20050202bruselas berlaymont comision barroso

Barroso e a Europa de Lisboa: ¿soñar espertos?

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
O pasado seis de abril, a Comisión adoptou un plan para investir no futuro de Europa -o "Programa para investir no futuro de Europa"-, que é unha compilación de intencións para encamiñar a perspectiva financeira, en negociación para o 2007 ate o 2013. Este plan complementa a proposta presentada en 2004, que xa causara polémica pois propoñía un crecemento do gasto europeo, e por tanto dos recursos propios. (Foto: Comisión Barroso, Bruxelas 02/02/2005).
 

A economía europea segue a estela da estadounidense, pero segundo parece, de lonxe. Se en Europa se espera un crecemento do 2% o PIB, nos EEUU cóntase que será do 3,6%. As alarmas saltaron hai tempo, pero non se dan achegado solucións favorables para o problema, que segundo algúns é un problema real, e segundo outros non tanto, pois as estatísticas e as medidas non son fiables, e non reflicten o nivel de calidade de vida europea nin a verdadeira realidade do país norteamericano.

Algo de razón parece existir, ó preguntarse sobre a veracidade e comparación dos datos manexábeis a nivel internacional. Ninguén afirma que as taxas de crecemento de EEUU estean trucadas, pero se Grecia é quen de trabucar durante tanto tempo ós técnicos do Eurostat, todo é posible.

En calquera caso, a fenda existente entre o 2% e o 3,6%, non deixa de ser unha previsión que nos fai, sen embargo, afondar nas causas que provocan que en 13 de 14 anos, os resultados da comparación do crecemento, sexan desfavorables para os europeos. Entre os factores que se apuntan, afírmase, a moderación salarial -algo que parece irónico dende a modestia dos salarios galegos-, a diferenza nas marxes de beneficio, é dicir, a maior produtividade por parte dos estadounidenses, e a necesidade de reformas estruturais, que conleven un maior uso dos recursos e diminución do paro.

Curiosamente, as previsións de crecemento para a Eurozona, é aínda menor que para o resto dos europeos: o 1,6% fronte ó 2% do conxunto da Unión. De paso, esta é a segunda vez que a Comisión rebaixa as previsións de crecemento nos informes que cada mes de marzo se fan públicos, e prevé déficits para Alemaña, Italia, Grecia e Portugal, por riba do 3%. Pódese dicir por tanto, que a Comisión Europea, ponse a venda antes da ferida nestes días nos que se trata de renegociar os termos do cumprimento do pacto de estabilidade, que tanta polémica suscita.

Indo directamente ó gran, a Comisión, pon mans á obra e preséntase, dunha forma activa, con varios proxectos relacionados coas reformas estruturais e a estratexia de Lisboa. "Hai que darlle solución ó problema!", se afirma nos corredores da rotonda de Schuman. Pero hai que dar solucións intelixentes. Os dirixentes da Unión, queren investir naqueles dominios considerados estratéxicos, como son a investigación e desenvolvemento, transporte, enerxía, seguridade, xustiza e sanidade. Sen esquecer a protección do consumidor, que soa ben, pero que logo os estados membros bloquean e retrasan, con escusas de que canta máis lexislación maior incremento do prezo, debido ós constreñimentos lexislativos.

Neste senso, o pasado seis de abril, a Comisión adoptou un plan para investir no futuro de Europa -o "Programa para investir no futuro de Europa"-, que é unha compilación de intencións para encamiñar a perspectiva financeira, en negociación para o 2007 ate o 2013. Este plan complementa a proposta presentada en 2004, que xa causara polémica pois propoñía un crecemento do gasto europeo, e por tanto dos recursos propios.

En definitiva, o que se pretende é estar un pouco máis presente a nivel europeo, tentando que a maior presenza das institucións europeas faga que todos os estados membros remen nunha mesma dirección, para achegarse o obxectivo de pechar o "gap" no crecemento entre as dúas economías líderes no mundo. É dicir, insistir na estratexia de Lisboa para ser a economía máis competitiva no 2010 (o que parece cando menos complicado).

Pero isto supón un custe difícil de asumir por parte dos estados membros, que se resisten a ceder máis poder a Bruxelas. Unha vez máis, a historia de tira e afrouxa. Falando de custe das propostas, o programa da Comisión peca de ambicioso e así llo fixeron saber no Parlamento Europeo.

Preténdese un investimento de 93 billóns de euros, que se compón na súa columna vertebral, dun novo 7º programa cadro para a investigación, que se estendería de 2007 a 2013 (cun incremento do 166% sobre o anterior programa cadro). Tamén se apunta á creación dun programa cadro sobre competitividade e innovación (CIP), de 3,7% billóns de euros, con novas e ambiciosas medidas para as tecnoloxías da comunicación e información, e unha renovación do programa de cooperación da loita contra a fraude con 522 millóns de euros.

Tampouco son menores, tres novos programas en xustiza e seguridade, e un programa de protección da saúde e do consumidor (18 billóns), e dous instrumentos para proporcionar capacidade de reacción rápida en situacións de emerxencia, en caso de desastre natural, o Fondo de Solidariedade e o "Rapid Rescue and Prepareness Instrument". É de salienta, por último, un programa para a pesca sostible de 2,6 billóns de euros.

Pero non se pense que a Comisión de Barroso se para aquí. Por se todo isto fose pouco, a Comisión embárcase tamén nunha estruturación do Fondo Social europeo, que pretende tratar especificamente a reforma económica, focalizando na adaptabilidade dos traballadores e das empresas, e no ataque ó desemprego e a promoción do asociacionismo. A estratexia consiste en colocar un billón de euros anuais en áreas afectadas pola reestruturación baixo un novo "Growth Adjustement Fund" (algo así como fondo de crecemento axustado), e que os estados membros reserven unha cantidade indeterminada para reestruturacións imprevistas, a partir do seu propio fondo de converxencia e competitividade. Os recursos finalmente consagrados a estas propostas, achegaríanse ós 11,3 billóns de euros do 2007 ó 2013.

Pero claro, hai un problema. O Consello (digamos os Estados), e o Parlamento europeo, deben dar o consentimento para que estas prometedoras propostas vaian adiante. En calquera caso, para evitar críticas á Comisión Barroso adoptouse unha actitude proactiva, é dicir, por propoñer que non sexa.