Cando Michel Camdessus cesou na dirección do Fondo Monetario Internacional, non deixou de subliñar que a maior ameaza para a economía mundial era a xeneralización da pobreza. Os seus temores vense confirmados no Informe sobre o desenvolvemento mundial 2000/2001 presentado polo Banco Mundial. Os datos son contundentes: case a metade da humanidade sobrevive con menos de dous dólares diarios; entre 1987 e 1998 a pobreza multiplicouse por 20 nos países do Leste de Europa e nas repúblicas ex soviéticas; na África Subsahariana, Asia Meridional e América Latina a miseria medrou dun xeito sostido.
O informe anual do Banco Mundial, presentado o pasado 12 de setembro, considera que non hai un xeito único de loitar contra a miseria, aínda que apunta o necesario alivio da débeda externa, a mellora da cooperación para o desenvolvemento e a loita contra a SIDA. Tamén, que o remedio non é so económico xa que debe ir acompañado de medidas sociais e culturais, ao tempo que os países ricos deben abrir os mercados aos bens das nacións en desenvolvemento. O economista xefe do banco Mundial, Nicholas Stern, indicou que ademais de manter o crecemento económico para reducir a pobreza son necesarios cambios institucionais e sociais, entre os que apuntou: o acceso dos máis desfavorecidos á posesión de terras e á educación; o aumento da súa capacidade de influencia nas decisións que lles afecten; a eliminación das discriminacións por razón de sexo, etnia ou relixión e reducir a vulnerabilidade dos máis pobres ante as enfermidades, as crises económicas e os desastres naturais.
O informe é desalentador. A metade da poboación mundial (2.800 millóns de persoas) sobrevive con dous dólares diarios. Case a metade dos cales (1.2000 millóns) fano cun dólar. O 70% destes concéntranse na África Subsahariana e no sur de Asia, áreas nas que a pobreza medrou de forma sostida dende 1987. A pobreza tamén aumentou en América Latina e dun xeito espectacular na Europa do Leste e na antiga URSS. As zonas nas que se reduciu son: Asia do Leste, Magreb e Oriente Medio, aínda que a crise económica de países como Indonesia, Tailandia ou Corea do Sur poden reducir sensiblemente estas expectativas.
Se as porcentaxes melloraron entre 1987 e 1998, do 28% que vivía cun dólar diario pasouse ao 24%, o aumento da poboación fai que o número de desfavorecidos sexa moi superior, pasando dos 474 millóns aos 522.
As diferencias entre pobres e ricos non deixan de aumentar. O ingreso medio dos 20 países máis ricos é 37 veces superior ao dos países máis pobres e esta fenda duplicouse nos últimos corenta anos.
En América Latina a pobreza medrou en torno ao 20%. Reduciuse nalgúns países como Brasil, Chile ou a República Dominicana mentres que aumentou sensiblemente noutros como Venezuela e Ecuador.
Onde destaca de xeito espectacular o aumento da pobreza é na Europa do Leste e na antiga URSS. Dende 1987 ata 1998 as persoas que subsisten con menos dun dólar diario pasou de 1,1 millón a 24 millóns. Agora ben existen diferencias substanciais, mentres en países como Bielorrusia, Bulgaria, Estonia, Hungría, Lituania, Polonia ou Ucraína as persoas que sobreviven con menos de dous dólares diarios é menor ao 5%, esta porcentaxe disparase ata o 19% en Rusia e chega ao 49% en Kirguistán e ao 68% en Taikistán. A este respecto o informe apunta: "a transición económica, especialmente nos países da ex URSS, ilustra intensamente que as reformas do mercado sen institucións domesticas eficaces poden fracasar á hora de facilitar o crecemento e reducir a pobreza".