Nin Miguel Bosé, nin Víctor Manuel, nin Joan Manuel Serrat, nin Felipe González atravesarían o océano Atlántico, para apoiar a candidatos como Hugo Chávez, Evo Morales ou Ollanta Humala. A fronteira da esquerda politicamente correcta latinoamericana está en Lula, ou, máis concretamente aínda, en Michelle Bachelet.
Arroupada por reforzos españois, o pasado xoves interviña nun masivo acto de peche de campaña, no que acabaría pedindo a unidade dos chilenos que acabarían dándolle a confianza en máis dun 53% . Coincidía co seu rival, o multimillonario Sebastián Piñera, na promesa de rematar coa pobreza e xerar novas fontes de emprego, aínda que o dono de Lan Chile subiría a aposta electoral ofrecendo, con menor éxito final, un traballo e un salario digno para cada chileno.
Como todo país latinoamericano, Chile ten as súas propias fracturas sociais, pero hai unha idea forza que ten articulado especialmente a campaña electoral: a desigualdade social. A renda do dez por cento que mais gaña, multiplica por quince, á do dez por cento que ten menores ingresos. Segundo a Universidade de Chile, o 56% da riqueza nacional se acumula no 20% máis adiñeirado, mentres o 20% con menos recursos só se queda co 4%. A fermosa rosa que floreceu durante os últimos 10 anos, duplicando o PIB per cápita, no xardín de América Latina pragado de cactos, para envexa de gobernos veciños en crise, comparte as mesmas doenzas crónicas.
Sobre a iniquidade centrou toda a súa campaña o candidato conservador, afirmando que Lagos, o presidente que acabou mandato cun 70% de aceptación, legou un abismo social, deixando o segmento social dos pobres, abandonado. Verdade a medias, xa que no último lustro a pobreza minguou do 45% ao 18%, mais a desigualdade certamente permaneceu inmóbil.
O cuarto goberno da concertación ten como principal reto, abrir unha nova etapa con maior igualdade, mais dereitos laborais e unha reforma previsional para garantir as prestacións dos futuros xubilados, á que se ten que dedicar con urxencia.
A riqueza "estranxeirizouse", ou concentrouse no 10% de chilenos. Unha selecta clase social que despegou durante os gobernos da concertación para arredarse da orbita do resto dos chilenos. Por tanto, entre as prioridades da candidata socialista, deberán estar: abrir unha nova era baixo o lema "Medrar con equidade", a persecución da evasión fiscal, racionalizar a estrutura das contribucións fiscais para facelas más progresivas ou acabar coas franquicias que benefician aos máis ricos.
A primeira presidenta na historia chilena, imprimirá un selo de xénero no seu goberno. Tomará prestada de Zapatero a idea dun goberno paritario co 50% de mulleres, que na actualidade só dispoñen catro carteiras ministeriais. Centrará as súas prioridades na consecución dun emprego digno, especialmente no sector feminino, no que só un 36% conseguiu a súa inserción laboral.
O país austral ten unha das xornadas laborais semanais máis extensas do continente. Hai un ano aínda era de 48 horas, a partir de xaneiro de 2005, se reduciría en tres. Cousa contraria ao que acontece coas vacacións anuais, unhas das mais curtas do continente, establecidas en 15 días hábiles.
Coa victoria de Bachelet, Chile quere romper con algúns dos vellos mitos, quere deixar de ser a conservadora Irlanda de América Latina. Unha pediatra, separada por dúas veces, que vive cos seus fillos, quere impulsar unha nova etapa nun país conservador, no que o divorcio chegou hai pouco máis dun ano, tras dun arduo, prolongado e polémico camiño parlamentario.
Una muller presidenta para un país, no que aínda teñen éxito os elegantes, anacrónicos e machistas " Cafés con pernas", frecuentados por homes das clases sociais medias ou altas, onde as mozas que alí traballan se caracterizan por vestir saias de escasos 25 centímetros.
Bachelet, representa a heterodoxia sociolóxica coas tradicións da últimas décadas locais. Modernizará as estruturas que rechían, por anquilosadas, no alongado país transandino. Procurará seguir medrando, mais tentará que a nova etapa sexa máis equitativa. Iso si, todo, dentro dos parámetros máis ortodoxos da esquerda correcta.