A falta de confianza na clase política e nas institucións é o baixo continuo sobre o que cantan as figuracións melódicas do acontecer político en todas as democracias do noso tempo. Non estamos moi lonxe da grande crise institucional de antes da Primeira Guerra Mundial, e para que nada falte tamén agora hai un crash, máis difuso que o daquela, pero igual de grave. E xa non podemos volver a inventar nin o fascismo nin o comunismo.
A esterilidade das formacións políticas partidarias, clamorosas no enfrentamento pero igualmente pobres en proxectos e ideas, acentúase en todas partes. A loita electoral dexenera nunha lide entre axencias publicitarias. A estratexia primaria é a conservación do poder, que chama sempre ao curto prazo e non deixa tempo para pensar no futuro. A pobreza da oferta política fai que a resposta do pobo, que se ten por soberano, sexa cada vez máis escasa e escolla cada vez máis o camiño da abstención electoral ou manifeste crecente desconfianza cando se lle fan enquisas de opinión.
Quen confía en que algún camiño haberá para saír dunha situación tan triste, pode atopar ánimo nos resultados dunha enquisa que pode verse no Scottish Social Attitudes Survey de 2007 e que se fixo a remates dese ano. Antes das eleccións de maio, das que saíra o Goberno minoritario do Partido Nacionalista Escocés, os escoceses que pensaban que as autoridades autonómicas actuaban sempre ou cuase sempre en pro do interese do país eran un 51 por cento. A finais de 2007 esa porcentaxe subiu ao 71 por cento. E os que pensaban que o Parlamento Escocés dáballe ao país unha voz máis forte no Reino Unido pasaron, no mesmo intervalo, do 43 ao 61 por cento.
Semella que na autonomía escocesa comeza a albiscarse o que, para moitos, é a principal xustificación das autoridades baseadas en realidades nacionais ata agora contidas, máis mal que ben, nos mal chamados estados nacionais. Non hai que perder de vista que os nacionalismos naceron, ou medraron en forza e poder de convicción, na crise da política dos estados plurinacionais. No caso dos do estado centralista español, tomaron alento no fracaso dese estado para dar satsfacción ás necesidades dos pobos asentados no seu territorio. Foron unha forma de rexeneracionismo, e siguen sendo iso. Por iso son unha forma de modernidade.
O goberno de Edimburgo, tan fráxil na aritmética dos escanos do Parlamento de Holyrood, tomou o camiño de gobernar sen aliados, e só co apoio puntual dos partidos de ámeto estatal. O que semellaba unha audacia de Alex Salmond, o first minister que ten tanta sona de xogador arriscado como a tivera Churchill, traduciuse nunha serie de medidas de política interior que colocan a Escocia nun nivel de avance social moito máis elevado que o da veciña Inglaterra, gobernada por un partido que se considera socialista. Desde a educación superior gratuíta ata os servizos sociais para os más desfavorecidos, e sinaladamente para os pensionistas, Escocia está máis perto do ideal do Estado de Benestar, aínda sen ser propietaria absoluta do seu petróleo. A aspiración ao petróleo propio tería que vir con unha iniciativa da política de Salmond, o referendum cara a independencia, na que seguramente non vai poder contar co apoio do Parlamento. Pero iso non lle impide ir aínda cunha política interior propia e orixinal. E o máis notábel é que non abandona o proxecto do referendum nin agacha as intencións soberanistas. Semella que abonda co que fai no interior para que cada vez máis escoceses o apoien.
Nin os Tories, prácticamente apagados na Escocia, nin os Laboristas, inquedos coa súa dimensión nacional británica, que lles fai difícil tomar iniciativas que os escoceses perciban como interesantes para eles, poden facer moito máis que apoiar a Salmond en boa parte do seu programa, e reservarse talvez para cando chegue a hora de dicir sí ou non ao referendum da soberanía.
Semella que a autonomía pode ser una fonte de orixinalidade fronte á esterilidade dos partidos nacionais británicos. Valería a pena ver como vai seguindo ese experimento, que pode ser moi promisorio e pode abrir un camiño que está facendo moita falta en todas partes.