Cabilia

De pouco serviu a abrumadora abstención da poboación bereber da Cabilia nas pasadas eleccións lexislativas de Alxeria. En Tizi-Uzu, a capital da Gran Cabilia, os comités de "aarchs" (tribus e aldeas), principais artífices dese noventa e oito por cento de abstención, expresaron recentemente a súa frustración e ira polo mantemento no seu cargo do ministro do interior, Yazid Zerhuni, no novo gabinete de Alí Benflis, secretario xeral da outrora emancipadora FLN (Fronte de Liberación Nacional). En Alxer non hai máis iniciativa política que a inspirada pola negación e a represión. Tan lonxe quedan os anos de dura loita contra o colonialismo francés e na que tan activamente participaron os bereberes da Cabilia, hoxe cinco millóns de persoas illadas cultural e políticamente nun réxime de apariencia democrática no que a corrupción e a violación dos dereitos humanos afogan toda esperanza reformista. Os xestos conciliadores do presidente alxeriano, Abdelaziz Buteflika, souberon a pouco e mesmo son interpretados na distancia como simples manobras para desarmar a revolta beréber iniciada en abril do ano pasado coa morte, en dependenciais policiais, do estudiante Masinisa Guermah.

O nomeamento como ministra de Comunicación e Cultura dunha antigua defensora da causa beréber, Jalida Mesaudi, ou a declaración constitucional da lingoa "tamazight" como nacional provoca nulo entusiasmo no seo dos sectores máis intransixentes, decididos a continuar a revolta ata materializar as reivindicacións recollidas na "plataforma de El Kseur": rango oficial, equiparable ao árabe, para o seu idioma; subsidio especial de desemprego para unha rexión azoutada pola crise; o procesamento dos autores dos homicidios cometidos no transcurso das manifestacións que seguiron á morte de Guermah na aldea de Beni Duala, un cento máis de mortos. O goberno accedeu a indemnizar ás familias das víctimas e habilitou medidas especiais para que os estudiantes pudieran rematar o seu curso sen problemas pero, polo de agora, imaxinar a retirada das numerosas tropas estacionadas na zona semella altamente improbable. A idea dunha hipotética mediación de Jalida Mesaudi rebentou antes de ser insinuada ao ser acusada de traidora á causa do seu propio pobo por Belaid Abrika, líder dos comités de aarchs, actualmente na clandestinidade.

A intensa vida política na Cabilia contrasta coa inmensa indiferencia que se respira entre o resto da poboación alxeriana, agobiada polos problemas do día a día que non se arranxan: o custe da vida, o deterioro ou carencia de servicios básicos esenciais, e a interminable violencia paramilitar e islamista. De nada serviron as novidades introducidas por Buteflika para asegurar unha maior transparencia e regularidade do proceso electoral: un comité de vixiancia cunha participación máis plural e con proxección a escala de todo o país, menos mesas itinerantes, mínima regulamentación do acceso aos medios de comunicación dos 23 partidos e máis dun cento de listas independentes que competían polos 389 escanos do Parlamento… Fachada remozada que non impediu o chamamento abstencionista dos principais partidos da oposición e a extensión da revolta da Cabilia que vai prendendo noutras zonas do país, especialmente no Sur, donde os xóvenes se desesperan ante a falla de perspectivas de futuro nun país, paradoxalmente, tan rico en recursos enerxéticos.

Despois dos comicios do 30 de maio pasado, o fracaso da normalización política en Alxeria é evidente. Na Cabilia permanece activa a mobilización popular e no conxunto do país, como sinalaba recentemente Rachid Benyelles, ex ministro de Defensa de Alxeria, non se vislumbra o desenlace dunha crise que xa custou 150.000 mortos. Poucos aínda, parece ser, para que dentro e fóra xurdan iniciativas de pacificación baseadas na apertura de negociacións entre as partes en conflicto.