ucraina

Bakhmut na estratexia internacional

Desde agosto do 2022 están a librarse ataques ininterrompidos das forzas rusas contra a cidade ucraína de Bakhmut. Abundan noticias anticipadas por Rusia, de que a cidade, completamente destruída e ao 95 por cento abandonada pola poboación civil, está a piques de caer, que as tropas ucraínas están practicamente cercadas.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Pero os ucraínos seguen resistindo, a pesar de que os rusos concentraran toda a súa actividade ofensiva nesta zona da fronte, substituíndo tropas convencionais por unidades de elite, as que finalmente foron substituídas pola infame compañía militar privada de Prigozhin, que puido declarar ocupar toda a fracción da beira esquerda de Bakhmut. Trátase dun gran avance, pero non resolve a ocupación da cidade, cuxa parte principal atópase na beira oposta do río e é mais alta, co que pon en perigo o desenvolvemento exitoso da ofensiva rusa.

Se se chega a tomar a cidade, os rusos terán o control total das estradas e vías férreas que conducen a ela, o que é esencial para que continúen a súa ofensiva contra Sloviansk e Kramatorsk e achegarse ao seu obxectivo declarado de “liberación completa” da rexión de Donetsk.

O presidente Zelensky declarou que as forzas ucraínas estaban preparadas para repeler aos atacantes, desmentindo así os rumores sobre supostos desacordos co mando militar arredor da conveniencia de dedicar demasiados esforzos a defender unha zona na que o inimigo ten unha vantaxe moi grande.

O éxito da defensa de Bakhmut e a transición a unha contraofensiva dependen da subministración de armas aos defensores, que se esgotan constantemente. Con todo, os socios e amigos de Ucraína, aos que alí se alude constantemente como aliados, aínda que non estean vinculados por ningunha obrigación formal e actúen de boa fe, tradicionalmente non teñen présa por transferir axuda militar, mentres que o secretario xeral da OTAN e o secretario de Defensa de EEUU tentan convencer á opinión pública de que Bakhmut non ten importancia estratéxica e a súa perda non significaría un punto de inflexión nos combates.

Tales declaracións poden facerse quizais para despistar ao agresor sobre os plans reais, pero o feito é que a idea primordial é evitar a escalada custe o que custe. Pero, ao mesmo tempo, o agresor non ten inconvenientes en escalar as súas accións militares, e o prezo que pagan por iso o exército ucraíno e todo o pobo é sinxelamente monstruoso. Ademais das vítimas directas na zona de guerra, o número de desprazados, internos e transfronteirizos, os danos ao potencial económico de Ucraína e o territorio minado alcanzaron o nivel da Segunda Guerra Mundial.

Noutras palabras, evitar a escalada militar non impedirá que Rusia destrúa Ucraína como Estado, como país, como nación, sen máis danos tanxibles que as perdas militares. Cada día gasta 300 millóns de dólares en facer a guerra, mentres que recibe 800 millóns pola venda de materias primas aos países que se absteñen das sancións. Só este aspecto permite ao Estado terrorista ameazar cunha guerra de desgaste prolongada. Aínda que en realidade non dispoña de recursos suficientes para iso, debido á disparidade numérica entre Ucraína e Rusia, esta última podería impoñerse como consecuencia da desaparición física de todo de todo aquilo que sexa ucraíno ou do cansazo das poboacións occidentais por prestar unha axuda inxente a Ucraína que non produce ningún resultado real.

Os ‘aliados’ de Ucraína son conscientes que ela está a loitar por eles, pero tratan de axudarlle de maneira que o agresor non lles poida acusar de estar directamente implicados. O resultado é que a axuda non chega a facer a Putin un dano suficiente para que se retracte. No seu discurso diante os parlamentarios en febreiro o presidente ruso dixo claramente que, na súa opinión, a guerra comezárona os EE.UU. ‘que a principios de 2022 incitou a Ucraína a atacar Crimea’. Esta mentira, que non ten ningunha proba, foi utilizada como base para fundamentar outra mentira, isto é, sobre a decisión de levar a cabo a ‘operación militar’ rusa para “eliminar a ameaza que supón o réxime neonazi” en Ucraína. Ao abrir este horizonte enganoso, librouse da necesidade de explicar aos seus parlamentarios cales son os obxectivos concretos de Rusia nesta campaña: iría resolvendo “paso a paso” as tarefas pendentes. O inimigo é Occidente, que utiliza Ucraína como “ariete e campo de adestramento”. Tamén aclarou que non se detería en Ucraína: cantos máis sistemas de longo alcance se aproximen, máis “afastará Rusia as ameazas das súas fronteiras”. Ter en conta que ditas fronteiras, polas leis rusas, xa inclúen 5 rexións de Ucraína, por tanto afastalas das fronteiras rusas significa ir máis aló de Ucraína, que na mente de Putin non existe, nin como nación nin como suxeito de dereito internacional.

Por esta razón, tentar arranxar a situación coma se fose un conflito entre Ucraína e Rusia non terá ningún efecto. A Putin non lle interesa ningún acordo con Ucraína (cóntase que no seu momento rexeitou a oferta de quedar co Donbás para poñer fin as hostilidades), interésalle obter unha posición dominante polo menos no continente euroasiático, o que é incompatible nin coa paz nin co dereito internacional e como medio para alcanzalo quédalle só a guerra. Coa súa agresión e descarada anexión, que despois de Hitler ninguén se atreveu a cometer no continente europeo, subtraeuse do campo legal, declarou unha guerra ao dereito internacional e a orde mundial.

A camarilla do Kremlin actúa fronte ao dereito internacional como un delincuente, como un terrorista; con todo, a comunidade internacional fracasa en darlle unha resposta adecuada que lle deteña. Por unha banda, os numerosos países que condenaron ao agresor ruso carecen de instrumentos para facerlle sentir o rexeitamento e, por outra banda, teñen moito peso os países que se declaran ‘neutrais’ porque recoñecen certa lexitimidade da oposición rusa ao hexemonismo euroatlántico.

Non debería ser posible que no medio da condena maioritaria do agresor pola comunidade internacional un actor importante da política mundial como China reciba con pompa ao único aliado declarado do agresor, que no mundo democrático é visto como ditador e ilexítimo presidente. E resulta frustrante que alguén poida dicir que algo é ‘lexítimo’ tratándose, como é o caso, dunha aberta violación do dereito internacional e dos dereitos humanos, porque dese modo excúlpase un hexemonismo belixerante e baseado no autoritarismo contra a democracia e os dereitos nacionais.

Mentres que na defensa de Ucraína se sente cada vez máis a voz da cidadanía, que se consolida loitando contra o inimigo estranxeiro e, ao tempo, contra os erros e a corrupción dos seus propios gobernantes, en Rusia os corruptos políticos perverten moralmente á poboación e pisan os restos dos dereitos cidadáns, humanos e nacionais, impregnando toda a vida social de militarismo e xenofobia.

A batalla de Bakhmut mostra unha vez máis a incapacidade do actual sistema de seguridade internacional, porque os seus operadores, os políticos, distráense facilmente do camiño da paz, guiados por intereses ‘técnicos’ dos seus estados, e os interesados finais da paz, os pobos, non logran ser escoitados.