Cabo Verde é un dos países africanos de fala portuguesa que máis está a crecer nos últimos anos. Sen embargo, ese crecemento, non se está deixando sentir de xeito equitativo na totalidade da poboación. O aumento da economía caboverdiana está cifrado nun 6,1% anual, durante a década dos 90, pero pese ó esperanzador do dato, ese aumento non foi suficiente para impedir a acentuación da pobreza.
As reformas levadas a cabo polo goberno do arquipélago non deron solución á situación de precariedade na que vive unha alta porcentaxe da poboación caboverdiana. Para poder corrixir esta circunstancia o Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) aportou recentemente 140.000 dólares ó goberno de Cabo Verde. Estes cartos irán destinados á elaboración dun estudio que defina e identifique o por que da diferencia entre o crecemento económico do país e a diminución da pobreza no mesmo. A partires de aí tomaranse as medidas que permitan diminuír a brecha e fagan posible chegar a un desenvolvemento ascendente e sostible.
Ademais disto as autoridades caboverdianas están tratando de chegar ó fondo das carencias máis urxentes coas que conta o país para poder desenvolverse. Nesa procura un dos puntais claves é evidentemente o do sector turístico,ó que se lle está a prestar unha grande atención, sobre todo polos intereses estranxeiros que o sector suscita. Neste sentido se están a producir importantes avances non só polos convenios firmados entre países como Portugal ou Italia, para compartir voos e mellorar os servicios aéreos en xeral, cuestións, xunto coas infraestructuras, fundamentais no desenvolvemento deste ámbito.
Conscientes da importancia da información e das novas tecnoloxías os caboverdianos tamén puxeron en marcha a creación do instituto das Comunicación e Tecnoloxías da Información (ICTI). Esta institución nace pola necesidade de corrixir as deficiencias que o desfase da Dirección Xeral das Comunicacións, creada en 1991, estaba a xerar, provocando un desaxuste entre o funcionamento da Dirección e as novas realidades e demandas. Este Instituto comezará a súa actividade a principios do 2004.
Outra clave que os africanos queren desenvolver é a do estatuto especial na Unión Europea, as illas queren contar cos beneficios que as rexións periféricas da Unión Europea, Azores, Madeira e Canarias, disfrutan. Os municipios caboverdianos xa forman parte da Confederación de municipios ultraperifericos da UE, e se benefician do programa INTERREG destinado ás rexións de Canarias, Azores e Madeira.
Importantes son tamén as relacións que se están a establecer con países con nos que existen comunidades de inmigrantes, coma Francia, onde se está a cooperar en materia de descentralización, reformas económicas, turismo e industria.