x social media card en

Cambios de paradigma no novo mandato da UE (I): A triple coalición e a novísima dereita

Perante as eleccións europeas, entre o 6 e o 9 de xuño, a liña de investigación de Unión Europea do IGADI elabora esta nota de análise dos principais factores que marcarán os próximos cinco anos de axenda comunitaria.
Liñas de investigación Unión Europea
Apartados xeográficos Europa

O recente informe conxunto de prospectiva das institucións europeas analízanse toda unha serie de desafíos globais para a Unión Europea coa vista posta no 2040: crecente rivalidade xeopolítica, estancamento económico, policrise demográfica, emerxencia medioambiental, transición enerxética, incremento das desigualdades malia progreso económico global, aceleración tecnolóxica, desafíos sanitarios e a democracia e o estado de Dereito ameazados en todas partes.  O Consello Europeo do próximo mes de xuño aprobará a nova Axenda Estratéxica da UE 2024-2029, na que se tentarán adoptar un enfoque conxunto verbo destes desafíos. Á súa vez isto influenciará o programa do novo Presidente da Comisión Europea que será votado na eurocámara en Xullo e os Mandatos dos candidatos a Comisarios que serán examinados na respectiva Comisión Parlamentaria en setembro, previo á ratificación conxunta e a toma de posesión o 1 de novembro.

Entrementres repartiranse o resto de ¨top jobs¨ coma a Presidencia da Eurocámara e o novo Presidente do Consello Europeo, todo coa vista posta na batalla orzamentaria que comezará na primavera de 2025, a potencial nova expansión cara o Leste (Balcáns, Ucraína, Xeorxia), e quen sabe, se logo do grande proceso participativo da chamada Conferencia para o Futuro de Europa, unha nova encarnación do agritpop comunitario (alguén se lembra do Plan D da Comisaria Wallstrom?, ou dos diálogos nacionais impulsado por Macron ao comezo do seu primeiro mandato?) se poderá durante este mandato abrir a reforma dos tratados existentes.  Ao tempo, ainda está por ver se a Comunidade Política Europea, lanzada no 2022 remedo da falida iniciativa que antecedeu ao Tratado de Roma de 1957 e que no contexto de novo conflito con Rusia e o Brexit, crear unha nova arquitectura política e de seguridade europea distinta do marco xa existente na OTAN,  OSCE e do Consello de Europa.

 Os tempos de ¨Bruxelas¨ son coma os do filme ¨Interstellar¨ opérase nun plano de realidade diferente da do contexto doméstico.

A triple coalición e a novísima dereita

Coma en cada elección europea axítase o espectro das forzas antieuropeístas. Nestas eleccións para o mandato 2024-2029 tamén. Só que desta vez sí que é notablemente diferente.  As eleccións europeas seguen a eleccións estatais de segunda orde, por moito  que os aparatos dos partidos europeos en Bruxelas se inventasen o a figura dos ¨Spitzenkandidaten´ hai xa dez anos. Pois ben, a suma das diferentes enquisas estatais apuntan a que as forzas de extrema dereita e antieuropeístas non van a ser capaces de bloquear o que Simon Hix chama acertadamente o modelo ¨hiperconsociativo¨ comunitario. Por primeira vez será imprescindible na eurocámara sumar á grande coalición da posguerra Democristián-Socialdemócrata as reducidas hostes liberais (seguramente serán por primeira vez cuarta forza, por detrás do que hoxe é o grupo ECR escisión dos Populares Europeos dos tories británicos e o PIS Polonés, momento chave do proceso que acabou levando ao Brexit).

Na práctica esta triple coalición xa funciona desde sempre, pois ata hai pouco esas eran case exclusivamente as tres cores políticas dos Xefes de Estado e de Goberno no Consello Europeo. Ademáis, os grupos paneuropeos son grandes coalicións sen a disciplina de voto que acostumamos a ver a nivel doméstico, moito menos no caso da dereita dura do ECR de Meloni e non digamos a extrema dereita do grupo Identidade e Democracia de Le Pen e Salvini.

Cambio é máis sutil. Por un lado, estanse a producir un incremento de voces fóra do consenso europeo tradicional no Consello e por outra a crecente eficacia dos cantos de serea da dereita dura verbo dos conservadores tradicionais do PPE. O caso máis notable son os crecentes acercamentos programáticos (migración, ruptura do consenso xa acadado verbo do Pacto Verde Europeo e a chamada Lei de Restauración da Natureza) e tácticos entre Meloni, a nova estrela da dereita radical, e o PPE , o mesmo partido paneuropeo que se resistiu ata o penúltimomomento a expulsar a Orbán das súas filas só no 2021.

A fronda existente en boa parte de Europa, que Rodríguez Pose tivo a fortuna de chamar a “xeografía do descontento” é aínda máis forte no agro, e por iso ,só un ano de lanzarse a nova PAC, con novos requerimentos de orde medioambiental (e máis burocracia decidida por urbanitas que nunca colleron un sacho, todo sea dito) bastaron varias semanas de manifestacións para que en apenas un mes Von der Leyen desmontase boa parte do novo marco regulamentario da PAC co fin de calmar os ánimos do agro europeo.