O protocolo de Kyoto, que é parte da convención sobre o cambio climático de Nacións Unidas (UN Framework Convention on Climate Change -UNFCCC-) pretende que os países industrializados reduzan, entre 2008 e 2012, as emisións de efecto invernadoiro en torno a 5% comparado co nivel de 1990. Visto así, a longo prazo, parecía posible. Pero ese non foi o caso. De calquera maneira, a UE decidiu dar exemplo e comprometerse a reducir o 8%, neste primeiro período. (Foto: En 2004, o máximo buraco na capa de ozono deuse o 22 de setembro. ©NASA). | |
¿Está morta Europa? Semella que non. Ata os menos identificados co europeísmo, son quen de servir os intereses europeos. Un borrador do que deberá ser a declaración de Gleneagles do G8, é obxecto de negociación polos emisarios do Reino Unido que tentan convencer á contraparte estadounidense de que isto do efecto invernadoiro e o quentamento da terra é asunto de todos. Esta declaración obrigaría a Washington a aceptar un plan mundial de acción contra o cambio climático igual que xa se aceptou neste fin de semana a condonación da débeda de 18 países pobres. ¿Un cambio radical? De lograrse, polo menos sería de palabra na actitude USA, e un exemplo a seguir para as economías emerxentes de China, India e Brasil, entre outras.
Con vistas á finalización do Protocolo de Kyoto, que remataría no 2012 o seu primeiro período, a Comisión lanzou un debate sobre a estratexia a longo prazo neste asunto do quecemento global. Reducir o efecto invernadoiro a través da diminución das emisións de gas, e promover o mercadeo con cotas de emisión, son os instrumentos principais da estratexia europea. Pero o reto é conseguir que os maiores emisores de gases se sintan implicados na toma de accións.
De feito, o protocolo de Kyoto, que é parte da convención sobre o cambio climático de Nacións Unidas (UN Framework Convention on Climate Change -UNFCCC-) pretende que os países industrializados reduzan, entre 2008 e 2012, as emisións de efecto invernadoiro en torno a 5% comparado co nivel de 1990. Visto así, a longo prazo, parecía posible. Pero ese non foi o caso. De calquera maneira, a UE decidiu dar exemplo e comprometerse a reducir o 8%, neste primeiro período. Europa decidiu asumir, por tanto, o liderado do Protocolo de Kyoto na acción contra o cambio climático. Xa no 2000, lembremos que se lanzara o programa Europeo contra o cambio climático (PECC ou ECCP en inglés), para atallar as áreas de maior prioridade, incluíndo a promoción de enerxías renovables e medidas de aforro enerxético en novos vehículos, por exemplo. Pero o pivote da acción europea, é o esquema de intercambio de cotas de emisión.
En febreiro do 2005, a UE debullou os aspectos primordiais da estratexia para despois do 2012 ("Gañando a batalla contra o cambio climático"), como parte do compromiso con Kyoto. As discusións a nivel mundial se levarían á próxima reunión na conferencia de Nacións Unidas en Montreal, a finais deste ano.
Esta estratexia suxire actuar persuadindo ós maiores emisores mundiais para aceptar un acordo -incluíndo a EEUU e as economías emerxentes- onde se inserirían máis sectores nos recortes de emisións (aviación, barcos…), a promoción do uso de novas tecnoloxías, mercantilización das emisións, e tamén a deforestaciónm que agudiza o quentamento global. Finalmente, faise énfase na adaptación das políticas de maneira global, para lidar co inevitable cambio climático, centrándoo como prioridade nas axendas de quen decide.
Agora, Blair, aproveita unha vez máis un tema candente, para intentar reforzar a súa imaxe e liderar a acción dunha Europa convalecente, cun plan que pretende involucrar, nun proceso continuo, a EEUU e ós países emerxentes, China e India que asistirían a unha reunión do G8, no cumio de Gleneagles (Escocia), o 6-8 xullo, como invitados para debater a cuestión. Gordon Brown, o peso pesado do gabinete de Blair, xa anunciou este pasado sábado 11 de xuño que se duplicaría a axuda da UE na loita contra a sida. E neste tipo de asuntos, a presidencia do G8 "en mans británicas- ou da UE, é de inestimable axuda á hora de definir a axenda.
Este tema deixa ben ás claras, as diferentes intencións e grao de compromiso entre europeos e estadounidenses. Uns empuxando polas achegas de Kyoto, e outros investindo intensamente en novas tecnoloxías e tentando evitar os lindes dos acordos internacionais.
Nunha declaración conxunta, antes da visita de Blair a Washington, once Academias das Ciencias de países do G8, e de China, India e Brasil apelaron a unha acción urxente contra o cambio climático, pois segundo eles as evidencias son claras e o entendemento científico é agora o suficientemente esclarecedor, como para xustificar accións por parte dos Estados. En breve saberemos ata onde chega a vontade internacional.