"Non vou facer chavismo algún. Primeiro porque non son Chávez, segundo porque Brasil non é Venezuela. Este é un grande país que ten unha tradición de fe nas súas institucións". Así de enérxico respostou o presidente brasileiro ás insinuacións opositoras que pretendían situar a Lula no eixo Caracas-A Habana.
A próxima grande cita electoral latinoamericana está marcada en vermello na axenda para o próximo 1 de outubro. Nela Lula navega co vento favorábel das enquisas nas que goza dunha cómoda vantaxe, pero trata de evitar un distanciamento maior coas clases medias que se mostran críticas coa súa xestión. Das análises internas, o PT coñece da enorme credibilidade da que goza Luíz Inacio da Silva entre as bases electorais menos favorecidas.
Nas pesquisas cualitativas feitas polos responsables de campaña do PT, Lula non só aparece como exculpado no imaxinario popular de todos os escándalos de financiamento ilegal do partido ou da compra de maiorías parlamentarias, senón que, sorprendentemente, mesmo aparece como vítima: "¡Pobre Lula! Foi traizoado pola xente máis próxima, polas persoas nas que depositara a maior confianza, polos seus amigos, polos camaradas de partido…".
A acurralada oposición teima sen desmaio na articulación dun discurso que relacione o segundo mandato do Partido dos Traballadores cunha radicalización dun goberno que agora se transformaría nun agresivo ariete do Chavismo en Brasil e, por tanto, en Latinoamérica.
Nas próximas eleccións de outubro, Lula terá que medir forzas electorais con Geraldo Alckimin, o ex-gobernador do Estado de Sao Paulo, que se sitúa na corrente máis liberal do PSDB (Partido Socialdemócrata Brasileiro).
Nos catro anos de goberno afianzou a fidelidade dos brasileiros menos favorecidos polos gobernos das décadas anteriores. A pesares de ser acusado, por cualificados sectores da esquerda, de ter perdido na travesía cara á realpolitik, boa parte das roupaxes que vestiron historicamente ao PT; de ter deixado en farrapos o discurso que serviu de base para o triunfo no 2002, de ter agachado a estrela vermella na campaña; non é menos certo que o segmento de poboación que integra o 20% dos brasileiros con peores condicións socioeconómicas, ten medrado, en termos de renda unha media do 22% nos últimos catro anos.
Na actual campaña, a principal disputa céntrase no electorado máis moderado, ou no electorado que engloba a denominada clase media, que estaba preparada para vivir o purgatorio económico do ano da paciencia do 2003, pero non estaban en condicións de asimilar que Lula podía ser un máis na longa lista de presidentes corruptos.
O 2005 convertérase nun autentico calvario camiño do inferno electoral do 2006. Pesou máis o dolor da desilusión que os 3.135.000 empregos xerados en 30 meses de mandato, que multiplicaban por 12 os índices medios da época de Fernando Henrique Cardoso, que o feito de por en marcha proxectos de estado por un valor de 20.000 millóns de dólares.
O presidente Brasileiro, para tentar consolidar as expectativas que agora posúe, procura que Hugo Chávez, non interveña na campaña electoral brasileira. Pediulle ao líder bolivariano que non teña actividade pública en favor da súa candidatura. Quere evitar que ser repita a negativa incidencia nos resultados dos candidatos presidenciais Ollanta Humala e López Obrador, pola irrupción en campaña de Hugo Chávez ou das campañas mediáticas deseñadas en México e Perú, nas que o presidente Venezolano era presentado como autoritario, radical, ditador, xerador de violencia ou crispación social, destrutor da economía e axente corrosivo da riqueza local.
Nesta hora decisiva, Lula está disposto a pedir perdón, a admitir os erros cometidos, pero de ningún xeito quere verse empurrado a ser percibido como membro integrante da liña política Venezuela-Cuba:
"Fidel escribiu que a historia algún día absolveríao…eu non preciso esperar pola historia… o pobo…democraticamente vaime absolver agora, en outubro".