Bolivia segue axitándose

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Na pobreza máis xeneralizada, Bolivia non deixa de axitarse en permanentes mobilizacións dos sectores máis golpedados pola crise para demandar do goberno de H. Banzer melloras sociais. Sindicalistas da COB, cocaleiros, labregos, funcionarios… mesturan as súas diverxentes voces reivindicativas diante do goberno do ex-dictador, quen apoiado por unha estraña megacoalición, bandea da negociación , man dura, do diálogo á represión do acordo ao incumprimento.

¡Coca ou Morte!. Este é o sorprendente slogan pseudorevolucionario que berran os cocaleiros de Sud Yungas que se opoñen a erradicación de 1.450 Ha. consideradas ilícitas polo goberno, por exceder a cota fixada na Lei 1008, pola que o país adquiriu o compromiso da erradicación progresiva dos campos de coca. Os labregos xa non teñen confianza nos cultivos alternativos propostos nos Planos de Desenvolvemento financiados polo goberno. Laranxas, tanxarinas e café sucumbiron irremisibélmente nas esgotadas terras pobres, cultivadas en socalcos.

Pero a marcha de 500 labregos en defensa da coca que camiñan cara a La Paz é só un grao de area na praia do descontento social. O principal foco de tensión que debe afrontar o goberno é o propiciado pola outrora poderosa Central de Obreiros Bolivianos (COB), inserta nun proceso de recomposición, que aspira a converterse en referente ideolóxico dun amplo grupo parlamentar nas próximas eleccións. Manifestacións, folgas de fame, cortes de tráfego estarán presentes nos próximos días.

O vocabulario utilizado polos membros do gobernos parece tinguidos dun anacronismo pouco conciliador. O ministro Guillermo Fortún cualificou aos líderes das mobilizacións como “ Heroes dos caos e a anarquía”.

Desencontros continuos que exceden as proclamas e que se nuclean en reivindicacións dun cariz máis ideolóxico ou laboral: Incremento do salario mínimo a 550 bolivianos, cumprimento dos acordos de Patacamaya sobre pensións, oposición á privatización da Seguridade Social…

A cadea enfrontamentos é continua, o último por razóns horarias. Os representantes da COB abandoaron o Ministerio ao que estaban citados para atopar unha saída dialogada, logo dunha hora de espera en balde. “É imposíbel negociar con un goberno é incapaz de chegar puntual a unha cita tan importante para o País”.

Banzer dirixe a nave gobernamental, sorteando os envites da ondas que sen cesar baten no seu férreo casco. É un sobrevivente nato.O resto dos presidentes que participaron na Operación Cóndor deseñada pola CIA para apoiándose nas dictaduras erradicar a subversión e os movementos insurxentes no Cono Sur (Arxentina, Brasil, Chile, Bolivia, Uruguai e Paraguai) teñen sido varridos pola xustiza, pola historia ou por ambas. Máis Banzer continúa, sen atopar cuestionamento internacional e, mesmo, co apoio do partidos de tradición esquerdista como o MIR (Movemento de Esquerda Revolucionaria).