Bush dálle azos a Schröder

Alemaña agarda ansiosa polo 22 de setembro. Boa parte de Europa tamén. A alianza gobernante en Berlín afrontaba as lexislativas en claro retroceso. A súa errática política nos Balcáns, o fracaso na loita contra o paro, a incapacidade para diminuír o impacto da crise económica, a perda de protagonismo na UE, prognosticaban, segundo as enquisas, un triunfo, aínda que disputado, da alianza da dereita. Segundo se achega a data as posibilidades de Schröder de repetir á fronte do goberno, tamén segundo as enquisas, van en aumento.

Hai poucos meses eran escasos os analistas que apostaban por unha reedición da coalición gobernante SPD- Os Verdes. Mesmo considerábase lóxica a derrota. A viraxe dereitista comandada polo triunvirato Blair-Aznar-Berlusconi esixía que o motor económico da UE se adecuase aos novos tempos, asi como algunhas tibiezas non eran comprensibles despois do 11-S. A situación era tal que o mesmo Schröder amagou con abandonar a coalición cos verdes e comezou a presentarse como o único capaz de dar estabilidade ao goberno coa súa capacidade de dialogo cos liberais e a súa negativa radical a un entendemento co Partido do Socialismo Democrático.

En poucos meses a cousa mudou substancialmente e non só polo maior atractivo que para o electorado poida ter o actual chanceler senón por dous factores externos aos candidatos e mesmo á propia dinámica política alemana.

En primeiro lugar, as graves inundacións que sufriu Alemaña servíronlle a Schröder para recuperar a súa imaxe pública. Xa se sabe que ante as desgracias é mellor o malo coñecido que o bo por coñecer, pero tamén as catástrofes naturais puxeron o énfase tanto no discurso ecolóxico como no da solidariedade.

Por outra banda, a mensaxe belicosa que ven da outra beira do Atlántico asi como a forma imperial de presentala anda a provocar a reacción de sectores desencantados coa coalición gobernante que poderían decidirse a participar co voto o próximo domingo. A este obxectivo obedece o mitin conxunto Schröder-Fischer que podería repetirse nos próximos días.

Mesmo a victoria da socialdemocracia sueca, tan contundente como imprevista polas enquisas, pode favorecer ao SPD, aínda que tamén complicar o día despois si a alianza nórdica a tres patas (socialistas, excomunistas, verdes) se pretende aplicar en Alemaña e Schröder segue mantendo a súa negativa a pactar cos ex comunistas do PDS.