Se o "cristián renacido" presidente estadounidense George W. Bush reflectira sobre o mundo post-11-S de 2001, atoparíase con varias sorpresas desagradables, divididas en cinco claves:
Primeiro. O terrorismo global segue a estar presente, nun ámbito xeográfico cada vez mais amplo, con variados mecanismos de acción: Bali (2002), Istambul (2003), Madrid (2004), Londres e Sharm el Sheik (2005), Ammán e Bombai (2006), confirman esta tendencia, amparada polo carácter descentralizado de Al Qaida e a proliferación de células locais, tan rápidas para activarse como para desaparecer. Aínda que non é hoxe a principal ameaza para a seguridade mundial, nin Washington nin Al Qaida poden sacar conclusións vitoriosas da "guerra internacional contra o terrorismo".
Segundo. Existe un misterio total en torno ao paradoiro de Osama ben Laden.
Non obstante, o "inimigo nº 1 de EEUU" aparece cada vez menos en vídeos e cintas radiofónicas, suplantado por un cada vez mais activo Aywan al Zawahiri, o seu lugartenente. Isto aumenta as todo tipo de especulacións relativas á saúde física do saudita e tamén sobre un posible cambio de dirección na cúpula de Al Qaida. Tralo espectacular golpe asestado o 11-S, Al Qaida semella funcionar en dúas direccións: como "mensaxe ideolóxico" e como "franquicia" do terrorismo global. Pero a "yihad global" da ideoloxía alqaedista aínda non provocou ningún cambio radical no mundo musulmán.
Terceiro. Os casos de Guantánamo, os voos ilegais da CIA, as torturas nas cárceres de Abu Ghraib e Bagram, as escoitas e detencións ilegais, os escándalos dos servizos de intelixencia que salpican a altos cargos da administración de Bush, e a falacia das armas de destrución masiva de Sadam Husein, son síntomas evidentes da perda de credibilidade e capacidade moral de Bush. O seu legado pernicioso amosa unha serie de mecanismos ilegais para dinamitar todo tipo de convencións internacionais de defensa dos dereitos humanos, en aras de conservar intacta a súa política de seguridade nacional.
Cuarto. O Oriente Medio post-11-S acredita o fracaso da diplomacia unilateral e a tese da "guerra preventiva" ideada por Bush no 2002. O caos iraquí confirma esta premisa, marcada pola flagrante de violación do dereito internacional e a violenta transición post-Sadam. Outros efectos colaterais son o ascenso xeopolítico dun Irán "nuclearizado", o triunfo do islamismo político de Hamas en Palestina, a confirmación de Hizbulah como poder político e militar no espazo libanés, unha Siria saíndo do illamento internacional, a radicalización do mundo árabe contra Occidente e Israel e o ascenso rexional do antiamericanismo.
Quinto. Washington afronta o mundo post-11-S como único poder hexemónico pero a súa visión unilateral permitiu a paulatina perda de espazos de influencia, O caso mais significativo se nota nos cambios políticos en América Latina, ante o repentino viraxe á esquerda en varios deses países. Aínda que non son consecuencias directas do 11-S, estase a observar o ascenso global de China e India, o retorno de Rusia e unha Europa aínda enmarcada nos seus dilemas de identidade. Paralelamente, no actual espectro político internacional, ser estreito aliado de Washington non é unha benéfica garantía política. Aznar, Blair e Berlusconi poden certificar esta aseveración.
O 11-S, Bush obtivo un claro apoio interno e mundial que se esmerou en desgastar progresivamente nos anos posteriores. Esta balance é tan negativo que ata o Partido Republicano pode perder o Congreso nas eleccións lexislativas de novembro próximo e a Casa Branca nas presidenciais de 2008. Tomando distancia da súa reelección no 2004, o discurso da "guerra contra terrorismo" xa non sirve de arma electoral para un Bush cada vez mais impopular entre os estadounidenses.