Berlusconi e o Vaticano

Os seus recíprocos intereses facían que Berlusconi buscase o achego do Vaticano e que este procurase que aquel lle permitise seguir influíndo, como de costume, na política italiana: non ao matrimonio homosexual, que non existe en Italia, e si ás leis que compracían ao Vaticano.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Os seus recíprocos intereses facían que Berlusconi buscase o achego do Vaticano e que este procurase que aquel lle permitise seguir influíndo, como de costume, na política italiana: non ao matrimonio homosexual, que non existe en Italia, e si ás leis que compracían ao Vaticano. Este foi tan agradecido que, en decembro, cando o voto de censura, tendo nas súas mans botar ao Cavaliere, non o fixo porque dixo preferir a estabilidade.

Pero as cousas están complicándose no só para o Primeiro Ministro senón tamén para o Vaticano, que empeza a sentirse incómodo coa imaxe que proxectou en todo o mundo de Italia como un grande prostíbulo ao seu servizo e dos seus amigos. As críticas van xurdindo, se ben, por agora, na linguaxe críptica vaticanista, incluídas algunhas declaracións do propio Bieito XVI.

Certos medios católicos teñen sido moi críticos con Berlusconi, tanto que as súas esmorgas e escándalos eróticos van ser tratados no consello permanente da Conferencia Episcopal italiana, conforme manifestou o cardeal Bagnasco, que a preside.

É máis, parece que existen informacións das que se segue que o propio Bieito XVI apoia ou vería con bos ollos a posible, e desexada polo Vaticano, substitución do Cavaliere por Giulio Tremonti, actual ministro de Economía, operación da que tamén se di que podería merecer o visto e prace da Liga Norte.

Por máis que Berlusconi diga que non deixa o leme do Goberno, ben se ve que pode haber dúas razóns que se impoñan á súa vontade: os procesos xudiciais que ten pendentes e a “desafección”, que semella xa manifesta, do Vaticano. Poucas veces xuntos tanto cinismo e tanta hipocrisía.