Berlusconi e Prodi na Italia das rexións

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
Para Berlusconi, o importante é centrarse en cuestións de política estatal e internacional, intentando non cometer erros, con malentendidos e chamadas a filas, de George Bush e Tony Blair. O presidente do goberno, pretende recoller votos no conxunto do territorio, e non de maneira concreta, por rexións. (…) Prodi, pola contra, ten unha actitude diametralmente oposta. A súa preocupación é que as rexionais funcionen como unhas primarias, e que sexan un test para medir o peso das coalicións a través do numero de gobernadores elixidos, e non en base á porcentaxe final. (Foto: Silvio Berlusconi e Romano Prodi en rolda de prensa no Consello Europeo de 16-17/10/2003).
 

En vésperas das eleccións rexionais, que inician o seu periplo este domingo, as espadas están en alto en Italia. As coalicións de esquerda e dereita utilizan estratexias distintas a poucos días duns comicios que os italianos valoran en importancia crecente. Neste contexto, Berlusconi, desenvolveuse ata agora con relativa tranquilidade, dedicouse ás cuestións de Estado, á política externa, con algún que outro esvarón, como anunciar a retirada prematura das tropas de Iraq e logo autoretractándose.

Prodi, con maior tensión, deixouse ver no escaparate das eleccións rexionais, que el sabe que foron claves no afundimento do líder da esquerda hai cinco anos. Massimo D’Alema, daquela, se enfrontaba a un Berlusconi, líder da oposición. Eran tempos nos que medraba a insatisfacción e a demanda do cambio, despois de anos de convulsión polos casos de corrupción de principios dos noventa, con investigacións famosas como a "mani pulite", onde o financiamento ilegal dos partidos saía á superficie.

A intención de voto parece equilibrada e moito dependerá da capacidade sedutora dos líderes, dos programas das diferentes forzas a nivel estatal e rexional, do curso da campaña electoral, e da influenza que poidan ter acontecementos como o da rocambolesca liberación da xornalista Giuliana Sgrena, en Iraq.

De saída, Berlusconi adoptou unha actitude reservada, e non emprendeu ata estes últimos días, unha postura atacante con demonizacións contra a esquerda (segundo el comunista e conspiradora), contra os xuíces, e a administración. A todos eles culpa de conxura contra a liberdade, e de querer impoñerse a través do Leviathan que representan as estruturas do estado, que se o dirixen eles, asegura, será autoritario.

Para Berlusconi, o importante é centrarse en cuestións de política estatal e internacional, intentando non cometer erros, con malentendidos e chamadas a filas, de George Bush e Tony Blair. O presidente do goberno, pretende recoller votos no conxunto do territorio, e non de maneira concreta, por rexións. Eso si, sen deixar a un lado a conquista daquelas zonas de maior relevancia, como Lombardía, Piamonte, ou Lazio. Pero o ascenso da esquerda, faille improvisar a campaña e, en certo sentido, quentar o ambiente días antes da convocatoria rexional. En principio, Berlusconi non tiña pensado participar na campaña electoral, pero finalmente veuse obrigado a apoiar ós candidatos da "Casa da Liberdade" (CdL).

Prodi, pola contra, ten unha actitude diametralmente oposta. A súa preocupación é que as rexionais funcionen como unhas primarias, e que sexan un test para medir o peso das coalicións a través do numero de gobernadores elixidos, e non en base á porcentaxe final. Dende o principio, apoiou ós candidatos da "Unión", que por primeira vez, recolle a tódolos candidatos da esquerda, incluída "Refundación Comunista".Para Prodi, que as eleccións rexionais funcionen como unhas primarias, significa comunicar a necesidade do cambio e a posibilidade de facer crible unha alternativa ó goberno italiano da dereita.

Pero as forzas, igualadas como están, veranse afectadas por diversos condicionantes relacionados co novo pulo rexionalista, e con outros factores alleos ás rexións. Nesa onda de crecemento do rexionalismo, iniciada nos anos noventa, as rexións gañan maior influencia e protagonismo. E xa dende os setenta, os gobernos das rexións van arrancando poder do goberno central. En 1992, cincuenta consellos rexionais conseguiron un referendo para abolir varios ministerios e conquistar así, as súas funcións. O ministerio de Agricultura e de Turismo desapareceron entón. Hoxe, o factor territorial, ten maior peso na conciencia dos electores. E de feito, tres de cada catro electores, pensa que o rol do presidente da rexión incide dunha maneira moito ou bastante importante na súa vida cotián.

Pero amais diso, a influencia rexional gaña peso coa elección directa do Presidente da Xunta Rexional, sendo proclamado presidente quen obtén o maior número de votos. Tendo en conta que de media, a metade dos electores coñecen ben os seus presidentes rexionais, isto implicaría, que o autonomismo gaña forza ó haber personalidades publicas, coas que se identificaría a autoridade rexional italiana.

Por outra banda, debemos lembrar que o poder das rexións medrou en sectores claves para a opinión pública. O rexionalismo vai seguir reclamando unha maior cantidade de recursos económicos, a partires do momento en que se detente a nivel rexional as competencias centrais en materia de sanidade, os servizos sociais e mesmo a ordenación do territorio.Polo tanto, semella que día a día as rexións italianas conflúen, en aparencia, nun abano descentralizador cada vez mais próximo, por exemplo, ó español.