Aviso: A democracia mata

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

Case simultáneamente veñen de sair do prelo na Gran Bretaña dous libros que falan, ún, dos perigos que ameazan á democracia e, o outro, dos perigos que a democracia pode comportar.  O primeiro deles, “Democracia á venda: Cómo fixemos diñeiro e perdimos a nosa liberdade”1, parte da consideración de que Marx estaba errado: o ópio do pobo non é a relixión, é o capitalismo. Dádelle ao pobo oportunidades para “ir de tendas” e esquecerá aquela trindade de “liberdade, igualdade, fraternidade”.  E mentras o pobo comunga nos centros comerciais, a clase gobernante fai o que lle peta, e faino co consentimento do pobo, que valora máis a prosperidade que a liberdade.  O paradigma, para Kampfner, é a cidade-Estado de Singapur – onde él nacéu – que hai moito tempo xa quedara marcada co alcume de “fascismo con rostro humán” (en referencia irónica ao malogrado “socialismo con rostro humán” da Checoslovaquia de Dubcek). Cita outros casos de “paraísos do consumidor”, como son Abu Dhabi, Dubai ou Doha, a capital de Qatar onde ata hai liberdade de prensa (exemplo, a televisión de Al Jazeera), sempre que non se critique ao goberno do emirato.
           
Kampfner é un veterano xornalista, corresponsal en moitos lugares do mundo, como tamén é xornalista (longo tempo corresponsal da BBC) Humphrey Hawksley, autor do outro libro que estamos a reseñar, “A democracia mata”2.
           
O título recolle a opinión dun cidadán dun emirato do Golfo Pérsico, que salientaba as ventaxas do autoritarismo benévolo, comparando os rexímenes daquela rexión coa situación en moitos países de África ou do suleste asiático que teñen rexímenes formalmente democráticos.
           
Hawksley ten sona ben merecida de corresponsal “incómodo” por revelar non só as miserias materiais dos desfavorecidos, en calquera lugar do mundo, senón principalmente as miserias morais dos que teñen a responsabilidade en que se encontran aqueles. Parte, por exemplo, da situación de desamparo dun neno inválido nunha remota aldea da India para acusar de desidia, primeiro, ás autoridades locais, que non remedian a situación.  Pasa logo a denunciar a burocracia estatal, tanto no nível provincial como no nacional, reclamando a atención  dos políticos indios e a dos empresarios e dirixentes occidentais, así como a dos donantes de axuda ao terceiro mundo. E, na sua campaña, chega a un hotel de luxo onde hai unha conferencia sobre o desenvolvemento, e aí provoca unha conmoción ao denunciar directa e públicamente aos participantes na reunión porque o que están a facer non axuda aos pobres do mundo.
           
Os dous libros coinciden en consideraren que a democracia necesita de moito tempo para se implantar e resulta moi difícil de administrar.  Si o que a xente prefire é tranquilidade e ter a oportunidade de gañar diñeiro, os sistemas autoritarios adquiren un certo grau de lexitimidade democrática. A prosperidade de Singapur, o luxo dos emiratos do Golfo (sempre que non se fale, nese caso, da situación dos traballadores inmigrantes que proceden da India, de Pakistán ou de Filipinas, entre outros lugares), poden ter contentes aos cidadáns, que non reclaman máis democracia. Ou tamén os casos de países que pasan dun réxime totalitario duro a outro máis suave: Hu é millor do que Mao, e Putin millor do que Stalin.
           
A democracia exportada desde Occidente e aplicada pola forza en África, no Oriente Próximo ou en Asia pode, de facto, matar.  Como ten matado – e ainda mata – en Iraq.  Por moito que o ex Presidente do Goberno español, Sr. Aznar, ao presentar non hai moitos días en Londres, un libro do político democristián belga Wilfred Martens, se esforzara por demostrar que, gracias á invasión desencadeada por George W. Bush (coa entusiasta participación do Sr. Aznar), Iraq goza agora dun réxime democrático.
Circula polo mundo unha anécdota, tal vez apócrifa, que fala dun iraquiano que se laiaba de que a democracia só trouxera para o seu país pobreza, corrupción e atentados suicidas. E dicíanlle: “Xa sabes o que se fala por aí, que hai que tratar ben aos norteamericáns porque, do contrario, pódente castigar coa democracia”.

1 KAMPFNER, John: Freedom for Sale: How We made Money and Lost Our Liberty, Simon and Schuster, 2009.

2 HAWKSLEY, Humphrey, Democracy Kills, McMilan, 2009.