Cambios coa Habana, status quo en Washington

Desde os anuncios paralelos dos respectivos presidentes de Estados Unidos e de Cuba en decembro do ano pasado para iniciar, publicamente polo menos, o abrandamento nas súas relacións diplomáticas, hostís e inexistentes desde hai máis de 50 anos, xa se derramou moita tinta en reanalizar antecedentes históricos. Pero para moitos estadounidenses, incluíndo á maioría dos congresistas, no mellor dos casos a historia é algo demasiado alleo á vida cotiá e no peor caso a historia non existe. En Estados Unidos, a ignorancia da historia implica que o debate político sobre o proposto achegamento cubano-estadounidense, ou a crítica da Administración Obama por parte do partido republicano máis ben, non é nada novo e o futuro a medio-prazo é fácil prognosticar.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Desde os anuncios paralelos dos respectivos presidentes de Estados Unidos e de Cuba en decembro do ano pasado para iniciar, publicamente polo menos, o abrandamento nas súas relacións diplomáticas, hostís e inexistentes desde hai máis de 50 anos, xa se derramou moita tinta en reanalizar antecedentes históricos. Pero para moitos estadounidenses, incluíndo á maioría dos congresistas, no mellor dos casos a historia é algo demasiado alleo á vida cotiá e no peor caso a historia non existe. En Estados Unidos, a ignorancia da historia implica que o debate político sobre o proposto achegamento cubano-estadounidense, ou a crítica da Administración Obama por parte do partido republicano máis ben, non é nada novo e o futuro a medio-prazo é fácil prognosticar.

            O papel de Cuba na historia política de Estados Unidos do século XX é sumamente importante para entender o que veremos agora, mais non polos antecedentes aos que aludo arriba. Pódese identificar a elección de John F. Kennedy en 1960 como punto de inflexión da politización da política exterior. A través das súas lamentábeis políticas cara a Cuba, a Administración de Kennedy tentou demostrarlles ao público e aos republicanos a súa forza militar e política ante o comunismo e a percibida crecente influencia soviética no “patio de atrás.” A pesar de que a hostilidade de Kennedy cara a Castro fose exactamente o que os republicanos esixían, á vez criticábano sen parar. Resulta difícil non observar a experiencia do presidente actual como caso análogo. Pero non sempre foi así canto á política exterior en EEUU.

Desde o famoso discurso de despedida de Washington no que avogaba a favor dunha política de illacionismo e a evitación de “enredos estranxeiros”, existía o costume, respectado por todos os partidos políticos, de non politizar a política exterior. Até hai relativamente pouco tempo, buscar a maneira de sacar proveito político de, ou castigar calquera presidente por, calquera percibido erro na política exterior descartábase por ser fóra de xogo e de moi mal gusto. Durante case dous séculos outro refrán clásico estadounidense reflectía a realidade: a política termina na beira do mar. Xa non.

“Enredos” estranxeiros

Desafortunadamente, como se vén institucionalizando a politización da política exterior desde o Capitolio, os desacordos insignificantes pero arraigados entre demócratas e republicanos sobre todo tipo de política e postura do presidente van impedir este proceso de achegamento. Por desgraza para os cubanos e debido a que a política exterior é un verdadeiro campo de batalla, na sombra das ameazas representadas polo Estado islámico en Siria, Iraq e Libia, e por Vladimir Putin e a crise en Ucraína, Cuba xa se converteu en peón para Washington. O presidente israelí, Benjamín Netanhayu, visitará o Capitolio en marzo, invitado polo presidente da Cámara de Representantes, un republicano, completamente minada a autoridade de Obama e o Departamento de Estado, o que case provoca unha crise constitucional. En vésperas (xa!?) das eleccións en 2016, lamento dicir que Cuba non ocupará un lugar importante na axenda política para o goberno estadounidense no seu conxunto. Cuba, ou a política de Obama cara a Cuba, non será nada máis que outra pataca quente na competición política entre os que perseguen o nomeamento a ser candidato republicano á presidencia.

Coma o Presidente Obama, eu non sosteño que as relacións con Cuba son insignificantes. O porqué dos propostos cambios debe ser evidente pero en realidade todo depende das tendencias políticas de cadaquén. Obama repetiu no Discurso do Estado da Nación o pasado mes de xaneiro o que anunciara o mes anterior, que despois de máis de 50 anos, a política estadounidense cara a Cuba caducara. Se non funcionou ao longo de cinco décadas, quero dicir, se a meta desa política sempre foi a provocación da caída do réxime do Castro, había que cambiar a que claramente fracasou.

Ademais da amnesia histórica, a hiperpolarización da política exterior e unha política exterior infrutuosa, se falamos de EEUU, non se nos debe esquecer a hipocrisía política. Os republicanos que están en contra dos propostos cambios cara a Cuba basean as súas críticas no abuso dos dereitos humanos por parte dos Castro e no percibido abuso do poder presidencial por parte de Obama. Ambas as actitudes sobordan hipocrisía. Foi o Presidente Bush quen abriu a prisión na base militar de Guantánamo a través dunha directiva presidencial, o que non é máis nada que unha fábrica de abuso dos dereitos dos prisioneiros. Ademais diso, a base naval en si representa un abuso da soberanía cubana desde 1903 pero a súa clausura non está en xogo nas conversacións entre a Habana e Washington. E parece que os republicanos no Congreso, que tanto aman a Constitución, esquecéronse de que é o presidente, sexa quen sexa, quen corta o bacallau nos asuntos exteriores. O fin do embargo require lexislación, iso si, pero para todo o demais, o Congreso case non ten voz nin voto.

Non é nada máis que conxuntural que a politización da política exterior en EEUU se deba a Kennedy e á súa xestión da política cara a Cuba. A pesar de non ser historiador, este analista opina que esta realidade foi inevitábel debido ao crecemento do imperio económico-militar e a polarización política da sociedade estadounidense. Pero é irónico que grazas ao que se iniciou con Cuba asegura que hoxe en día Cuba mesmo, no seu momento durante a Guerra Fría o punto xeopolíticamente máis importante para EEUU, converteuse nunha nota de pé de páxina mentres a clausura da prisión de Guantánamo (pero non a base) permanece como pedra no zapato da política interna.