Isto ten especial mérito tendo en conta a forte competencia que ofrecen os estaleiros de Asia (fundamentalmente China, Corea do Sur e Xapón), que están fabricando máis do 95 % dos barcos a nivel mundial (2).
Co actual paradigma internacional, en oposición ao dominio esmagador das potencias asiáticas, ao resto do mundo só lle queda especializarse nalgún nicho do mercado naval para poder competir.
Lembremos que a relación de Galicia coa construción industrial de barcos vén de lonxe, coa instalación no século XVIII en Ferrol dos estaleiros da Armada española, e coa chegada a Vigo dos famosos fomentadores cataláns, empresarios que se instalaron alí e acabaron consolidando unha importante industria pesqueira e conserveira. Por tanto, comezaban a configurarse no país os 2 polos de construción naval que chegaron ate os nosos días:
- a ría de Ferrol, con estaleiros públicos (como a histórica Bazán) e privados (ASTANO), que acabarían por fusionarse na empresa pública Navantia, cunha forte compoñente militar
- a ría de Vigo, con empresas de carácter privado, estreitamente vencellada ás necesidades da actividade pesqueira.
A construción de barcos en Galicia pasou por diversas fases, sendo unha das máis críticas a reconversión industrial derivada da entrada de España na CEE, nos anos 80, que foron moi duros a nivel laboral tanto en Vigo coma en Ferrol. Isto provocou varias consecuencias: o sector tendeu a especializarse e a internacionalizarse e viu como as políticas públicas empezaban a fiscalizarse dende as novas institucións comunitarias. Un exemplo disto último foi a polémica co tax-lease, que era un mecanismo legal para axudar aos estaleiros que consistía na redución de impostos para aquelas empresas que contrataran a construción de buques suxeitos a unhas determinadas condicións. Isto provocou un longo conflito xudicial con outros países da UE que se sentían agraviados, pois consideraban que esas axudas impedían a libre competencia cos seus propios estaleiros.
Por iso, o sector tivo que reinventarse valéndose dos seus puntos fortes: o seu “savoir faire” debido á experiencia acumulada, un nivel de prezos competitivo, o cumprimento nos prazos de entrega ou a existencia de persoal cualificado. Nese sentido, cómpre mencionar a importancia do Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica (3) (Campus de Ferrol) que outorga formación de proximidade e xera coñecemento no país. A meirande parte dos estaleiros galegos teñen convenio con esta Escola.
Actualmente, segundo os datos de ACLUNAGA (Asociación Clúster do Naval Galego) (4), o sector emprega a uns 10.000 traballadores, xera un 4,3% do PIB galego, está composto por 12 estaleiros privados e o 90% dos barcos fabricados na última década están destinados á exportación.
Segundo datos do Ministerio de Industria (5), a 30 de xuño do 2025 os estaleiros galegos tiñan 27 pedidos en carteira, dos que 23 (85%) eran para outros países (Arabia Saudí, Reino, Unido, Noruega, Arxentina, Uruguai, etc), e cunha carteira de buques diversificada: oceanográficos, arrastreiros conxeladores, barcos de servizo á eólica mariña, etc
Amais da construción de novos barcos, a nosa industria naval e as empresas auxiliares están complementando a súa cifra de negocios con traballos de reparación, servizos de asesoramento, construción de maquinaria, etc, que fan máis atractiva no exterior a súa oferta de produtos.
Precisamente nesta liña é onde se lle albiscan máis oportunidades de futuro ao naval galego, sobre todo no tocante á construción civil, facendo valer a súa experiencia e cadros formados. No ámbito da construción militar (Ferrol), o actual contexto xeoestratéxico tamén pode xogar ao seu favor debido ao crecente incremento do orzamento en Defensa dos países da OTAN.
Finalmente, cómpre ter en conta os retos aos que se enfronta a cadea de valor do sector: no seu primeiro elo, asegurala subministración de materias primas e compoñentes intermedios; no elo final, conseguir pedidos de clientes (principalmente internacionais) que garantan carga de traballo en territorios moi dependentes desta industria. O know-how adquirido coa experiencia, a especialización e a vinculación co mar asociados á marca Galicia constitúen importantes vimbios para afrontalo futuro con certo optimismo.
Referencias bibliográficas:
- https://www.nosdiario.gal/articulo/internacional/uruguai-anuncia-demanda-estaleiro-vigues-cardama-presunta-fraude-construcion-duas-patrulleiras/20251023140959237615.html
- https://unctadstat.unctad.org/datacentre/dataviewer/US.ShipBuilding
- https://estudos.udc.es/gl/study/detail/730g05v02
- https://clustersgalicia.com/team/aclunaga/
- Boletín informativo trimestral 2025 Construción naval-Ministerio Industria

