Hai algo que chama a atención no feito de que o momento de maior unidade do pobo venezolano en décadas non chegase da man da política, nin da economía, nin sequera da diplomacia, senón arredor dun xogo dun bate e unha pelota. O pasado 17 de marzo de 2026, cando Venezuela logrou o que parecía imposible derrotar aos Estados Unidos 3-2 na final do World Baseball Classic, o país enteiro detívose. As rúas de Caracas, sempre saturadas de ruído e dun caos perfecto, estiveron baleiras durante o partido.
Para comprender o que a vitoria significou, cómpre entender o lugar que ocupa o béisbol na identidade venezolana. Mentres que no resto do mundo occidental o primeiro deporte ao que un rapaz ou rapaza ten acceso é o fútbol, en Venezuela ocorre algo distinto, antes nin sequera de ir á escola, os nenos atópanse xogando á “chapita” nas rúas, cun pau de escoba e coas chapas das botellas de refresco que recollen mentres imaxinan que xogan nas Grandes Ligas. Eses nenos non aprenden a dicir strikeout senón que din ponche1. O béisbol é, como toda lingua, algo que non pertence a ningún goberno nin a ningún bando só pertence aos que a falan.
Esta dimensión identitaria é crucial para entender o que aconteceu en marzo, porque en xaneiro, o presidente Nicolás Maduro era capturado nunha operación militar estadounidense e trasladado a Nova York para enfrontar cargos de narcotráfico. A captura fracturou ao mundo e miles de venezolanos na diáspora celebraron nas rúas de Miami, Madrid ou Bos Aires, mentres outros protestaban en Caracas contra a intervención estadounidense. Neste contexto, a pregunta que flotaba no aire era case existencial: existe aínda algo que una aos venezolanos por riba das súas diferenzas?
O torneo da WBC respondeu a esa pregunta, ofrecendo unha resposta case terapéutica xa que permitiu un espazo para sentir xuntos. Nos partidos de Venezuela en Miami, a afección venezolana converteu cada partido nunha festa que desbordaba o deportivo. As bágoas que correron cando Palencia ponchaba ao batedor estadounidense foron o desafogar dunha nación enteira.
A filosofía política ofrécenos un concepto útil para entender este fenómeno a través da idea do “espazo liminal”, ese territorio intermedio entre dúas realidades onde as regras habituais quedan en suspenso (Turner, 1967). O béisbol creou ese espazo para Venezuela. Nun diamante en Miami, durante catro horas, o chavista e o opositor, o que quedou e o que marchou ao exilio, compartían o mesmo obxectivo. A identidade que os separaba fóra do estadio disolvíase ante unha identidade máis antiga e máis fonda: a de ser venezolano. Lonxe do xuízo de Maduro e das negociacións petroleiras, trinta homes venezolanos podían ser simplemente só xogadores excepcionalmente bos nun deporte que aman.
No plano deportivo, resulta significativa a posición do equipo venezolano de rexeitar calquera tipo de politización do torneo. O adestrador Omar López insistiu en que levaba vinte e oito anos no béisbol e que non falaba de política (Reynolds, 2026). Unha das moitas estrelas do equipo, o bateador Ronald Acuña Jr., declarou que estaban alí para falar de béisbol e que o seu país merecía ese partido (Blum, 2026). Estas declaracións eran, paradoxalmente, profundamente políticas no seu rexeitamento do político. Ao negarse a ser instrumentalizados, os xogadores preservaron o único espazo de unidade que lles quedaba aos venezolanos.
Porque a instrumentalización estaba á espreita mentras que Trump intentou apropiarse da vitoria como proba dalgún mérito propio (Alonso Martínez, 2026), o goberno venezolano seguramente a interpretou doutro modo e a oposición no exilio viu nela un símbolo de resiliencia. Cada actor político proxectou na vitoria o seu propio relato. Mais o béisbol, na súa simplicidade, resistiu todas esas apropiación xa que un dobre é un dobre, unha carreira é unha carreira e un campionato é un campionato. Non necesita interpretación política para ter significado.
Desta reflexión podemos extraer, de xeito máis persoal, unha lección sobre a capacidade dos pobos para atopar fontes de identidade e cohesión máis aló da política. Os galegos sabemos algo diso xa que a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa música foron durante séculos refuxios de identidade cando a política nos negaba. Venezuela descubriu, ou quizais redescubriu, que o béisbol pode cumprir esa mesma función.
Referendas bibliográficas
Alonso Martínez, J. (2026, 18 de marzo). Trump sugiere que Venezuela sea el estado 51 de EE. UU. tras su triunfo en el Clásico Mundial. El País. https://elpais.com/us/2026-03-18/trump-sugiere-que-venezuela-sea-el-estado-51-de-ee-uu-tras-su-triunfo-en-el-clasico-mundial.html
Blum, R. (2026, 17 de marzo). Público festivo en la final del CMB: EE. UU. juega con Venezuela en un momento político tenso. Los Angeles Times. https://www.latimes.com/espanol/deportes/articulo/2026-03-17/publico-festivo-en-la-final-del-cmb-ee-uu-juega-con-venezuela-en-un-momento-politico-tenso
González, J. (21 de octubre de 2024). La palabra «ponche» en el beisbol. El Nacional. https://www.elnacional.com/2024/10/la-palabra-ponche-en-el-beisbol/
Reynolds, T. (2026, 5 de marzo). Venezuela espera que el Clásico Mundial sea una celebración, incluso en suelo de US. Independent en Español. https://www.independentespanol.com/deportes/venezuela-espera-que-el-clasico-mundial-sea-una-celebracion-incluso-en-suelo-de-us-b2932969.html
Turner, V. W. (1967). The forest of symbols: Aspects of Ndembu ritual. Cornell University Press.
1 O ponche é o lance polo que o lanzador retira a un batedor ao conseguir tres strikes sen que este poña a pelota en xogo. Mais en Venezuela o termo vai máis aló do técnico xa que é unha palabra propia, herdada e transformada, que ilustra como o béisbol foi absorbido e apropiado pola cultura popular venezolana (González, 2024)

