200601pedro pires e jose maria neves63

Cabo Verde non cohabita

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

 Pedro Pires e José María Neves, clic para aumentar
Pedro Pires e José María Neves, clic para aumentar
Por que o pobo caboverdiano concedeu esta dupla vitoria ao PAICV? Con certeza, como retoricamente propuña Pedro Pires durante a súa campaña: por que a cidadanía caboverdiana había de querer mudar un equipo (Pedro Pires – José María Neves – PAICV) gañador? (Foto: Pedro Pires (de costas) e José María Neves nun acto da campaña pola Presidência da República).
 

A cidadanía caboverdiana acudiu ás urnas dúas veces no prazo de tres semanas para, no pasado 22 de xaneiro, decidir a composición partidaria da Assembleia da República e para, no pasado domingo 12 de febreiro, elixir a persoa a ocupar a Presidência. En ambos os casos, o electorado apostou na continuidade do Partido Africano da Independência de Cabo Verde (PAICV), aumentando o apoio ao tal partido en comparación cos resultados das eleccións lexislativas e presidenciais do 2001. Deste modo, nun país en que o voto está case totalmente repartido entre o PAICV e o Movemento para a Democracia (MpD), a cidadanía decidiu confiar novamente na opción á esquerda, non dando lugar á cohabitación.

No que atinxe aos resultados electorais das lexislativas celebradas o pasado 22 de xaneiro, cómpre dicirse que non se produciron mudanzas de relevo en relación aos resultados das eleccións anteriores: o PAICV aumentou un asento, pasando a ocupar 41, o MpD perdeu ese mesmo asento, pasando a dispor de 29, e a União Cristã Independente e Democrática (UCID) ficou cos 2 asentos que en 2001 tiña obtido a coalición na que este mesmo partido se integrara. Deste modo, o primeiro-ministro do PAICV, José María Neves, continuará comandando o executivo na próxima lexislatura, contando co inestimábel apoio dunha maioría absoluta parlamentar aínda máis folgada que no período anterior.

Esta distribución de asentos lexislativos e conseguinte asignación do poder executivo, aínda sendo resultado dunha xornada electoral cuxas normalidade e tranquilidade obtiveron recoñecemento internacional, non estivo, no entanto, exenta de polémica. E isto aconteceu porque durante practicamente todo o período “entre-electoral” o MpD, e especialmente o seu líder, Agostinho Lopes, pediron formalmente ao Supremo Tribunal de Justiça (STJ) na semana pasada a anulación dos resultados por suposta fraude xeneralizada. Un pedido que se esperaba que fose resolvido no fin da semana pasada, mais cuxa resolución, finalmente, aínda non chegou e que, en todo o caso, non se espera que vaia deparar a anulación demandada.

Este movemento do MpD probabelmente non teña sido simple arrebato mal-perdedor ou celoso cumprimento de deber cívico tendo, antes, intención de influír na xornada electoral presidencial acontecida neste pasado domingo incentivando a mobilización dos votantes do MpD: ao suxerirlles que os resultados lexislativos podían ser falaces e que, por tanto, as presidenciais non estaban perdidas; e ao abrir un estimulante escenario de voto-de-castigo contra o “tramposo PAICV”.

Sexa como for, o certo é que o MpD conseguiu que o seu electorado voltase a apoialos nas presidenciais, atinxindo para o seu candidato un 48,79% dos votos e superando así en case 5 puntos porcentuais os sufraxios obtidos polo MpD nas lexislativas.

Con todo, Carlos Veiga, o candidato presidencial do MpD, sabía que repetir os apoios obtidos polo seu partido nas eleccións do pasado 22 de xaneiro non iría ser suficiente. Por iso, decidiu tomar dúas medidas esenciais: conseguir apoios de persoas ligadas a partidos diferentes do MpD, tendo mesmo logrado o de persoas do PAICV; e pór unha subtil distancia entre el e o acto de impugnación dos resultados lexislativos levado adiante polo seu partido. Ambos os movementos tiñan a intención de contribuír para evitar que as eleccións presidenciais voltasen a ser un confronto entre o PAICV e o MpD, no que habería moitas posibilidades de que os resultados fosen en todo semellantes aos do pasado 22 de xaneiro, dada a proximidade da data.

Así e todo, se é ben certo que o candidato do MpD ultrapasou os votos obtidos polo seu partido nas lexislativas, tamén o é que o candidato do PAICV, Pedro Pires, conseguiu manter o electorado do PAICV do seu lado, tendo perdido apenas 1% dos votos obtidos polo seu partido, obtendo así, igual que este, a maioría absoluta de votos e, por tanto, a Presidência da República.

Así sendo, os datos fan pensar nas presidenciais como reedición das lexislativas, para infelicidade de Carlos Veiga e a pesar dos seus esforzos por que iso non acontecese.

Por que o pobo caboverdiano concedeu esta dupla vitoria ao PAICV? Con certeza, como retoricamente propuña Pedro Pires durante a súa campaña: por que a cidadanía caboverdiana había de querer mudar un equipo (Pedro Pires – José María Neves – PAICV) gañador? E é que, efectivamente, os datos estatísticos caboverdianos relacionados coa economía e o benestar remiten para o optimismo, non debendo perder de vista que o Consello Económico e Social (ECOSOC) decidiu, sintomaticamente, que Cabo Verde pase de ter a consideración de País Menos Avanzado a ter a de País de Desenvolvemento Medio en 2008. É Cabo Verde, pois, un país felizmente estraño na África ou, como aseveraba un artigo do xornal español El País no pasado sábado 11, “o país menos africano da África”.