20080429 brasilia moratinos e celso amorim

Brasil ousado

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Miguel Ángel Moratinos e Celso Amorim; clic para aumentar
O goberno Lula conseguía que o Ministerio de Asuntos Exteriores español admitise ter errado na súa actitude, que Moratinos viaxase ao Brasil en finais de abril para dar algunha explicación e rebaixar tensións. (Foto: Os ministros de Asuntos Exteriores de España, Miguel Ángel Moratinos (esquerda), e de Brasil, Celso Amorim, en Brasilia o 29 de abril de 2008).
 

Comezan a aparecer no cenario internacional, e con forza excepcional, países que no pasado estiveron volcados sobre si mesmos e con aparente pouco interese no que había para alén das súas fronteiras estatais ou, como moito, rexionais. E entre eles parece de xustiza destacar dous: a China e o Brasil. Repárese, por exemplo, no intenso traballo de cooperación e comercio que o país oriental está a realizar no continente africano. Aínda nesta semana un diplomata angolano atribuía vantaxe ao relacionamento coa China en comparación co relacionamento cos Estados Unidos da América, na medida en que aquela mostraba unha actitude máis respectuosa e menos inxerente do que estes.

Mais, se callar, o traballo internacional da China, por máis que visíbel, guíase por un afán de non querer chamar demasiado a atención. Aínda que, atendendo aos acontecementos relacionados co Tibete e as Olimpíadas, vese que nin sempre o conseguen. O estilo do Brasil, nos últimos tempos, parece ir nunha dirección diferente. Obsérvense unhas recentes declaracións de Lula como reacción aos constantes ‘consellos’ recibidos no seu país desde o exterior sobre como actuar en relación á conservación da Amazonia: "O Brasil já não é mais um coitadinho […]. Se eles cuidassem da floresta deles como querem que cuidemos da nossa eles não seriam países carecas, sem uma árvore plantada".

Outro exemplo. No pasado mes de febreiro abríase unha pequena situación de crise, extremamente molesta para quen a tivese que padecer en primeira persoa, entre a España e o Brasil. O país americano manifestaba o seu profundo malestar perante a deportación constante e numerosa dos seus cidadáns nacionais nos aeroportos españois. Tiñan absolutamente toda a razón. Entre xaneiro e febreiro de 2008 a España deportaba 880 brasileiros. O Brasil decidía aplicar o principio de reciprocidade, e comezaba a aplicar tamén controis estritos aos cidadáns españois. O resultado eran 30 deportacións desde o Brasil en apenas dúas semanas.

Algún analista manifestaba non acabar de comprender a actitude do goberno de Lula, fundamentalmente por dúas razóns: as deportacións abundantes e con poucas explicacións de cidadáns de países pobres por parte de países ricos non son pouco frecuentes, pois que se considera que os países ricos son máis proclives a padeceren inmigración ilegal e que, deste modo, están asistidos de maior lexitimidade para faceren controles estritos; doutro lado, observábase que ese comportamento español co Brasil e con outros países non tiña comezado en febreiro de 2008, senón ben antes. Para comprender o comportamento brasileiro, claro, era necesario entender que o goberno de Lula estaba enviando unha mensaxe ao mundo, e non só ao Estado español.

Quen sabe! Quizá mesmo estaba a pór a proba o seu peso político internacional. Se así foi, os resultados imaxino que terán sido avaliados como óptimos. O goberno Lula conseguía que o Ministerio de Asuntos Exteriores español admitise ter errado na súa actitude, que Moratinos viaxase ao Brasil en finais de abril para dar algunha explicación e rebaixar tensións, e mesmo que Zapatero tratase outra vez este tema en visita ao Brasil producida en datas recentes á publicación deste artigo. Nótese que as viaxes son do Estado español ao Brasil, e non ao invés. Isto sería difícil de imaxinar noutros tempos.