As coloridas Convencións de agosto dos grandes partidos norteamericanos deron o ton do que sería esta longa campaña electoral norteamericana do ano 2000 que remata o 7 de novembro. Nin Bush nin Gore, nin os republicanos nin os demócratas, nin en Filadelfia nin en Los Angeles, podemos atopar propostas políticas innovadoras ou que se aparten minimamente do xa coñecido.
Á concepción do "conservadurismo compasivo" de George W. Bush, que como lembraba recentemente o profesor Rafael Navarro-Valls, procede, paradoxalmente, da formulación dun ex-comunista, Marvin Olasky, profesor de Xornalismo na Universidade de Austin, co intento de supostamente gañarlle pola esquerda ó candidato demócrata, respondeu Gore nomeando candidato á vicepresidencia a Joe Lieberman, xudeu ortodoxo, un demócrata crítico e conservador, co que poderá rabuñar votos pola dereita.
Segundo parece, a manobra saiulle ben pois remontou as unánimes enquisas adversas, mantendo dende entón unha moderada distancia sobre o seu rival. Pero mais alá dos xogos tácticos, en cuestións de fondo, resulta verdadeiramente difícil advertir diferencias significativas entre ambos candidatos. Os grandes temas da política exterior e interior a penas están presentes nunha campaña na que pesa en exceso a bonanza da economía estadounidense e todo se reduce a unha pelexa entre gabinetes de comunicación entregados a unhas estratexias de marketing non sempre doadas dado o escaso carisma dos contendentes en liza. A balanza da victoria vai depender, pois, de xestos, de golpes de efecto, e por iso adquiren gran relevo os debates cara a cara de outubro e a percepción que a opinión pública obteña do enfrontamento.
Pode afirmarse que Gore, cando menos medianamente, conseguiu distanciarse da administración Clinton e mesmo evidenciar certa capacidade de iniciativa (liberar as reservas enerxéticas de crú para enfrontar a suba dos prezos). Segundo algúns observadores conseguiu ata o que parecía mais imposible, aparecer como un ser humano e non un mecano seducido polo cantar das novas tecnoloxías. Pero o maior empuxe recibiuno de Lieberman, o as na manga, que lle aporta o valor moral e a independencia de criterio que tantos nel botan en falla. Lieberman representa ademais a unha minoría moi importante que contrarresta os guiños continuados e significativos de Bush ó mundo latino, cos que tenta recoller electoralmente o seu incomodo polo papel da administración Clinton no caso Elián.
Analistas como William Pfaff non deixan de sinalar que estas eleccións representan a volta a un certo pasado, a esa fe e relixión que Alexis de Tocqueville identificou como compoñentes esenciais da democracia norteamericana, un refuxio seguro, dirán algúns, en tempos de confusión, de perda de referencias. Lieberman, un halcón en política exterior, insiste na súa mensaxe política en volver ás igrexas e ás sinagogas, expresión quizais tamén dun novo illamento.