Na periferia euroasiática están a ocorrer inéditas perspectivas de cambios xeopolíticos. Un deles ten que ver co recente e histórico achegamento entre Turquía e Armenia, a través dun audaz recoñecemento diplomático mutuo que pode ser explicado pola indubidable implicación da realpolitik de Moscova dentro deste espazo, comunmente interpretado como o seu “estranxeiro próximo”.
Previo ao achegamento con Armenia, Turquía aceitou unha importante baza enerxética e militar con Rusia, en especial coa distribución de oleodutos e gasodutos dende o vital Mar Caspio. Moscova reforza así un círculo xeopolítico clave, entendéndose con Washington unha vez aceptara moderadamente a estratexia de Obama en Afganistán e Asia Central a cambio das pretensións rusas no Cáucaso. Ao mesmo tempo, Moscova obtén unha estratéxica alianza con Ankara que lle permite xogar as súas cartas en Oriente Próximo.
Diversos factores puideron persuadir a Ankara a adoptar unha especie de “entente” con Moscova, probablemente impoñéndose unha en particular: o feito de que a Unión Europa está sumida nos seus dilemas internos de integración, pouco avezados a iniciar novas ampliacións no Leste, especialmente cara un país como Turquía, con reaccións polémicas dentro de Europa.
Paralelamente, o anuncio de que Turquía suspendía exercicios militares cun aliado estratéxico como Israel define outras perspectivas importantes que se incrementan ante a revelación dos primeiros contactos directos de alto nivel entre Israel e Irán, especialmente definidos en torno aos imperativos nucleares.
O actual goberno islamita turco de Erdogan mantén actualmente unhas tirantes relacións con Tel Aviv, especificamente trala ofensiva israelí en Gaza de decembro e xaneiro pasado. A semana pasada, unha investigación internacional revelou que Israel cometeu “crimes de guerra” en Gaza, obrigou a Ankara a suspender estes exercicios militares conxuntos con Israel, aínda que é prematuro e, probablemente, pouco realista considerar que isto signifique unha ruptura definitiva no eixe militar turco-israelí.
A clave parece estar centrada non só nas prioridades xeopolíticas de Erdogan senón da poderosa casta militar turca, tradicionalmente pro-occidental e favorable a afondar os seus contactos con Israel. A evidencia da súa perda de poder político ante Erdogan e o gobernante partido islamita AKP, así como a paralización das negociacións de admisión con Bruxelas, advertiu a esta casta militar da necesidade de abrir novos actores de influencia. Rusia, China e incluso, Irán e Siria, entraron subitamente na escena de prioridades turcas.
Este escenario amosase de gran interese para Moscova. A apertura dunha nova era de relacións con Washington deu paso á certificación para o Kremlin de apoiar moderadamente a estratexia centroasiática de Obama (con Afganistán e Paquistán no epicentro), a cambio dunha maior comprensión dos intereses rusos no seu particular patio traseiro euroasiático, especificamente no Cáucaso Sur.
O recente anuncio de Obama de retirar o polémico escudo antimísiles de Europa do Leste explicaría tamén este cambio de perspectiva da Casa Branca con respecto ao Kremlin, igualmente determinada polo súbito (e táctico) cambio da posición rusa cara Irán. Razón que permite a Moscova afiar as súas cartas, ao igual que considerar a Turquía como un socio estratéxico.
Estes cambios implicarán variacións importantes da tradicional xeopolítica occidental neste espazo, especificamente en Xeorxia e Ucraína. O presidente xeorxiano Mikhail Saakashvilli acumula maiores problemas internos, derivados de acusacións de autoritarismo, corrupción e da súa humillante derrota militar ante Moscova en agosto de 2008, que deu paso á aberta secesión dos seus territorios de Osetia do Sur e Abxazia. Neste sentido, Xeorxia observaba a EEUU e Israel como os vértices de contención da posibilidade dun “expansionismo ruso” no Cáucaso Sur.
O caso ucraíno é de considerable importancia, tendo en conta que as eleccións presidenciais previstas para xaneiro de 2010 poden acabar co goberno pro-occidental de Viktor Yushenko, a favor do candidato prorruso Viktor Yanukovich, incluso contando co apoio de prominentes figuras da “coalición laranxa” antirrusa que achegouse ao poder no 2004.
Resta por saber se Washington e Europa permitirán tacitamente unha orientación de Kiev máis dirixida cara Moscova, determinada tamén por factores xeopolíticos, como a presenza de grandes comunidades rusas en Ucraína, así como enerxéticos, unha poderosa arma que o Kremlin non dubida en utilizar, cando a situación o require.
Deste modo, a certificación dun eixe ruso-turco no Cáucaso, con implicacións cara Irán e Siria, suporá unha variante significativa da xeopolítica rexional, especialmente para EEUU e Israel, cunhas relacións que non pasan pola fluidez de antano. Washington e Tel Aviv poden afrontar un novo panorama do cal Europa parece seriamente ausente, sen resortes de reacción e aparentemente fóra de xogo. A perda de iniciativa occidental obrígalle a observar, con maior nitidez, os alcances dos intereses xeopolíticos estratéxicos doutros actores.