20070530 leicester gordon brown

Brown, a Unión Europea e a pobreza

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Gordon Brown; clic para aumentar
Antes de chegar ao poder o Novo Laborismo, Brown era aínda máis europeista ca Blair, e o federalismo continental era unha das bases da súa renovación do vello laborismo, que sempre fora moito máis receoso, ou prudente, nese tema. Pero resulta que agora, despois de dez anos no Exchequer, Brown ve as cousas doutro xeito.
 

Disque o estancamento institucional que tanto preocupa na sala de máquinas da Unión Europea podería entrar por bon camiño de solución có impulso da presidencia alemana no tempo que a Merkel lle queda nese posto rotatorio. Fálase tamén dunha nova xeración que, con Sarkozy, podería restabelecer o famoso eixo franco-alemán, e da relativa novidade de Gordon Brown, que talvez o convertise nunha trepia ou troika. O que a ninguén se lle ocurre é que o impulso poda vir de quen non sexa un deses estados locomotoras.

Sarkozy xa anunciou, por boca da ministra de Agricultura, Christine Lagarde, peso pesado da súa equipe, que non vai ceder nin un chisco na defesa da agricultura francesa, "sector estratéxico", e que podería chegar a utilizar o veto na Organización Mundial do Comercio, se fai falla.

Esa punta do eixo promete pouco, polo que se ve. ¿E o terceiro pé da trepia? Con Brown na sala de espera, non é raro que os analistas anden escarafuchando nas declaracións que no pasado foi facendo o próximo premier neste eido das cuestións europeas e noutros.

Antes de chegar ao poder o Novo Laborismo, Brown era aínda máis europeista ca Blair, e o federalismo continental era unha das bases da súa renovación do vello laborismo, que sempre fora moito máis receoso, ou prudente, nese tema. Pero resulta que agora, despois de dez anos no Exchequer, Brown ve as cousas doutro xeito.

Tivo o Chanceler actuacións concretas que, cando menos, supoñen pouco entusiasmo comunitario: a demora da adopción do euro ata que se cumplan as famosas "cinco probas", nas que ninguén ve outra cousa que unha táctica dilatoria. O recusarse unha e outra vez á harmonización fiscal. Sostendo que as instancias europeas non teñen a lexitimidade necesaria para dictar políticas fiscais. Si hai unha cousa "dixo" na que o principio da subsidiaridade e da proximidade da administración ao administrado teña que primar é a das taxas e impostos.

Cara ao exterior, as poucas veces que Brown esticou o pescozo para fóra dos despachos do Tesouro foi para expresar preocupación, talvez sincera, pola pobreza do mundo e sobre todo de África. Deu a entender que cré na globalización "non nos deu nunca motivo para pensar que non" pero preocúpanlle os que quedan abandonados no camiño trunfal da nova economía ou esmagados polos céleres vehículos que corren por esos camiños.

O aspecto que queremos salientar aquí é que Brown consta nas actas do Comité de Asuntos Económicos e Monetarios do Parlamento Europeo con declaracións feitas o 12 de xulio de 2005, e tamén noutros foros, nas que deixa claro que ve a Unión como un bloco comercial, incapaz como tal de afrontar os desafíos que o desenvolvimento do mundo prantexa ao Reino Unido. Para iso faría falta unha "Europa global", que non é compatíbel coa actitude introvertida e proteccionista que Brown critica na Unión Europea. A defensa francesa da Política Agrícola Común é, para ele, mostra clara desa actitude, contra a que se manifesta, e que xa veremos si combate cando chegue ao poder.

Á vista diso, diríase que o terceiro pe da trepia non está moi conforme có pensamento hexemonizante de Bruxelas.

Nesa perspectiva está claro que a lóxica proteccionista dos Estados non se "supera" na dun superestado, como é cada vez máis a UE, senón todo o contrario. A protección vai ser, coma sempre, resultado de tirapuxas entre os máis fortes. E as rexións que xa sufriron o proteccionismo dos seus estados, cómo se van defender nesa loita? Nese caso está Galicia, que pouco poderá facer si ten que confiar en Madrid, como sempre, para que a defenda fronte a outras agriculturas peninsulares e europeas. Na agricultura europea uns son, e van seguir sendo, máis iguais ca outros.

Se Brown está certo, a Unión Europea, no panorama mundial, atranca a loita contra a probreza universal, e no continental non protexe os intereses das nacionalidades sen estado.