As eleccións parlamentarias celebradas en Austria o pasado domingo significaron unha victoria aplastante para o gobernante Partido Popular (ÖVP) e o seu chanceler, Wolfgang Schüssel. Cun 42,3 por cento dos votos "e un avance de máis dun 15 por cen" este partido superou aos Socialdemócratas (SPÖ) por primeira vez dende 1966. En cambio, para o seu socio na coalición, o Partido Liberal (FPÖ) de Jörg Haider, cunha participación no goberno que causou varias protestas e sancións dos líderes europeos, as eleccións anticipadas suponían a maior derrota dende a toma da dirección do partido por Jörg Haider en 1986.
A razón para a anticipación das eleccións "orixinalmente previstas para outubro de 2003" foron as disputas entre o bloque liberal do FPÖ, e os vasalos de Jörg Haider de extrema dereita, que levou á demisión de varios ministros pertencentes ao bloque liberal "entre eles a vice-chanceler Susanne Riess-Passer e o ministro de Facienda Karl-Heinz Grasser. Pero Schüssel non aceptaba o cambio de 4 ministros e polo tanto decidiu a realización de eleccións anticipadas. O xefe do ÖVP, Chanceler nas últimas eleccións a pesar de que o seu partido quedou en terceira posición, é coñecido polas súas capacidades estratéxicas y e soubo aproveitarse de boa maneira dos conflictos existentes dentro do FPÖ. Para atraer aos votantes liberais, chegou incluso a facerse co popular ministro de Facenda do Partido Liberal, Karl-Heinz Grasser. Este, tralos enfrontamentos co antigo xefe do partido e actual presidente do parlamento federal de Carintia, Haider, aceptou entrar no novo goberno como ministro independente.
Hai varias causas que poden explicar este resultado, tanto como unha serie de conclusións que se poden tirar del. En primeiro lugar destaca o gran (elevado) número de votantes, que nestas eleccións optaron por un partido distinto ao que votaron nas últimas eleccións, algo moi atípico en Austria, o país dos bloques e os votantes fixos. Mentres que en anos anteriores o FPÖ atraía moitos votantes descontentos coa eterna coalición de SPÖ e ÖVP e tivo o seu maior éxito en 1999 cun 26,9 por cento dos votos, desta vez unicamente lle quedaron uns cantos votantes fixos (10,2 por cento), e dos votantes que fuxiron a outro partido, case o cen por cen decidiu votar polo ÖVP.
Sorprendente foi a derrota do SPÖ, que a pesar dos lixeiros avances quedou en segunda posición. As razóns deste resultado son varias: a falta de popularidade do candidato principal Alfred Gusenbauer, escasos temas de profundidade na campaña electoral, a antiga imaxe de xerador de elevadas débedas estatais e sobre todo o "espectro roxo-verde" (a coalición entre Socialdemócratas e Verdes) no gran veciño alemán. Altas taxas de deemprego, un orzamento altamente deficitario e datos conxunturais malos no país veciño non surtiron efecto na pequena república dos Alpes, tendo en conta que o SPÖ anunciara a formación dunha coalición de goberno cos Verdes en caso dunha maioría insuficiente.
Os Verdes foron os grandes perdedores, pese aos lixeiros avances que lles levaron ao
mellor resultado da súa historia (o 9 por cento dos votos), pero non conseguiron cumprir con ningún dos seus principais obxectivos: superar ao FPÖ en número de votos, obter a maioría parlamentaria xunto aos Socialdemócratas e evitar a maioría de ÖVP e FPÖ. Estas esperanzas tan optimistas eran debidas a varias enquisas electorais, que lles pronosticaron un 15 por cen dos votos, pero a desconfianza de gran parte da poboación nas capacidades para gobernar dos Verdes foi maior da esperada.
Agora, tralas eleccións, a gran incógnita no parlamento austriaco será o futuro socio do ÖVP na formación dun goberno. Parece que o único partido en disposición de gobernar con Wolfgang Schüssel será "outra vez" o FPÖ, pero soamente coa condición de que o disidente Grasser non pertenza ao equipo gobernante. O problema non é únicamente a persoa do ministro liberal; trala demisión de todos os ministros do bloque liberal (que por certo foron ameazados coa expulsión pola súa traición aos intereses do partido) unicamente quedan fieis vasalos de Haider e da súa política antieuropea, algo que non favorece en absoluto os intereses do pro-europeo Schüssel. Os Socialdemócratas, en troques, anunciaron que permanecerían na oposición en caso de perder a súa primeira posición, e os Verdes teñen pouco en común co ÖVP.
Independentemente da futura coalición de goberno en Austria, hai unha conclusión importante, que se pode extraer despois das eleccións anticipadas: tralos tumultos das eleccións anteriores sobre o suposto cambio de mentalidade da poboación austríaca nun pobo xenófobo e antieuropeo, este resultado é un claro rexeitamento dos valores radicais e nacionalistas do FPÖ, e supón unha non menos evidente aprobación dos valores europeístas. Ao igual que unhas eleccións democráticas e lexítimas otorgaron o rango de segundo partido ao FPÖ en 1999 e lle deron a posibilidade de comprobar a súa capacidade de gobernar, tralo seu fracaso, outra vez os mecanismos democráticos lle retiraron a confianza de forma lexítima, sen precisarse a inxerencia de líderes europeos na soberanía dun país membro da Unión Europea.