Na vida do arquipélago africano de Cabo Verde as cousas mudan á velocidade de vértigo. A escasos catro meses da celebración das eleccións municipais, e cando os principais partidos están xa a presentar ós seus candidatos, o goberno trata de convencer ó electorado con cifras e proxectos.
O principal factor a desenvolver por parte das autoridades caboverdianas é o da participación do sector privado na economía, na que como non podía ser doutro xeito está implicado o BM (Banco Mundial). A última contribución a este ámbito foi a celebración dun seminario co suxerinte título de “Construíndo a vantaxe competitiva de Cabo Verde”, no que se tratou de estimular a participación empresarial como motor económico do arquipélago.
No seu empeño por crear as bases, para que se dean as condicións, para que o sector privado sexa o principal responsable do desenvolvemento do país, as autoridades caboverdianas din non esquecer o papel de xestores das finanzas públicas e consolidadores orzamentarios que eles teñen que desenvolver, pero ó tempo falan de cear un sistema macroeconómico propicio para atraer investimentos estranxeiros, e para isto están elaborando un Código de Traballo, fundamental, segundo eles, para garantir a competitividade da súa economía. Neste sentido non hai que esquecer a situación xeográfica privilexiada que este país ocupa, a súa total apertura ó mar, supón grandes vantaxes. Un exemplo pode ser o do establecemento dunha liña marítima regular entre o Estado Brasileiro do Ceará e Cabo Verde, o que supón un conducto de entrada dos productos brasileiros no continente africano. O percorrido que antes levaba de 45 a 60 días poderá agora facerse nunha semana.
Ademais o Primeiro Ministro Caboverdiano, José María Neves, está a desenvolver unha incesante labor de captador de recursos para o seu país, un dos logros máis recentes é o da consecución de apoios como os de Francia, Luxemburgo, Holanda, a parte, por suposto, de Portugal, para a obtención do estatuto especial dentro da Unión Europea. Aínda que se trata dun proceso lento e complicado, a obtención de beneficios para as rexións periféricas, fará que as relacións entre os veciños, Azores, Madeira, e Canarias, estreiten máis os lazos Portugal-Cabo Verde, pero tamén España-Cabo Verde.
Esta negociación xunto coa da prolongación do acordo pesqueiro ata xuño de 2005 son dous dos grandes puntais das relacións Arquipélago-Unión Europea.
Neste sentido é tamén importante o acordo o que por fin chegaron as autoridades Caboverdianas e Mauritanas respecto da delimitación das súas fronteiras marítimas. Esta cuestión que xa levaba anos nos asuntos da axenda exterior dos dous países ficou resolta segundo as leis internacionais, pero nada se sabe de se na pacífica solución tivo algo que ver a posible existencia de petróleo na zona.