Berlín segue dividido

As eleccións do domingo na flamante capital da Alemaña unida supuxeron un novo fracaso da coalición gobernante encabezada por Schröder. O chanceler pode ter uns meses de marxe para tentar deter a perda de apoio popular ata que se celebren novos comicios municipais e estatais no arranque do ano dous mil. A victoria dos democristiáns CDU non é o trazo máis destacable dos resultados electorais na capital senón a capacidade do PDS para manter un amplo apoio nos distritos do leste e mellorar nos occidentais. Próximo o décimo aniversario da caída do muro "o nove de novembro " o sistema de bipartidismo imperfecto CDU-SPD, apoiado por Verdes ou FDP segundo o caso, está a ser posto en cuestión pola consolidación do PDS en moitos länder da vella RDA e o substancial apoio noutros estados occidentais que están a supoñer a consolidación do partido que se recoñece na tradición do SED como terceira forza política.

A victoria da dereita non foi tan ampla como esperaba o seu líder Schaüble, ilusionado con que os problemas do chanceler Schröder lle permitisen obter a maioría absoluta. O aumento do respaldo popular foi considerable mais quedou lonxe deste obxectivo. A CDU medrou algo máis do 4% e situouse preto do 41%. Un crecemento similar tivo o PDS que acadou un 18%. O SPD resistiu bastante ben, pero non puido mudar a tendencia á caída como pretendía o chanceler Schröeder, e perdeu algo menos de dous puntos situándose no 22%. Mentres Os Verdes seguen vendo reducidos os seus apoios e non deron superado 10%, e os socios da CDU durante os anos de Kolh, os liberais da FDP quedan fora do parlamento berlinés, ao non acadar o mínimo do 5%, e mesmo foron superados pola extrema dereita que tampouco entrou na cámara rexional. Os resultados obrigan a unha reedición da "grande coalición" CDU-SPD que leva gobernando Berlín dende 1991.

As diferencias entre os distritos orientais e do oeste son evidentes. Na parte occidental a CDU estivo preto da maioría absoluta cun 48,9% dos votos, pola contra no leste o vencedor foi o PDS que superou o 39%. A unificación alemana non supuxo a reproducción mimética do sistema de partidos da RFA senón que, dez anos despois, introduce unha terceira forza que superados os primeiros anos de desconcerto estase a consolidar e pode ter, no futuro inmediato, un papel protagonista na formación de moitos gobernos municipais ou estatais e mesmo no federal.

O que semella fora de dúbida é que o ascenso electoral do PDS será un dos factores sobre os que xirará o debate que nos próximos tempos se vai abrir na esquerda alemana e por reflexo en toda a da Europa unida. A este engadiranse, no ámbito alemán, as sucesivas derrotas da coalición gobernamental, o ascenso dos neofascistas en Austria, o contraste coa liña de Jospin e o explosivo regreso do ex presidente do SPD e ex ministro da Facenda, Oskar Lafontaine, quen esta semana presentará publicamente o seu libro de memorias "O corazón late na esquerda".