Vivimos as eleccións americanas como se formasemos parte da súa república imperial. A xeito da romana, pero sen edicto de Caracala, é dicir, sen cidadanía para as "provincias", o que non nos libra dos efectos das decisións adoptadas en Washington. O futuro do 95,4 por cento da poboación mundial que non é súbdito estadounidense depende en boa medida do que decidan o sete de novembro ese outro 4,6 por cento. A non ser que un milagre erosione a súa hexemonía indiscutible en beneficio, por exemplo, das Nacións Unidas. Milagres hai pero custa creelos.
Formalmente son máis de dous (Ralph Nader, Pat Buchanan, e outros máis), pero os que contan son George Bush e Al Gore, dúas versións dun mesmo discurso que sen embargo presenta tamén matices importantes. ¿Da igual quen gañe? Coido que non. De entrada, resulta evidente que o compromiso de Bush coa invulnerabilidade nuclear é moi notoria e apoia claramente o desenvolvemento dun sistema de defensa antimísiles. O candidato demócrata é máis partidario de priorizar o asentamento dos acordos de desarmamento con Rusia. Outro exemplo é a globalización económica e comercial. Mentres Bush é partidario da liberalización absoluta, Gore aposta por unha maior regularización que inclúa cláusulas de protección social e do medio ambiente. En relación a terceiros Estados, o comportamento republicano sempre se caracterizou pola práctica do unilateralismo (lei Helms-Burton) e pola negación daqueles compromisos que coartan o libre albredío americano (non ratificación do acordo que prohibe os ensaios nucleares). Nun país no que tanto importa o diñeiro, fundamental, por exemplo, para conducirse cun mínimo de expectativas nunha campaña electoral, Gore urxe regulamentar o "soft money", as aportacións das empresas aos partidos, mentres que Bush non quer límites. As diferencias son igualmente evidentes en materias como o aborto, a educación, o ambiente ou a saúde, cun sesgo máis progresista para Gore.
Desde aquí fóra, non é indiferente quen gañe. Á vista dos programas, das actitudes e das traxectorias dos candidatos máis destacados, resulta evidente que os cidadáns das "provincias do imperio" prefeririamos a quen estivese máis disposto a compartir e democratizar a soberanía mundial, sen intervencionismos, militares ou non, baseados nesa perversa identificación de intereses universais e intereses americanos. Na Casa Branca e no Capitolio precisamos maiorías dispostas a pactar co resto do mundo as reglas da nova cidadanía universal.