venezuela espera miraflores

Calma chicha tras do 3-D venezolano?

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Espera diante Palacio Miraflores, clic para aumentar
Na tensa calma á espera dos resultados electorais oficiais, que non terminaban de chegar, Izarra interpretou que a rolda de prensa de Petkoff era o sinal pactado para que a oposición volvese a negar os resultados electorais e promovese disturbios violentos, "Guarimbas" en crioulo. (Foto: Partidarios do presidente Chávez diante do Palacio de Miraflores, tras do peche das urnas e antes da poclamación de resultados oficiais. ©Lino Pellitero).
 

A guerra de nervios e tensións políticas non acabou ás catro da tarde, hora prevista para o peche dos colexios electorais en Venezuela. Un incidente de gravidade, pouco coñecido, aconteceu catro horas despois, cando o Consello Nacional Electoral (CNE) aínda non difundira avance de resultados algún.

Ás oito da tarde Telesur crebaba o compromiso público asumido por todos o medios de comunicación venezolanos nos días previos, de non publicar resultados, nin enquisas a pé de urna, antes de que o Consello Nacional Electoral fixese público o resultado oficial.

O ex-ministro de comunicación e información Andrés Izarra, e presidente de Telesur, tomara a decisión unilateral, sen consulta previa ao actual ministro do ramo Willian Lara, de facer pública unha enquisa que outorgaba 34 puntos de diferenza a favor de Chávez.

Por que o goberno venezolano rompeu un compromiso que esixiu nos días previos aos medios de comunicación opositores?

Minutos antes da emisión por Telesur da enquisa na que o presidente Hugo Chávez aparecía co 67% dos votos, o ex-candidato presidencial, ex-ministro, ex-guerrilleiro e membro destacado do comando de campaña de Manuel Rosales, Teodoro Petkoff, facía unha intervención pública televisada por todos os medios de comunicación públicos e privados, na que acusaba ao goberno de estar a "pelando bolas", que ven a ser algo así como tentar barbear bombillas. Denunciaba que non se deixase pasar aos venezolanos aos centros de votación ao reconto manual das papeletas que por sorteo, se fixeron no 54% das mesas de voto electrónico, para contrastar os resultados. Denunciaba así mesmo, sen fundamento algún, que determinados oficialistas estaban obrigar a que reabrisen pola forza determinadas mesas electorais que xa estaban pechadas, para que votasen persoas que eran carrexadas en autobuses do estado.

As oito da tarde, era precisamente a hora prevista polo CNE, para facilitar os primeiros resultados. Pero este organismo oficial se comprometera a non difundir escrutinio algún, namentres non pechasen todas e cada unha das mesas electorais de Venezuela. Cousa que acontecería cando deixasen de afluír votantes aos colexios electorais, fose a hora que fose.

Na tensa calma á espera dos resultados electorais oficiais, que non terminaban de chegar, Izarra interpretou que a rolda de prensa de Petkoff era o sinal pactado para que a oposición volvese a negar os resultados electorais e promovese disturbios violentos, "Guarimbas", en crioulo.

Tras do referendo revogatorio do ano 2004, opositores impulsaran actos de violencia na rúa e intimidatorios cara aos observadores internacionais, entre os que se encontraba o Centro Cárter e a OEA. Nun intre, tras coñecer os resultados, pasaran de ser garantes do proceso a ser odiados instrumentos pagados polo chavismo.

Izarra decidiu que era o momento de parar as especulacións e os hipotéticos plans subversivos en marcha no 3-D do 2006, publicando resultados que non deixasen dúbidas sobre o gañador.

Inmediatamente despois de que Telesur avanzase a súa proxección favorable a reelección de Chávez, outro ex-canditado presidencial que renunciou en favor do gobernador de Zulia, Manuel Rosales, Roberto Smith Perera aparecía nunha televisión opositora anunciando que os datos de Telesur eran unha absoluta falacia, que, en breve, Rosales se dirixiría ao país para anunciar os resultados definitivos das eleccións presidenciais, nos que a oposición acababa de obter uns resultados moi bos, mesmo chegou a afirmar en dúas ocasións durante a entrevista: "Vamos gañando segundo os datos definitivos". Ao tempo invitaba aos venezolanos a saír á rúa e asistir aos recontos nos centros de votación.

Era evidente que entre os opositores había dúas tendencias opostas. Os que querían aceptar o veredicto das urnas e os que pretendían entrar no Palacio de Miraflores polo atallo violento e antidemocrático, tal que dixeran no golpe de estado do 11-A de 2002.

Probablemente a intervención de Teodoro Petkoff non era o sinal de partida para a toma das rúas. Mais ben, todo o contrario. Petkoff pretendía coa súa intervención pública deter unha tensión crecente entre os opositores que non conciben que Chávez poida ter un respaldo popular abrumador por ocuparse dos segmentos sociais, esquecidos durante a cuarta república. Por ter diminuído en 12 puntos os niveis de pobreza, segundo a CEPAL, Comisión Económica para América Latina da ONU.

Un estreito colaborador directo de Petkoff, que prefire gardar o anonimato, me confirmaba que no día anterior Teodoro estivera reunido con Rosales avaliando a certeza dun resultado con derrota clara.

Afortunadamente, a tempérana intervención de Manuel Rosales, recoñecendo a derrota electoral, permitiu que a oposición venezolana se sacudise o estigma golpista que levaba marcado na fronte. Se se decide por comezar a facer política para poder recuperar o electorado, que aínda con consegue cativar, e abandona a teoría conspirativa pode que Venezuela recobre a paz e a calma chicha.

Pero antes debe expulsar os residuos antidemocráticos que aínda ten incrustados.