Á vista da implantación deste sistema, poderiamos preguntarnos se sería replicable noutros ámbitos, como por exemplo o da economía e da innovación das empresas. Un sistema de alerta para coñecer que aspectos cómpre que as empresas sigan (ou eviten) para acadar unha senda de crecemento tería obvios beneficios, tanto para capitalistas, como para traballadores e o conxunto da sociedade.
A nivel macroeconómico, non contamos cun sistema de balizas propiamente dito, mais si contamos con algúns indicadores que nos dan conta do estado da innovación e das empresas. Desde o investimento en I+D en relación ao PIB -en Galicia por baixo da media estatal de 1,25%, e máis alonxado aínda do 2,5% da media da UE-, ao investimento en I+D por parte das empresas -na rexión arredor de 10 puntos por baixo da media estatal-, ou o número de empregados en I+D sobre o total de empregados -que no caso galego supoñen apenas un 4,69% do conxunto estatal-. A través destes indicadores sabemos que Galicia chega tarde á carreira da innovación, situándose moi por detrás dos territorios líderes. Pero tamén sabemos unha destes resultados serían unha manifestación dalgunhas características estruturais da economía galega. En concreto, a actividade empresarial en Galicia estivo tradicionalmente asentada en sectores de baixa intensidade tecnolóxica, con importancia destacada da actividades como a construción, a hostalaría ou o comercio tradicional, nos que a innovación tivo máis complexa implementación -cando a houbo- e, sobre todo, non sempre xerou valor engadido ao mesmo nivel que outros sectores, como por exemplo os intensivos en tecnoloxía (software, farmacéutico ou automóbil, entre outros).
E, claro a nivel microeconómico, non sería útil un sistema de indicadores para as nosas empresas? Un pode caer na tentación de pensar que a responsabilidade innovadora debe recaer unicamente no empresario. En Galicia hai moitos e bos. Mais é suficiente con isto? Pero, un bo sistema de información que permita unha diagnose adecuada e favoreza a toma de decisión en innovación non precisa de datos claros e significativos? Un simple cruce de datos entre retos empresariais e indicadores dispoñibles arroxa luz sobre esta realidade.
De cara ao exercicio 2026, varios son os retos de innovación que os especialistas destacan que deberá abordar o tecido empresarial. Por unha parte, o aumento da sensibilidade social polas cuestións ambientais terá como consecuencia que as empresas asuman que a sostibilidade é xa unha responsabilidade compartida entre elas, institucións e consumidores. Por outra parte, a implantación das TIC e da IA promoverá actividades dentro das empresas relacionadas coa ciberseguridade, custodia e xestión de datos, ou a provisión de servizos de comunicación especializados. Ademais, as micropemes e pemes precisan crecer en tamaño para aumentar as súas capacidades. Por se fose pouco, o turbulento contexto internacional leva a que fenómenos como o friendshoring ou nearshoring continúen en auxe, o que provocará o incremento das operacións transfronteirizas. Estes avances e o contexto farán preciso a disposición de recursos humanos especializados, de aí que se valorarán perfís de empregados que sexan capaces de aportar valor desde a innovación, non só orientada a produtos e servizos, senón a nivel organizacional e comercial. Para cubrir estas necesidades, o financiamento actuaría como unha panca de crecemento e de diferenciación empresarial
A pregunta entón sería, dispoñemos dun sistema de balizas, ou cando menos indicadores, que dean resposta a estas mudanzas que marcarán a tendencia no vindeiro e próximos exercicios? A resposta é que en moitos casos aínda non, e que así seguiremos camiñando por detrás das rexións líderes en innovación empresarial. Ah! E que a responsabilidade é compartida.

