Bush en guerra

A lexitimidade de George Walker Bush para comandar a estratexia mundial antiterrorista presenta varias feblezas. En primeiro lugar, bótase en falla unha autocrítica, a entonación dun mínimo "mea culpa", abusando desa terminoloxía piadosa coa que se atopa tan a gusto. Sen entrar a analizar agora a naturaleza do terror antitalibán (o papel das forzas americanas, como dixo Condoleezza Rizze, non é precisamente o de acompañar os nenos á escola), cómpre lembrar que o compromiso de Washington co terrorismo nunca foi superficial. Auga pasada e non. É evidente a súa complicidade co terrorismo de estado en numerosos puntos do planeta, de Indonesia ata numerosos países de América Latina, pasando, claro está, por Turquía ou Israel, aínda hoxe; pero tamén sería de xustiza coñecer os detalles da instigación de tantos complós en países soberanos pero inimigos, dende Cuba ata Iraq.

En segundo lugar, é constatable unha patrimonialización interesada. Toda a lexitimidade na loita contra ese novo inimigo universal radica no acontecido o 11 de Setembro. Pero son moitos os países que acusan os efectos dunha violencia cega e desesperada que esixe, para combatila, unha actuación globalizada en múltiples dominios, dende o político ata, naturalmente, o económico e social. Os Estados Unidos non son a única víctima nin os destinatarios últimos das iras desa hipotética internacional da violencia (ou "eixe do mal"), nin polo mesmo ostentan dereito superior algún a esixir que se lles facilite todo tipo de información estratéxica a cambio de nada ou a actuar con patente de corso en calquera recuncho do planeta abusando dese novo tempo que din que vivimos, o da guerra xusta nun mundo sen fronteiras que os xenerais do Pentágono visualizan e implementan en función das necesidades da seguridade norteamericana.

En terceiro lugar, unha eficacia asimétrica hiperchamativa. Son capaces de cargarse aos talibáns en Afganistán sen baixarse practicamente dos avións, pero non de pillar a un individuo que seica levaba explosivos nos zapatos (unha especie de versión maléfica do superaxente 86) e botou a correr polo aeroporto de San Francisco. ¿Cómo confiarlle tan delicada e importante misión a un exército, a un país, a unhas estructuras tan avanzadas de seguridade, que non foron capaces de atopar no seu propio territorio aos responsables do envío postal de ántrax? ¿Non deberían pedir axuda ao resto do mundo para clarificar un asunto que mantivo en vilo á opinión pública e ocasionou varios mortos? ¿Cómo van acabar co terrorismo no mundo se non son quen de pillar a ninguén na propia casa? Asi as cousas, sempre queda espacio para alimentar todo tipo de hipóteses conspirativas: precisanse chivos expiatorios que xustifiquen máis restriccións de liberdades públicas, máis diñeiro para defensa e seguridade, que proporcionen máis cohesión social arredor dun goberno en extremo fráxil sen ese activo ou sometido a unha incómoda investigación sobre escándalos que parcializan severamente esa moral intachable de quen afirma ser instrumento nada menos que da divinidade.

O discurso de Bush no Capitolio de Estados Unidos expresou de forma máis cruda que nunca as ansias de dominio mundial deste país. Estaba dirixido ao pobo norteamericano pero o resto do mundo tamén ten orellas e moitos quizais poidan entender mellor agora o por qué de tanta reserva e incluso odio á política estadounidense en tantos lugares do planeta. ¿Queren acabar de verdade co terrorismo? Por favor, disparen os seus míseis contra a miseria.