicadas no Afganistán e unha suposta fábrica de armas químicas en Sudán. A determinación é unha represalia polos brutais atentados de Nairobi e Dar es Salam nos que se produciron 250 mortos, 12 deles norteamericanos, e máis de 5.000 feridos. A acción da Casa Branca, completamente á marxe da legalidade internacional e condenada pola maior parte dos países árabes, interpretase en numersoso medios como un chivo expiatorio para remontar a enorme baixada na popularidade presidencial despois do seu arrepentemento público. En definitiva, para demostrar que, lios de faldas a parte, Clinton segue a ser todo un Presidente. Pero as revelacións posteriores indican que a aviación norteamericana errou no seu obxectivo: cando menos, a fábrica de Sudán era de productos farmacéuticos e non de armas químicas. Mesmamente tiña asinado un contrato con Nacións Unidas para elaborar medicamentos destinados ó Iraq. O Consello de Seguridade da ONU examina as probas e as alegacións das partes. De confirmarse o erro nos bombardeos indiscriminados, a investigación pode deparar novos disgustos para o Presidente. Tampouco foran activistas árabes senon cidadáns norteamericanos os causantes da masacre de Oklahoma.

A sospeitosa coincidencia entre o momento máis álxido do caso Lewinski e esta acción militar deixan entrever que detrás desta nova crise internacional podería estar un simple asunto privado.