cabo verde illa sal areal santa maria

Cabo Verde: claroscuros dunha economía en crecemento


 Areal de Santa María, na illa da Sal; clic para aumentar
A estabilidade política e a consolidación do Estado de Dereito, xunto coa posición estratéxica do país, que conforma unha plataforma de illas ponte entre tres continentes, propicia igualmente un ambiente atractivo para as inversións estranxeiras. Estas xeran amplas oportunidades no emprego, especialmente no sector turístico con proxectos como a próxima apertura do Hotel Hilton na illa de Sal, que xerará 400 postos de traballo. Sal é a máis explotada polo turismo, acaparando un 59,1% do emprego total de Cabo Verde (datos de 2007), e representando máis do 65% da actividade do sector. (Foto: Areal de Santa María, na illa da Sal).
 

Dende o primeiro de xaneiro de 2008, Cabo Verde pasou de ser membro do grupo de Países Menos Avanzados (PMA) a formar parte dos Países de Desenvolvemento Medio (PDM), segundo a clasificación do Banco Mundial (BM). Este cambio débese, principalmente, aos progresos políticos e económicos que vive o arquipélago.

O principal factor que empuxa a Cabo Verde cara o crecemento económico (que no 2007 acadou o 6,9%) é o desenvolvemento do turismo, cun aumento do 15,6% entre 2004 e 2007, tirando, particularmente, do sector inmobiliario. Durante moito tempo, as remesas de emigrantes proporcionaron á poboación de Cabo Verde ingresos considerables e unha importante axuda para o desenvolvemento do país. Sen embargo, no 2007, por primeira vez, con 300.000 visitantes e unha taxa de ocupación de aproximadamente o 80%, o sector hoteleiro acumulou, por si só, un beneficio superior ao importe das transferencias de fondos efectuados pola diáspora caboverdiana.

A estabilidade política e a consolidación do Estado de Dereito, xunto coa posición estratéxica do país, que conforma unha plataforma de illas ponte entre tres continentes, propicia igualmente un ambiente atractivo para as inversións estranxeiras. Estas xeran amplas oportunidades no emprego, especialmente no sector turístico con proxectos como a próxima apertura do Hotel Hilton na illa de Sal, que xerará 400 postos de traballo. Sal é a máis explotada polo turismo, acaparando un 59,1% do emprego total de Cabo Verde (datos de 2007), e representando máis do 65% da actividade do sector.

Con independencia dos beneficiosos efectos sobre a ocupación, o auxe do turismo, no contexto da actual crise económica, está a provocar unha subida xeral dos prezos, especialmente en conceptos como aluguer, derivados do petróleo e alimentación, que inciden negativamente naqueles colectivos da poboación máis pobre que ven agravada a súa marxinalidade sen poder beneficiarse do crecemento económico.

As expectativas de inversións en Cabo Verde son contraditorias. Dunha banda, as illas son consideradas coma unha grande oportunidade para o investimento. Doutra, algunhas consultoras internacionais non recomendan investir en Cabo Verde en caso de non poder afrontar unha perda importante de capital. O mercado de propiedades está lonxe de ser unha aposta segura dado que Cabo Verde é aínda un país en desenvolvemento con algunhas carencias institucionais e legais de relativa gravedade. A súa economía está aberta a padecer shocks financeiros e a diversificación económica continúa a ser un obxectivo estratéxico importante para aumentar a súa resistencia a estes traumas.

As infraestruturas caboverdianas, por outra banda, presentan unha notable febleza e a economía nacional non dispón de suficientes recursos para levar a cabo os investimentos necesarios, polo que depende de inversores estranxeiros. A medida que o turismo crece requiriranse máis investimentos en auga, electricidade e outro tipo de infraestruturas que o goberno por si só non poderá afrontar, tendo en conta os seus custos e os escasos recursos á súa disposición.

O principal problema a afrontar por Cabo Verde é o desaxuste existente entre os seus indicadores sociais, relativamente altos, que non se corresponden cunha economía forte e sustentábel. A economía segue crecendo e as illas fanse máis prósperas, certo, pero as desigualdades sociais e rexionais van en aumento: a pobreza aumentou ata chegar a un 37% da poboación dende a democratización do país en 1991 mentres o elevado desenvolvemento económico na illa do Sal, por exemplo, non é equiparable ao das outras illas, agravando as diferenzas socioeconómicas e rexionais.