Nos arredores da mansión expropiada no 79 ao potentado banqueiro, Jaime Morales , fronte a sede do FSLN, as bandeiras negras e vermellas ondeaban na grande noite vitoriosa tras 16 anos na oposición.
Transcorridas case tres décadas do derrocamento de Anastasio Somoza o mundo xa non é o mesmo; Ortega e o FSLN tampouco. Jaime Morales, aquel magnate ao que lle incautaran a súa casona, quen máis tarde sería un dos dirixentes da guerrilla contrarrevolucionaria financiada polos EEUU, firme defensor do CAFTA (TLC asinado con EEUU), dos programas de estabilidade económica, do control da inflación, da libre convertibilidade, da empresa privada como principal motor do país, das relacións co FMI… converteuse no futuro vicepresidente do Goberno Sandinista. Paradoxais alianzas propiciadas por Ortega no seu heterodoxo camiño de volta á Presidencia da República.
Un Daniel Ortega metamorfoseado renacía das cinzas, logo de arder tres veces nas sucesivas eleccións presidenciais. As alas coas que voa a nova Ave Fénix "Daniel Ortega", do grego «phoinix» que significa vermello, ao contrario das da lendaria ave, perderon a cor socialista para tornarse agora de cor rosa, como a bandeira na que apareceu envolto na noite electoral.
Cunha mensaxe menos ideoloxizada, insistindo na reconciliación, achegándose á igrexa católica, esforzándose en pactar con aliados antinatura , repartindo os poderes da República… conseguiu rexurdir cando xa se daba por desazado.
Na longa travesía na oposición, tivo que padecer o distanciamento de seis dos nove comandantes da outrora monolítica dirección nacional: tres integran a fractura no sandinismo que representa o Movemento Renovador Sandinista, un faleceu, outro deixou a política e co seu Irmán Humberto mantén unha enrabechada enemizade.
As críticas máis duras á metamorfose chegron de persoas máis achegadas como o seu ex-vicepresidente Sergio Ramírez quen afirma que da revolución so se lembran os fracasos: a corrupción, a rapina, o enriquecimiento dos revolucionarios como o comandante da dirección nacional e magnate dos negocios Bayardo Arce, o verticalismo, o caudillismo ou o "orteguismo".
Non menos ácida é a valoración do ex-ministro de cultura Ernesto Cardenal quen olla cara a revolución con máis ecuanimidade: "Houbo de todo, ate que se frustrou coa traizón aos nosos principios, ao sandinismo, ao pobo e ao mesmo Deus dos nosos principais dirixentes".
Pero se Daniel Ortega esperta fobias en Washington, se na embaixada norteamericana en Managua se premeu aos partidos da dereita para que se unisen, se patrocinaron a Mario Vargas Llosa para que fose relator itinerante das hipotéticas calamidades que acontecerían no caso de gañar os sandinistas, se ameazaron co embargo das remesas, con conxelar cretos… non é polos malabarismos políticos no retorno ao poder de Ortega, senón porque é o candidato máis acaído para se posibiliten cambios na distribución da riqueza, porque representa un modelo de poder que pode deixar de estar só ao servizos dunha privilexiada elite, porque pode por en marcha programas sociais de impacto súpeto, porque vai ser un interlocutor privilexiado de Hugo Chávez ou porque é un borrancho no controlado mapa xeoestratéxico centroamericano.
Non vai ser tarefa doada afrontar o reto de articular un goberno estable en minoría parlamentaria. Un executivo que poida minguar os elevadísimos niveis de pobreza no que moran o 80% dos nicaraguanos, sacar da miseria a ese 60% que sobrevive con menos dun dólar ao día, reactivar a economía, tranquilizar aos mercados e aos investidores ou navegar no encrespado mar das relacións diplomática internacionais, no que EEUU axita as augas.
Ortega ten agora a oportunidade que non tivo durante a etapa sandinista na década dos 80, poderá gobernar sen ter que dedicar recursos a unha guerra financiada por EEUU, que causou 50.000 vítimas, que arruinou ao país e que incrustou un medo nas entrañas dos nicaraguanos.