BRICS: eran outros tempos

Comercio en vez de xeopolítica. Intereses bilaterais en vez de multilateralismo. O recente Cumio de Brasilia 2019 marca o momento e o estado actual dos BRICS, lonxe das esperanzas esgrimidas nos seus inicios (2001) por fortalecelo como paladín das “potencias emerxentes” na construción dun novo sistema global para o século XXI. O baixo perfil en aras de propiciar un entendemento, aínda que sexa parcial, impón agora o seu ritmo.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Palabras chave BRICS 2019 Cumio Brasilia
Idiomas Galego

Comercio en vez de xeopolítica. Intereses bilaterais en vez de multilateralismo. O recente Cumio de Brasilia 2019 marca o momento e o estado actual dos BRICS, lonxe das esperanzas esgrimidas nos seus inicios (2001) por fortalecelo como paladín das “potencias emerxentes” na construción dun novo sistema global para o século XXI. O baixo perfil en aras de propiciar un entendemento, aínda que sexa parcial, impón agora o seu ritmo.

Non deixa de ser simbólico que, mentres o presidente brasileiro Jair Bolsonaro recibía en Brasilia aos líderes dos BRICS, o ex mandatario e gran impulsor deste grupo, Lula da Silva, saía de prisión tras verificarse que o seu xuízo estaba “politicamente viciado”. O Cumio de Brasilia evidenciou unha nova etapa para os BRICS, onde unha nova xeopolítica global “emerxente” e o multilateralismo defendido, entre outros, por Lula, vai dando paso ás realidades derivadas da realpolitik e dos intereses económicos.

Bolsonaro recibiu así aos seus homólogos chinés Xi Jinping; ruso, Vladímir Putin; surafricano, Cyril Ramaphosa, e indio, Narendra Modi. Todos eles con miras en gran medida dispares sobre o acontecer internacional que, por precaución, non foron evidentes no cumio de Brasilia. Mentres Bolsonaro esfórzase por sepultar o legado multilateral e multipolar da era “lulista”, achegándose expresamente ao “trumpismo” imperante na Casa Branca, Rusia e China, polo contrario, estreitan unha alianza estratéxica que implica cada vez mais á India. En medio da guerra comercial EUA-China, Bolsonaro debía equilibrar as expectativas, toda vez as súas simpatías por Trump non provocaran tensións nun aliado económico chave para Brasil como o é Beijing.

Por tanto, os BRICS de 2019 son diametralmente diverxentes daqueles impulsados durante a “era Lula” ao fronte no Palacio de Planalto en Brasilia (2003-2011). Desa época só mantense no poder Putin, un mestre da realpolitik, mais interesado en construír relacións bilaterais económicas fortes co novo Brasil de Bolsonaro. Xi, Ramaphosa e Modi chegaron ao poder moito despois, pero con expectativas diferentes.

Así, os polarizados eixes de intereses xeopolíticos existentes entre os membros dos BRICS anunciaban un cumio de baixo perfil, sen estridencias nin aflorar tensións. Temas controvertidos como a crise venezolana evitaron tocarse neste cumio, tomando en conta ás fortes diverxencias entre Xi e Putin co anfitrión Bolsonaro. Incluso, en Brasilia, o propio Putin pareceu tomar distancia da crise boliviana simultánea ao cumio dos BRICS, practicamente aceptando como presidenta de feito a Jeanine Añez, sen alusións expresas á caída de Evo Morales, tradicional aliado de Moscova, hoxe exiliado en México.

A crise venezolana provoca unha permanente tensión hemisférica na que o Kremlin está directamente inmerso polo seu apoio a Maduro, toda vez Bolsonaro aposta pola transición impulsada por Guaidó. Probablemente para non irritar esa posición e a orientación “trumpista” de anfitrión, Putin esforzouse en facer boas migas cun Bolsonaro que xa viña de visitar a Xi en Beijing. A Declaración final do Cumio de Brasilia reflectiu claramente esa vontade por non afondar tensións. Nin Venezuela nin Bolivia foron mencionadas, toda vez apostouse por “reformular a arquitectura internacional” e “repensar o multilateralismo”. Precisamente, as dúas variables que forman parte da “Doutrina Trump” que tanto ambiciona Bolsonaro.

As crises de Iemen, Siria e a península coreana si foron incluídas nunha declaración final descafeinada, mais enfocada nos intereses por impulsar o comercio global que, por exemplo, acadar políticas cara o cambio climático, un tema que Bolsonaro renega constantemente. Novos tempos para os BRICS, pero con mais grises e claroscuros que certezas estratéxicas, o cal complica a súa coherencia e viabilidade de cara ao futuro.