O equipo presidencial asume que o Brasil tense convertido nun referente mundial dende a victoria de Luiz Inácio da Silva. A acción de goberno da lanterna do cambio brasileiro está marcada por tres liñas paralelas: a loita contra da pobreza e a desigualdade no interior, a equidade no comercio internacional e o desexo de ser respectados como líderes rexionais.
Que fame cero se convertese na prioridade do goberno do cambio que venceu ao medo, para levar a esperanza ao xigante sudamericano, era algo previsíbel.
Pero as miradas expectantes que os principais centros de poder nundial dirixen cara as decisións do goberno de Lula, se centran en dous temas: a política exterior e o programa económico para o interior.
O pragmatismo dun Lula presidente, ao cuarto intento, está a sorprender mesmo aos que lanzaron a campaña intenacional do medo, situando a Lula como prolongación do eixo do mal.
Logo de marcar na axenda reunións coas nacións compañeiras de viaxe no Mercosur, o primeiro sinal que enviou ao mundo, foi a súa reunión con George Bush. o dez de decembro.
Lula sabe que na actual conxuntura internacional ningunha nación pode sobrevivir cun modelo comercial isolacionista e autárquico.
Emporiso, achegarse as entrañas do imperio para ensinar as cartas coas que se vai xogar a partida das relacións internacionais nun clima respectuoso, foi un sinal explícito que o goberno do cambio quixo mostrar a este mundo expectante. Establecer un diálogo constructivo cos EEUU, no marco das respectivas soberanías.
Da potencia do norte, Brasil agarda ser recoñecida como potencia rexional, estando disposta a asumir publicamente a supremacía com dos EEUU como potencia.
Tamén precisa sementar a confianza suficiente na principal praza financeira do mundo, para conseguir liñas de creto preferentes para as empresas brasileiras que se endebedaron en dólares xusto antes de ser fortemente desvalorizada a súa moeda, nun país onde o creto privado só cobre unha cifra semellante ao 28% do PIB, cifra ridícula comparada coa se manexa nos EEUU do 70% ou a do 58% de Chile e cunhas taxas interese, que nos casos máis preferentes non baixan do 21%.
Quizais o punto máis espiñento da axenda bilateral sexa o tema do ALCA(Alianza de Libre Comercio das Américas) prevista inicialmente para comezos do 2005, que contará con máis de 700 millóns de consumidores, pero que Brasil quere renegociar dende bases máis xustas, sen medo a ter que retardar a súa posta en funcionamento. Está disposta a non cuestionar a súa existencia, pero agarda un xesto inicial dos EEUU no que suprima as duras taxas arancelarias que impuxo a productos sensíbeis para o Brasil, como son o zume e o aceiro.
Lula sabe que a pesar das friccións cos EEUU, este país que absorbe nada menos que o 25% das súas exportacións. Coñece que o 40% dos investimentos norteamericanos no subcontinente están no Brasil. Ten que renderse a evidencia de que é nos EEUU, onde se consume o 30% de todas as mercadorías que se ofertan nun mercado mundial. Un país cun importante superávit comercial como o Brasil, non pode esquecer este importante dato, nin esquecer que mentres o mercado estadounidense lle absorbe productos manufacturados cun maior valor engadido, a UE compra materias primas.
No outro prato da balanza, nas relacións comerciais cos EEUU, está patente a ameaza que supón un ALCA pilotado pola superpotencia que poder converter ao Brasil nun simple apéndice da economía norteamericana. Unha potente maquinaria industrial capaz de poder ofertar productos manufacturados máis baratos e de unha maior calidade.
É previsíbel que a chegada do ALCA, signifique modificacións na lexislación laboral e reformas estructurais das que nin queren oír falar os sectores sindicais que están no corazón do PT.
Tampouco estrañaría que nun mercado aberto como o ALCA, os EEUU acabasen por implantar barreiras aduaneiras non tarifarías que seguisen dificultando a entrada de productos norteamericanos.
Un dos eixes do discurso de Lula é comprometerse a traballar a reo para acabar cun comercio mundial desigual, no que os países non desenvolvidos levan a peor parte.
Durante a década dos 90 se calcula que teñen perdido máis de 350.000 millóns de dólares por mor dos subsidios que os países desenvolvidos aplican para protexer a súa producción interna.
Desta acusación non está libre de culpa a UE. Todo o contrario cara a ela se dirixen boa parte das denuncias por práctica un comercio mundial desigual.
Como potencia rexional se marca como prioridade revitalizar o Mercosur, caído no precipicio da crise do Río da Prata ata niveis de intercambio comerciais, semellantes aos que se mantiñan antes da súa posta en funcionamento.
No seu programa oculto de relacións intenacionais… está a admiración que senten polos mercados asiáticos aos que lle queren votar o dente, sen levantar bochas en occidente. Mais no fondo temen espertar ao xigante chinés e ser devorado pola súa capacidade inesgotábel de invadir mercados cos seus productos máis económicos e cunha calidade crecente.
Por tanto é normal que diante a envergadura das dúas liñas de acción exterior, difusas, complexas, o Presidente da esperanza que venceu ao medo, decidise empezar pola liña máis incontestable a loita contra da pobreza, co obxectivo de conseguir a Fame Cero. Sete millóns de brasileiros sofren desnutrición e precisan asistencia médica ou reforzo alimentario.
É de subliñar o esforzo que dedicou o anterior goberno as tarefas sociais, recoñecido pola ONU. Nos últimos 8 anos a mortalidade infantil reduciuse nun 38%. Nove millóns de persoas abandonaron os niveis da pobreza extrema, máis dun millón de nenos deixaron de traballar e a SIDA reduciuse nun 64%.
Máis Lula recibe un país co maior nivel de débeda externa porcentual na historia, con niveis miserentos de crecemento que non deteñen a hemorraxia de parados, cunha inflacción que repunta ata os dous díxitos e con 54 millóns de brasileiros que viven con menos de 30 dólares ao mes.
Terá que administrar con moita habilidade as tres liñas e manter o pulso firme diante das tensións latentes que, sen dubida, apareceran.
No seu goberno, hai sensibilidades tan diversas como para agradar inicialmente a todos os que ven en Lula a esperanza, pero tan diferentes nas súas ópticas ideolóxicas como para convivir en eterna harmonía.
Aos ollos dos expectantes nos oráculos dos poderes mundiais, de momento non existen motivos para alarmas. Mesmo estan dispostos a ofrecer dende o BM 500 millóns de dólares para o programa da fame cero.
Agardan que Lula saiba recoñecer este esforzo aplicando ese pragmatismo que polo de agora lle recoñecen.