20050424bandung 50aniversario cumio asia africa

Bandung II


 50 aniversario Cumio Bandung Asia-África, clic para aumentar
Cincuenta anos despois de Bandung estamos a falar do mesmo, pero a diferenza radica en que un dos eixes fundamentais da transformación quere ser a cooperación interempresarial. Mesmo cando o PNUD e outras instancias, multilaterais ou non, imaxinan as fórmulas para incidir na superación do atraso africano, a contribución privada emerxe con inusitada forza, e con socios tan “inesperados” como Xapón, un dos primeiros donantes de recursos, por exemplo, para crear un feixe de centros multiservizos nos dous continentes que faciliten o labor dos operadores económicos, a asociación para o desenvolvemento industrial ou a transferencia de tecnoloxía. (Foto: Cartel conmemorativo do 50 aniversario (1955-2005) do Cumio Asia-África en Bandung).
 

Cincuenta anos despois da conferencia de Bandung, semella ser outro o espírito que anima o rexurdir dos países en vías de desenvolvemento. Na conmemoración celebrada en Indonesia no pasado abril, puidéronse advertir os sinais deste novo tempo, marcado pola emerxencia dun novo discurso. O que se reivindica é a vertebración dunha solidariedade moito máis pragmática, sen grandes modelos, quizais con moitas menos ilusións e esperanzas, virada para un entendemento afroasiático que asenta nunha realidade difícil, que os aproxima e os afasta. Afástaos, en primeiro lugar, en termos de desenvolvemento. A contribución de África ao comercio mundial pasou do 6% en 1980 ao 2% actual, mentres que Asia fixo medrar de xeito moi significativo o seu papel, hoxe cifrado no 23% das exportacións mundiais, unha preponderancia que vai en ascenso.

Pode beneficiarse África desa eclosión asiática? Os novos países emerxentes teñen unha manifesta necesidade de materias primas (petróleo, cacao, madeira, algodón, café, etc). As súas industrias e as industrias doutros instaladas no seu territorio consumen cunha voracidade insaciable recursos que cada vez máis deben atraer dos lugares máis afastados. Iso explica que as exportacións de África para Asia pasaran de 7,7 mil millóns de dólares en 1990 a preto de 20 mil millóns en 2002, a pesar da tendencia á baixa do prezo de moitos produtos básicos, que experimentaron un considerable retroceso no seu valor.

Segundo Elisabeth Tankeu, da comisión económica da Unión Africana, o estimulo da cooperación entre os dous continentes debe tomar en consideración a necesidade de transformar as materias primas no propio continente, primeiro para atender as necesidades dos mercados locais, e logo para impulsar as exportacións. Un modelo baseado na simple exportación das materias primas non deixa futuro ningún para África.

Cincuenta anos despois de Bandung estamos a falar do mesmo, pero a diferenza radica en que un dos eixes fundamentais da transformación quere ser a cooperación interempresarial. Mesmo cando o PNUD e outras instancias, multilaterais ou non, imaxinan as fórmulas para incidir na superación do atraso africano, a contribución privada emerxe con inusitada forza, e con socios tan “inesperados” como Xapón, un dos primeiros donantes de recursos, por exemplo, para crear un feixe de centros multiservizos nos dous continentes que faciliten o labor dos operadores económicos, a asociación para o desenvolvemento industrial ou a transferencia de tecnoloxía.

O complemento da iniciativa privada será o poder público, e non á inversa, limitándose a mobilizar créditos e a establecer un marco que permita remover os obstáculos normativos para que os negocios poidan callar. Os operadores, así se chaman os axentes deste tempo, deben premer nos estados, a quen acusan de facer grandes declaracións sen apego na realidade, para reducir os custes de produción e achegar as dotacións básicas de infraestrutura. As primeiras vítimas desta orientación deberán ser os movementos sindicais africanos, moitos deles aínda fortes, de inspiración socialista ou comunista, que beberon nas fontes de Bandung. Neste Bandung II, a solidariedade, baseada naquela razón ideolóxica que abafaba o mundo bipolar, deixa paso ao pragmatismo da satisfacción dos intereses económicos comúns. A suma de egoísmos pode facernos ricos a todos. Seica.